17 feb 2024

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2024

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Nesta edición de 2024 Carlos Callón foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2024 é:

#oamordapatriagalega

ROSALÍA: O AMOR DA PATRIA GALEGA

As palabras de Rosalía dábanlle dignidade e sentido á fala do pobo galego e ás súas vidas sen nome.

“O amor da patria me afoga”, escribiu na obra con que inaugurou a literatura galega contemporánea. O seu inmenso segundo libro no noso idioma vai dedicado ás persoas que se organizaban “volvendo para a súa patria os ollos e o corazón”.

Ese amor que ela aqueceu e proxectou é un alento que aínda hoxe mapea horizontes, abre porvires e renace día a día en cada persoa que levanta a cabeza para que Galiza exista, nun mundo mellor, diverso e igualitario. Un mundo, en fin, máis rosaliano…”

FONTE:AELG

No hay comentarios:

Publicar un comentario