11 abr 2025

VISITA DE LEDICIA COSTAS

O luns 7 de abril recibimos a visita da escritora Ledicia Costas que tivo un encontro literario co alumnado de 2º de Primaria para conversar sobre o libro “Curriño. O can influencer”, lectura deste segundo trimestre.

Lucía e Noa foron as encargadas de facer a presentación da escritora e darlle a benvida á nosa biblioteca.

Ledicia contounos en que se inspirou para crear a historia deste can tan especial. Explicounos que quería escribir una colección sobre cans porque lle gustan moito e que se inspirou nos cans máis coñecidos nas redes sociais.

O alumnado compartiu as súas opinións sobre o libro formulando numerosas preguntas ás que Ledicia respostou amablemente.

Ensináronlle o traballo e os debuxos que fixeron sobre Curriño. Agardamos con entusiasmo polas novas aventuras de Curriño!!!

Rematou a sesión asinando nos libros dos cativos e cativas. Grazas Ledicia pola túa visita!!!

10 abr 2025

OBRADOIRO DE REGUEIFA

O venres 4 de abril, tivemos a visita de Pinto de Herbón e Luis o Caruncho co seu tradicional “Obradoiro de regueifas”.

Ensinaron ao alumnado de 6º de Primaria a orixe das regueifas e a maneira de elaborar as coplas. Achegáronse a improvisación oral, ao ritmo, rima e xogos de palabras...

Aprenderon un montón e xa están preparados e preparadas para crear sin parar!. Grazas regueifeiros!!!

8 abr 2025

POESÍA E SÍNDROME DE DOWN NA RADIO DO SEIS

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

A clase de 3ºA preparou un programa para conmemorar o Día da poesía e visibilizar o Día Mundial do Síndrome de Down.

Desfrutade desta nova entrega!!!

7 abr 2025

OBRADOIRO DE CÓDIGO MORSE

No mes de marzo, o alumnado de 5º e 6º de Primaria tivo a oportunidade de coñecer o fascinante mundo da comunicación a través do código Morse.

O primeiro reto foi a construción dun telégrafo empregando materiais sinxelos: un cartón, un clip e dous encadernadores. Unha vez listo, conectámolo á plaquiña Makey Makey, que permitiu transformar os impulsos mecánicos en sinais eléctricos.

A continuación, utilizamos Scratch e un dos seus proxectos da biblioteca para decodificar as mensaxes en Morse. Con todo preparado, os alumnos de 5º de Primaria lanzáronse a escribir os seus nomes, o do colexio e outras palabras de xeito cifrado.

En 6º de Primaria, despois de montar o dispositivo e practicar un pouco, deron un paso máis e empregaron o código Morse para descubrir os nomes de varias artesás galegas e coñecer así o papel da muller nos oficios tradicionais.

Seredes quen de descifrar de quen se trata?

6 abr 2025

PACO NOGUEIRAS

O venres 4 de abril, o alumnado de Educación Infantil desfrutou dunha animación lectora con Paco Nogueiras.

Coma sempre, Paco chegou coa súa maleta cargada de contos para compartir con nós: "Violín, Cinco ratiños, Polo mar salgado, Tarde de sapo, Un, dous, tres. Que ves?, Bim Bam Bum".

Grazas a Paco e a Editorial Kalandraka por ofrecernos a oportunidade de desfrutar destos momentos marabillosos cheos de historias divertidas, rimas e cancións!!!

5 abr 2025

VISITA AO CENTRO DE DÍA ATENDO

O xoves 3 de abril, o voluntariado da biblioteca visitou o Centro de Día Atendo

Dende hai varios cursos desenvolvemos un proxecto de colaboración con este centro co obxectivo de establecer lazos interxeracionais e acompañar aos nosos maiores. Unha actividade que está enmarcada no Programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

Escomenzamos contando “Arte” de Patrick McDonnell. Arte é o nome do protagonista que da vía libre a súa creatividade a través dos trazos e das cores e que nos permitiu realizar unha actividade de robótica.

A rapazada, xunto aos usuarios e usuarias do centro crearon un cuadro abstracto manipulando o robot VinciBot.

Compartimos conversas, merenda e sorrisos!!!

Tamén houbo momentos para as lecturas compartidas que nos permitiron desfrutar de contos con temática diversa.

Teresa, Tusa e outras usuarias foron lendo as adiviñas que tiñan preparadas e ás que o noso alumnado foi respostando.

Rematamos coa entrega de agasallos e palabras de agradecemento.

Grazas ao todo o Equipo do Centro do Día Atendo por esta fermosa xornada chea de emocións e sentimentos!!!


4 abr 2025

VISITA DE ABEL TOMÉ

Co xornalista e escritor Abel Tomé iniciamos o programa de actividades que desenvolveremos na biblioteca neste mes de abril, o Mes do Libro.

O 1 de abril, o alumnado de 5º de Primaria tivo un encontro literario con este autor para conversar sobre o seu libro “Milú e o edificio das persoas extraordinarias”, Premio Merlín de Literatura Infantil 2024.

Desde o comenzo da sesión, Abel estableceu unha interacción coa rapazada, falando sobre as diferentes persoas que viven no edificio “Les Marginaux” e as súas habilidades que determinan que sexan extraordinarias.


Tratáronse os diferentes temas presentes no libro: a dignidade, a pobreza, a inmigración, a forza da comunidade fronte á adversidade...


É unha fábula que nos fala do poder que teñen os nenos e nenas para imaxinar e soñar un mundo mellor. Milú, o protagonista ten o don de construir soños.

O optimismo e a fantasia propios da infancia convértense nesta historia nun antídoto contra a intolerancia e o odio, e fan posible transformar en ternura, audacia, amor, humor e esperanza a tráxica realidade que padecen a diario multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo.


Rematou respostando ás moitas preguntas que lle fixeron (en que se inspirou, cando comenzou a escribir...) e asinando nos libros do alumnado.


Foi unha sesión moi amena e agradable. Grazas Abel pola túa visita!!!

3 abr 2025

BIBLIOLAB: MADEIRA

No mes de Marzo, as actividades que se desenvolveron na BiblioLab tiveron como eixo temático a "Madeira".

EMOCIÓNS EN MADEIRA

Representamos en madeira como nos sentimos (contento/a, triste, endafado/a...) empregando os diferentes materiais naturais que hai na mesa.

TRES EN RAIA

Creamos con paus o noso tres en raia para despois xogar.

A ORIXE: AS ÁRBORES

Xogos de memoria sobre as árbores, investigamos nos libros e experimentamos con follas.

XOGOS

Xogamos con diferentes xogos de madeira.

KAPLA

Un xogo en madeira que anima a explorar desenvolvendo a creatividade.

CONSTRUCIÓNS

Empregamos materiais de madeira para facer construcións.

FOLLAS

Investigamos nos libros sobre os diferentes tipos de follas e as decoramos. Creamos en relevo follas e escribimos os seus nomes.

BOSQUE “O REXO”

Pintamos ramas para crear o noso bosque seguindo a intervención artística de Ibarrola  no bosque de “O Rexo”.

2 abr 2025

DÍA MUNDIAL DA CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO 2025

#SomosInfinitos é a campaña do Día Mundial da concienciación sobre o Autismo 2025.

A campaña  resalta a diversidade e a singularidade existente dentro do espectro autista para concienciar á cidadanía de que non hai dúas persoas con autismo iguais;  aínda que compartan o mesmo diagnóstico, cada unha ten os seus propios intereses, capacidades e necesidades. Por iso, cada unha necesita uns apoios especializados e adaptados á súa situación persoal e ao seu momento vital.

O infinito de cores é o símbolo que representa a esta campaña.

-Símbolo do infinito para colorear.

-Manifesto en galego.

-Manifesto en pictogramas.

-Vídeo da campaña.

-Lecturas.

1 abr 2025

DÍA DO LIBRO INFANTIL 2025

Como en anos anteriores, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril, conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen. 

O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 

Holanda é a sección encargada de elaborar a mensaxe da escritora Rian Visser e o cartaz da ilustradora  Janneke Ipenburg co lema:

 “Estas palabras que saíron da miña boca

 son para ti”

GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, promove a celebración deste día e a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.

Cartel en galego.

Mensaxe en galego.

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

31 mar 2025

I ENCONTRO DOS CLUBS DE LECTURA

O xoves 27 de marzo tivemos o I Encontro dos Clubs de Lectura do Ceip Alfonso D. Rodríguez Castelao de Navia e do Ceip Plurilingüe Seis do Nadal.

Nesta primeira ocasión, cos nosos clubs de lectura de 5º e 6º, acercámonos ao Ceip Castelao para ter un encontro literario co escritor Pere Tobaruela e poder conversar sobre o libro que lemos, “Formig4s. Misión Entroido”.

Pere levounos ao seu mundo de imaxinación e creatividade a través das súas verbas explicándonos que o obxectivo das súas historias é que o lector/lectora desfrute e tamén  que aprenda.

Este enfoque didáctico permitiunos coñecer mellor o noso entroido tradicional no que a narrativa e a banda deseñada danse a man.

Chegado o momento o alumnado puido preguntarlle todo o que querían saber sobre os personaxes, temática, inspiración... e tamén que un novo título, “Formig4s. Misión Samaín”, estará en breve nas librarías para poder desfrutar dunha nova aventura destes fantásticos personaxes.

Rematamos a xornada cun pasapalabra sobre o libro.

Como agasallo entregamos á rapazada dos clubs de lectura unha chapa e un marcapáxinas como recordo desta marabillosa xornada !!!

Moitas grazas Pere por acompañarnos e compartir o teu tempo con nós!!

30 mar 2025

30 ANIVERSARIO DE PONTE...NAS ONDAS!

O noso centro participou na celebración do 30 aniversario da Asociación Ponte...nas ondas! asistindo o 26 de  marzo á Universidade de Vigo para interpretar o novo himno da asociación que foi composto pola compositora Ana Senlle e o músico Pancho Álvarez.

Os protagonistas desta xornada foron a música popular, o patrimonio inmaterial e a radio escolar.

No seguinte vídeo podedes ver e escoitar o himno.

27 mar 2025

ARTESANÍA NAS MOCHILAS VIAXEIRAS

Este curso o Seis convértese nunha Feira Artesanal, por iso,  nas mochilas viaxeiras ían propostas para facer en familia, empregando diferentes materiais de refugallo, pezas de madeira, elementos da natureza...

Compartimos uns exemplos das producións das familias que están expostas no vestíbulo do centro: cara de lixo reciclada, paxaros de madeira, punto de cruz con material reutilizable...

Grazas pola vosa colaboración!!

Mochilas Viaxeiras de Biblioteca Seis do Nadal

26 mar 2025

FAMILIAS LECTORAS

Familias que nos acompañaron neste mes de marzo e contaron un conto:

Juan Carlos, pai de Nora, 4º de Edº Infantil, “Los tres osos”, un conto popular inglés no que os osos reciben unha visita que altera a tranquilidade do seu fogar.

Elina, nai de Lucas, 5º de Edº Primaria, contounos “As pescadoras”, unha adaptación dun conto tradicional da India, que destaca polo seu poder evocador dos sentidos a través da decrición de lugares, sons, aromas… así como unha minuciosa escenografía con pequenas figuras, personaxes, obxectos e adornos alaborados con madeira, cartón, aramios ou elementos textiles.

Carlos, avó de Antón, 5º de Edº Infantil, contounos a historia de “A máscara do león”.

Cintia, nai de Erea, 5º de Edº Infantil, falounos de Tuco e Tico, dous monos que teñen en común a árbore na que viven e os seus veciños. Tuco é tranquilo e Tico é inquieto. Poderá a amizade superar as súas diferencias?. “Déixame en paz”.

Jose, pai de Luis, 1º Edº Primaria, unha fermosa historia para darse conta de todo o que pode perderse se deixas que os teus medos te deteñan,“E se me come unha balea?”.

Na clase da súa filla Noa de 2º Primaria, contoulles “Daniela pirata e a bruxa Sofronisa”. Á bruxa non lle gusta que a xente sexa feliz e quere que Daniela e os piratas do Caimán  deixen de sorrir.

Nati, nai de Alicia, 5º Edº Infantil, un fermoso álbum sobre o nacemento do arco da vella, “Sete dentes de león”. Esta historia sucedeu cando o mundo era gris. A vella tivo sete soños durante sete noites e naceron sete dentes de león que acenderon o mundo.

Sonia, nai de Xoel, 5º de Edº Infantil. Unha divertida historia contada en verso, “Conejo y sombrero”, na que acompañado do seu outro fillo Diego fixo varios trucos de maxia.

Ana Paula, nai de Eneko, 6º de Edº Infantil, ”A canción do cambio”, un himno ilustrado que a autora adica aos nenos e nenas que desexan alzar a súa voz para conseguir un mundo mellor.

Alejandro, pai de Nora, 4º de Edº Infantil, “Lola busca el arcoíris”. A lola gústanlle os arcos da vella máis que nada no mundo. Busca as cores por todas partes e comenza a súa aventura. Lola non se rinde, quere un arco da vella para ela soa.

Grazas por compartir con nós o voso tempo!!!