28 feb 2022

TEMPO DE ENTROIDO

Para estas datas recomendamos dous libros que fan un percorrido polos personaxes tradicionais do noso Entroido: cigarróns, peliqueiros, volante, troteiros, madamas e galáns, o oso, o merdeiro, mázcaras, pantalla, xenerais, o galo, ...

É tempo de Entroido! e Non pare a festa 

 Ramón D. Veiga 

 Ed. Xerais

Montamos un mural cos debuxos e manualidades das máscaras que fixo o alumnado para superar o reto de febreiro.

Unha pequena mostra deses traballos.

Entroido-Reto Febreiro de Biblioteca Seis do Nadal

23 feb 2022

DÍA DE ROSALÍA

Que mellor homenaxe para Rosalía que os seus versos, as súas verbas, os seus pensamentos,….

Celebramos o Día de Rosalía con varias actividades:

Seguindo a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega(AELG), cada aula escribiu versos nos pensamentos cos que decoramos o retrato de Rosalía no mural colectivo que montamos entre todas e todos.

Entregamos a cada aula, unha caixa, que contiña unha bota, un pensamento (a flor preferida de Rosalía) e terra para poder plantar. Despois de plantar colocamos as botas polas zonas verdes que temos no centro.

Outras actividades que se fixeron: exposición de libros, caligramas, lectura e ilustración dos seus poemas, flores,…
Obxectivos ODS da Axenda 2030

19 feb 2022

ROSALÍA DE CASTRO: RECURSOS

 Recursos diversos para coñecer a súa vida e obra. 

(Preme nas imaxes)

FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO 

Con información diversa, biografía, obras, imaxes, citas e frases,...

RUTA ROSALIANA 

É o itinerario que segue a vida de Rosalía de Castro, desde o seu nacemento, os diversos lugares onde ela viviu e remata onde repousan as súas cinzas. Transcorre polos concellos de Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago á beira do río Sar.


DÍA DE ROSALÍA 2022

Unidades didácticas, contos e cantos,...

DESCUBRINDO A ROSALÍA
Un paseo virtual pola súa vida e obra

PASATEMPOS ROSALIANOS-AULAS GALEGAS

Pequena serie de pasatempos (encrucillado, sopa de letras, salto do cabalo…) para facer un achegamento lúdico á fígura de Rosalía de Castro e aos seus textos

ROSCO SOBRE ROSALÍA

A través das preguntas que se formulan neste rosco, o alumnado de educación primaria poderá ir repasando os coñecementos adquiridos sobre Rosalía de Castro, tanto os relacionados coa súa biografía, como os que teñen que ver coas obras e o legado literario da escritora.

BRINCALETRAS

SON DE POETAS

Recompilación de varios poemas

POEMAS MUSICADOS

17 feb 2022

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Para a edición de 2022 Beatriz Maceda Abeleira foi a escritora escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións e centros de ensino.

..."Alimentamos a realidade do noso País a través da nosa lingua e das palabras que envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua...."

O lema escollido para este 2022 é: #SementadePensamentos

"Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino"

Seguindo a proposta da AELG para os centros escolares, no noso colexio, plantaremos pensamentos (flor favorita da escritora) en botas vellas e montaremos un mural colectivo, que decoraremos con pensamentos cheos de versos da nosa poetisa, colocados arredor do rostro de Rosalía de Castro.

FONTE: AELG

16 feb 2022

APORTACIÓN DE LIBROS ANPA

Queremos agradecer a ANPA do Seis do Nadal, a súa aportación dun lote de libros, que pasarán a formar parte dos fondos da nosa Biblioteca. Grazas e a disfrutalos!!!

14 feb 2022

CITA A CEGAS CUN LIBRO

Nesta semana, do 14 ao 18 de febreiro, na Biblioteca, imos celebrar o amor polos libros cunha actividade de animación á lectura moi especial, “CITA A CEGAS CUN LIBRO”.

Animádesvos?

Cada clase recibirá un paquete. Abrideo e descubriredes libros envoltos en papel de periódico con corazóns de cores, que indican a idade a quen van dirixidos.

Non teñen nin título, nin autor/autora, nin imaxes, nin pistas,... para que non poidas saber que hai no seu interior: aventuras, misterio,...

Escolle un deles e déixate sorprender!!!

Non esquezas!!!…Non debes abrilo ata chegar a casa!!!

E…descubre historias que te namorarán!!!

11 feb 2022

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

No ano 2015, a ONU estableceu un Día Internacional para recoñecer o rol crítico que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e a tecnoloxía. A finalidade é lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.

A iniciativa 11 de Febreiro promove a realización de actividades para visibilizar a labor das científicas e fomentar vocacións científicas nas nenas.

A ciencia e a igualdade de xénero son vitais para alcanzar os ODS,  incluidos na Axenda 2030, nos que moitas das nosas bibliotecas escolares están a traballar.

Máis información sobre o tema en:

·       ONU Mulleres

·       11 de Febreiro org

·       Mujeres con ciencia

·       Mulleres de ciencia en Galicia

Fonte: Bibliotecas Escolares

Dende o Equipo de Biblioteca plantexamos varias actividades, experimentos, xogos, fichas de investigación,... que se desenvolverán na BiblioLab dende o próximo luns 14 de febreiro.


Procura documental, cos libros informativos seleccionados, para realizar investigacións sobre Mulleres Científicas.

Exposición de libros sobre mulleres pioneiras e científicas.

Obxectivos ODS da Axenda 2030

7 feb 2022

OBRADOIRO DE SCRATCH

Con motivo da semana adicada á Paz, plantexamos unha actividade para realizar na BiblioLab, esta consistiu nun Obradoiro de SCRATCH, no que a rapazada desfrutou e aprendeu creando un holograma cuxa protagonista foi a pomba da Paz.

6 feb 2022

CONTACONTOS POLA PAZ

O voluntariado da Biblioteca, alumnado de 6º, preparou varias lecturas para contar a 1º e 2º de Primaria durante a Semana da Paz.


Os libros seleccionados foron: A pomba dona Paz, El árbol de la amistad, Unha longa viaxe, Wangari y los árboles de la Paz, O lápis máxico de Malala. 

Foi unha Hora de Ler diferente!!!

Posteriormente, as clases realizaron diversas actividades a partir desas lecturas: debuxos, ilustracións, vídeos,… 

Historias  que nos levaron ao diálogo e á reflexión.

Obxectivos da Axenda 2030

3 feb 2022

RETO FEBREIRO

Febreiro é o mes do Entroido e, si unha nova etapa do camiño queres superar, unha tarefa terás que facer: investigar as máscaras ou traxes tradicionais de Entroido das zonas polas que pasa o camiño que estades traballando na vosa aula.

Facer un debuxo ou unha manualidade desa máscara ou traxe e traela á biblioteca para facer unha exposición.

Agardamos as vosas  respostas!!!

ENTROIDANDO NO CAMIÑO!!!!