28 feb 2026

3ª XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA DE 5º

A reunión do Club de Lectura de 5º de Primaria o venres 27 de febreiro foi unha experiencia moi especial. Comezamos compartindo as nosas impresións sobre o libro "Animais fantásticos de aldea". Cada neno/nena tivo a oportunidade de expresar o que máis lle gustou da historia, cales son os personaxes favoritos e que escenas nos chamaron a atención. Foi un momento moi enriquecedor onde aprendimos a valorar diferentes perspectivas e a escoitar con atención.

A continuación, trasladámonos á aula croma para vivir unha aventura creativa. O obxectivo era recrear a portada do libro. Cada participante converteuse nun dos personaxes, imitando as súas posturas e expresións características. Fixemos fotografías para integrar as imaxes na portada orixinal, converténdoos en verdadeiros protagonistas

O resultado foi fantástico! Ademais de divertirnos moito, conseguimos: sentirnos parte da historia e experimentar a lectura dunha maneira diferente e emocionante.


27 feb 2026

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA

Ao longo da semana do 23 ao 27 de febreiro preparamos diversas actividades pensadas para que o alumnado coñecese a figura de Rosalía de Castro a través de diversas formas de expresión artística e creativa: programa de radio, retratos, lecturas, marcapáxinas…

O 23 de febreiro, a biblioteca abriu as súas portas a unha visita moi especial. Rosalía, coma saída dun libro antigo, apareceu para compartir a súa vida e obra cos nenos e nenas de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria.

Con voz doce, Rosalía contounos esas historias que tanto amaba e que inmortalizou nos seus versos. A súa narración estivo arroupada por melodías e poemas recitados que resaltaron a esencia da nosa identidade e a beleza da nosa lingua.


O venres 27 de febreiro, como peche das actividades, o alumnado de 3º a 6º de Primaria tivo a oportunidade de gozar da interpretación de "Maio longo" de Rosalía de Castro a cargo das "Cantareiras do Seis". Foi un momento emotivo e especial que conectou a música coa poesía.


Ligazón ao vídeo da actuación:


https://drive.google.com/file/d/1sbqSv8Rm1NRXbxXQ0GHM_xql4_I7mRQO/view?usp=drivesdk

26 feb 2026

ROSALÍA NA RADIO DO SEIS

Cada 23 de febreiro, a alma de Galicia florece en cada verso, en cada lembranza da nosa Rosalía de Castro. 

A clase de 4ºA, preparou un programa para honrar a Rosalía. Unha viaxe a través da súa vida e obra, descubrindo a súa paixón, o seu compromiso e a súa inmensa sensibilidade.

Desfrutádeo!

25 feb 2026

BIBLIOLAB: ENTROIDO E ROSALÍA

O mes de febreiro estivo cheo de actividades divertidas e educativas na BiblioLab! Exploramos o entroido e a figura de Rosalía de Castro a través do xogo, creación e investigación.

O alumnado mergullouse no espírito do Entroido! Investigamos a figura do "Merdeiro", un personaxe emblemático do Entroido vigués, completando unha ficha de investigación para afondar na súa historia e significado. Despois decoramos a carauta con diferentes materiais.

Ademais, coa axuda do Talebot, descubrimos os personaxes do Entroido tradicional galego. 

Tamén houbo tempo para a diversión con xogos tradicionais como o Dobble, o dominó e o xogo das familias, fomentando a socialización e o traballo en equipo.

Achegámonos á figura de Rosalía de Castro a través do xogo "R de Rosalía", no que xogamos á oca mentres aprendiamos sobre a súa vida e obra. Tamén completamos unha ficha na que reflexionamos sobre o que xa sabiamos da nosa poetisa.

24 feb 2026

CREATIVIDADE CON LEGO

Durante os meses de xaneiro e febreiro, a biblioteca transformouse nun circo grazas á imaxinación e habilidade dos nenos e nenas que participaron. O elemento principal desta transformación foron as pezas de Lego, que serviron como ferramenta para dar vida a estruturas circenses e pallasos.

A actividade non só fomentou a súa creatividade e habilidades de construción, senón que tamén destacou a importancia do traballo en equipo e a colaboración. A biblioteca convértese así nun espazo de encontro, aprendizaxe e diversión.

22 feb 2026

LIBROS PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA

Para celebrar o Día de Rosalía, organizamos unha exposición de libros que reúne títulos que permiten coñecer mellor a vida, o pensamento e o significado da súa poesía.

A través destas lecturas, descubrimos unha poeta comprometida coa súa terra, coa lingua galega e coa dignidade das persoas. Rosalía escribiu sobre a emigración, a soidade, o amor, a inxustiza, pero tamén sobre a esperanza e a beleza que habitan nas cousas sinxelas.

Que cada páxina lida sexa unha homenaxe a Rosalía!!!

Lecturas Día de Rosalía de Castro de Biblioteca Seis do Nadal

19 feb 2026

ROSALÍA DE CASTRO: RECURSOS

Para achegarnos á vida e obra de Rosalía de Castro podedes consultar os seguintes recursos. Premendo nas imaxes accederedes aos seus contidos.

FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO

Páxina web con toda a información sobre Rosalía de Castro, biografía, obras, imaxes... 

CASA DE ROSALÍA

Recursos educativos para diferentes niveis educativos

ROSCO SOBRE ROSALÍA

UNIDADE DIDÁCTICA: ROSALÍA DE CASTRO-ARASAAC 

Breve historia de Rosalía en pictogramas


UNIDADE DIDÁCTICA 

DÍA DE ROSALÍA 2026

Material didáctico elaborado por docentes de varios centros

MUSICANDO A ROSALÍA

Do Ceip Juan Fernández Latorre (A Coruña)

MINILIBRO SOBRE A VIDA DE ROSALÍA 

"amestracris"

18 feb 2026

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2026

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o DÍA DE ROSALÍA.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Nesta edición de 2026 Eva Vega é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2026 é:

"Mais eles tamén perdidos"

Cara a onde imos?

Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.

“Mais socede nesta vida

 que os que ten culpa na levan.”

Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración. Falamos da bondade que é a  intelixencia máis evolucionada, a que procura o ben do individuo canda o ben da colectividade á fin de mellorar o mundo que habitamos. Porque xa nolo deixou escrito Rosalía, poeta universal, muller afouta e adiantada ao seu tempo que falou alto e claro:

"Sin amar cal é negra esta vida

E perde o sol o seu brilo."

FONTE: AELG

17 feb 2026

ACTUALIZAMOS OS XOGOS NAS MOCHILAS

Informámosvos de que renovamos os xogos dispoñibles nas nosas 7 Mochilas de Xogos este mes de febreiro. Cada mochila contén dous xogos diferentes, deseñados para ofrecer diversión e aprendizaxe en familia.

Se estades interesados en solicitar unha mochila en préstamo, tedes que enviar un correo electrónico a bibliotecaseisdonadal@gmail.com indicando o nome e o curso do/da fillo/filla.


As mochilas préstanse por unha semana. Asignaranse por orde de solicitude e entregaranse ao voso fillo/filla. Rexistraranse co número de carné da biblioteca do alumnado.


Dentro de cada mochila atoparedes as normas de uso correspondente a cada xogo e un QR.


Para ver os xogos incluidos en cada mochila con máis detalle, consultade a seguinte presentación.

Mochilas de xogos de Biblioteca Seis do Nadal

15 feb 2026

O ENTROIDO NA RADIO DO SEIS

A Radio do Seis volve cunha nova entrega chea de cor, música e alegría. Nesta ocasión, o protagonista é o Entroido, unha das festas máis esperadas do ano.

A clase de 1ºA foi a encargada de preparar un programa para contar como se viviu a semana de Entroido no colexio. A voz dos nenos e nenas encheu o aire de entusiasmo, demostrando que o Entroido é moito máis ca unha festa: é unha oportunidade para compartir, rir e celebrar xuntos.


Agardamos que o desfrutedes!


14 feb 2026

OBRADOIROS NO ENTROIDO

A semana do 9 ao 13 de febreiro foi unha explosión de alegría e tradición no noso cole, co Entroido como protagonista. Unha semana intensa, chea de actividades que achegaron o noso alumnado á riqueza cultural do Entroido galego.

O alumnado de 1º de Primaria tivo a sorte de contar coa presenza de Sonia, nai de dous alumnos e membro da ANPA, que impartiu unha interesante charla sobre o Entroido vigués e a figura do Merdeiro. Sonia amosou elementos típicos como a carouta e a roupa tradicional, explicando a súa orixe e significado.

A rapazada de 4º de Primaria participou nun obradoiro de instrumentos de percusión tradicional, a cargo da Asociación Veciñal do Casco Vello. Este obradoiro serviu como preparación para a Reconquistiña, unha celebración moi importante na nosa cidade.

Un ano máis, celebramos o tradicional obradoiro de cociña onde preparamos as deliciosas roscas de Entroido que estaban riquísimas e que compartimos coa comunidade educativa.

Durante toda a semana, cumprimos os Mandadiños do Meco e desfrutamos desta festa!!! 

13 feb 2026

DÍA MUNDIAL DA RADIO 2026

O 13 de febreiro conmemoramos o Día Mundial da Radio, proclamado pola UNESCO. Desde 1995, a Asociación Cultural e Educativa PONTE...NAS ONDAS! vén promovendo a radio escolar como unha ferramenta educativa esencial para potenciar as habilidades comunicativas do alumnado.

Este ano, o lema é "A Radio e a Intelixencia Artificial", un tema de grande actualidade e relevancia para o futuro da comunicación.

                            

Carla, Pedro, Mateo e Antía, alumnado de 6º de Primaria e voluntariado da biblioteca, reflexionan sobre o papel da IA na radio. Cando se utiliza de maneira ética e responsable, a IA pode ser unha ferramenta valiosa: axuda na edición de audio, na transcrición de entrevistas e mesmo na creación de contido. Porén, lembran algo fundamental: A tecnoloxía por si soa non xera confianza.


A IA é unha ferramenta, non unha voz!


Neste Día Mundial da Radio, reafirmamos o valor da radio escolar como espazo de aprendizaxe, creatividade e expresión. A IA pode ser unha aliada, pero o corazón da radio continúa sendo a voz das persoas e a súa capacidade de conectar, informar e emocionar.

10 feb 2026

LECTURAS DE ENTROIDO

O Entroido chegou! É tempo de celebrar, disfrazarse e desfrutar da nosa rica gastronomía (filloas, orellas, cocido…). Prepárate para días cheos de cor, música e tradición!

O Entroido en Galicia é unha festa única, chea de personaxes e tradicións propias. Desde os cigarróns de Verín ata os peliqueiros de Laza, pasando polos volantes, troteiros, madamas e galáns, o oso, o merdeiro, mázcaras, pantallas, xenerais, o galo… cada lugar ten a súa particular maneira de celebrar esta época do ano.

O equipo de biblioteca preparou unha escolma de lecturas para estas datas. Podes atopala en exposición e mergullarte nas súas historias.

Recomendamos tres libros que fan un percorrido polos personaxes tradicionais do noso Entroido.

GUÍA ILUSTRADA DO ENTROIDO GALEGO

Xabier Domínguez e Alba de Evan con ilustracións de Iria Prol. Ed. Xerais

Unha guía divertida e amena para coñecer algúns dos Entroidos máis sorprendentes de Galicia, con ilustracións e curiosidades que farán rir, aprender e querer saír a correr tras as máscaras. Prepárate para o mellor Entroido da túa vida!

É TEMPO DE ENTROIDO!

 Ramón D. Veiga con ilustracións de David Sierra 

Ed. Xerais.

É tempo de Entroido, de festa, de máscaras, de filloas e de cocido. E que pasa cando se xuntan algúns dos personaxes máis senlleiros do Entroido para darse unha boa paparota? Que non deixan nin a vergonza do galego!

NON PARE A FESTA. É tempo de entroido 2

Ramón D. Veiga  con ilustracións de David Sierra 

Ed. Xerais

Un grupo de personaxes do Entroido Galego, con instrumentos musicais e outros útiles para montar estrondo, xúntanse co propósito de organizar unha boa festa.

8 feb 2026

OBRADOIROS DE POLOS CREATIVOS: DESEÑO 3D E MÚSICA POLA PAZ

Durante estas últimas semanas, dentro das actividades do Polo Creativo, o alumnado de 3º e 5º de Primaria participaron en actividades STEM cuxo eixo temático foi a PAZ.

O alumnado de 3º de Primaria participou nun obradoiro de deseño e impresión 3D no que, partindo dunha reflexión sobre o significado da paz, cada neno e nena deseñou o seu símbolo da paz co programa Doodle3D. Logo, co apoio do profesorado, puideron ver como as súas ideas tomaban forma grazas á impresora 3D e, despois de completar todo o proceso, transformáronse en colgantes que cada un e unha levou como recordo desta experiencia.

 

Por outra banda, o alumnado de 5º de Primaria recibiu unha carta inspiradora do compositor Ludwig van Beethoven, na que lles explicaba o que supuña para el a paz e como a expresou a través da súa música, como fixo co Himno da Alegría. A partir desta mensaxe, desenvolveron un proxecto no que a rapazada construíron un piano con materiais sinxelos (cartón e papel de aluminio) conectados a Makey Makey e, tras programar as teclas en Scratch, foron capaces de interpretar o Himno da Alegría. 

6 feb 2026

A RADIO DO SEIS: DÍA DA PAZ

A Radio do Seis regresa cun novo programa, preparado con moito agarimo polas clases de 2ºB e 5º de Edº infantil B.

Este programa está dedicado á conmemoración do Día da Paz. Exploraremos a importancia desta data e reflexionaremos sobre como podemos contribuír a un  mundo máis xusto e pacífico. Os nosos pequen@s artistas tamén recitan dous fermosos poemas sobre a Paz.

Desfrutade desta nova entrega!!!

5 feb 2026

BIBLIOLAB: CONSTRUÍNDO A PAZ

Durante o mes de xaneiro, a BiblioLab foi un espazo de xogo, creación e aprendizaxe enfocada na convivencia e o respecto. As actividades deseñáronse para fomentar a colaboración, a creatividade e a comprensión de conceptos relacionados coa paz.

Comezamos coa composición dun quebracabezas temático. Despois, empregamos o Tale Bot para explorar elementos e personaxes vinculados á Paz.

Unha das actividades máis creativas foi a decoración de símbolos da Paz. Utilizando unha variedade de materiais, o alumnado expresou a súa visión da paz a través da arte.

Para estimular o traballo en equipo e o vocabulario, organizamos xogos de scrabble. Os equipos traballaron xuntos para construír palabras relacionadas coa Paz, promovendo a comunicación e a colaboración.

O xogo de dominó tamén tivo o seu espazo. A simple acción de repartir as pezas converteuse nunha oportunidade para aprender sobre a importancia de compartir e de traballar xuntos para alcanzar un obxectivo común. O xogo fomentou o pensamento estratéxico e a paciencia.