31 mar 2022

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2022

Como en anos anteriores, coincidindo coa data de nacemento de Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 

Canadá é a sección encargada de elaborar a mensaxe do escritor Richard Van Camp e a ilustración de Julie Flett: "As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día". Unha homenaxe ao poder dos libros infantís para expandir os nosos horizontes, acender a nosa imaxinación e fomentar a comprensión.

Ler é liberdade. Ler é respirar.

Ler permite que vexas o noso mundo con ollos diferentes e convídate a habitar mundos que nunca vas querer deixar.

Ler permítelle ao teu espírito soñar.

Seica os libros son amigos para toda a vida, eu acredito niso.

A plenitude do teu universo só medra cando les.

As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día, xa que logo busca libros que lle falen ao teu espírito, ao teu corazón, á túa mente.

As historias son menciña. Curan. Reconfortan.

Inspiran. Ensinan.

Benditos sexan os narradores, e os lectores, e os oíntes. Benditos sexan os libros. Eles son a menciña para un mundo mellor, máis luminoso.

Mahsi cho. Moitas grazas.

RICHARD VAN CAMP, AUTOR

TRADUCIÓN: MERCEDES PACHECO

GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.

-Mensaxe e cartel en galego. 

-Día do Libro Infantil - OEPLI

FONTES: BIBLIOTECAS ESCOLARES E GÁLIX

24 mar 2022

ENCONTROS PLAMBE 2021-2022

Mañá 25 de marzo asistiremos aos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares correspondentes ao curso 2021/2022, nos que haberá intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a lectura, a literatura, a comunicación, a mediación lectora, a alfabetización mediática e informacional, o patrimonio inmaterial. 

Ademais, presentaranse un total de 18 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, traballo por proxectos, familias na biblioteca escolar, radio na biblio, biblioteca inclusiva, voluntariado e outros,…).

Un espazo de encontro no que as Bibliotecas Escolares de Galicia teñen a palabra.

PROGRAMA

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

23 mar 2022

STORYTELLING

Esta semana iniciamos os contacontos en inglés.

Os martes, as clases de Infantil, 1º e 2º de Primaria, pasarán pola biblioteca para participar na actividade de animación á lectura, Storytelling, e escoitar os contos que a teacher Lourdes e a Auxiliar de Conversa preparan.

Nesta ocasión un grupo de infantil de cinco anos disfrutou coa historia "What Color is a Kiss?" de Rocío Bonilla, Ed. Algar. 

19 mar 2022

DÍA MUNDIAL DA NARRACIÓN ORAL 2022

O DÍA INTERNACIONAL DA NARRACIÓN ORAL conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. 

Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. 

Unha enquisa entre os integrantes do colectivo NOGA (Narradores Orais de Galicia) así o deixa claro: non hai día no que nalgún lugar da xeografía non estea un/unha narrador/narradora contando historias.

O 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.


Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo.


Entre os artistas participantes figuran Raquel Queizás, Dani Blanco, Cristina Collazo, Charo Pita, Pablo Díaz, Anxo Moure, Servando Barreiro, Candido Pazó, Quico Cadaval, Sole Felloza, Paula Carballeira, Tarabelos, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.

Nesta edición, o escritor, investigador e creador da web Galicia EncantadaAntonio Reigosa é o autor do Manifesto, un texto que chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

13 mar 2022

8M: PIONEIRAS QUE ABRIRON "CAMIÑO"

Polo 8M percorremos os camiños que abriron para nós, en distintos ámbitos, mulleres valentes e emprendedoras.

Empregamos dous libros: Pioneiras 1 e Pioneiras 2, Galegas que abriron camiño. Anair Rodríguez. Ed. Xerais.

Precursoras galegas: fotógrafas, mestras, arquitectas, inventoras, astrónomas,… que foron capaces de desviarse do vieiro que a sociedade do momento lles reservaba e facer grandes contribucións sociais e conquistas de dereitos que legan ás novas xeracións.

Cada clase investigou a unha pioneira e, posteriormente fixemos unha composición plástico-visual con cartulinas e botas vellas pintadas de morado.

8M-Pioneiras de Biblioteca Seis do Nadal

Obxectivos ODS da Axenda 2030

9 mar 2022

SALÓN DO LIBRO 2022

O XXIII Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, desenvolverase do 11 ao 27 de marzo, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O tema deste ano é  CON MOITA ARTE!

                Cartaz da ilustradora Bea Gregores

Un programa onde a arte, a música, a narración oral, a escrita, a ilustración, o cinema, a BD, a danza, o teatro, os monicreques, as novas tecnoloxías e a maxia veñen da man dos libros para facernos gozar, reflexionar e estimular o noso lado máis creativo.

Como autor@s homenaxead@s están a escritora Marica Campo e o ilustrador Xosé Cobas, polo seu labor pioneiro para crear e dignificar a literatura infantil e xuvenil galega. 

Este ano haberá máis de 300 actividades para familias e escolas, nos que ademáis do libro e a lectura celebraremos os días da Narración Oral, da Auga e da Poesía.

Todo o Programa aquí.

Máis información en  

                  https://www.salondolibro.gal/

 

6 mar 2022

8M: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O tema do Día Internacional da Muller do vindeiro 8 de marzo de 2022 é: “Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible”, recoñecendo a contribución de mulleres e nenas de todo o mundo que están liderando os esforzos de respostas, mitigación e adaptación ao cambio climático, para construir un futuro máis sostible para todas as persoas.

As mulleres e as nenas, implícanse en iniciativas sostibles en todo o mundo e a súa participación e liderazgo xeneran unha acción polo clima máis eficaz.

Para lograr o desenrolo sostible e unha maior igualdade de xénero é esencial seguir explorando as oportunidades para permitir que as mulleres e as nenas teñan voz e participen en pé de igualdade na toma de decisións relacionadas co cambio climático.

Sin igualdade de xénero hoxe, o futuro sostible e igualitario seguirá estando fora do noso alcance.

A Axenda 2030 marca como Obxectivo número 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas deben apoiar a igualdade de xéneros e ofrecer lugares e actividades de encontro e empoderamento.

Nas seguintes ligazóns atoparedes recursos e información para traballar o tema.(Preme nas imaxes)

ONU MULLERES

APRENDE COAS MULLERES GALEGAS 

Proxecto con unidades didácticas e actividades para coñecer a mulleres galegas de diferentes eidos da sociedade, escritoras, mestras, biólogas,... 

ALBUM DE MULLERES GALEGAS

Centro de documentación dixital para divulgar e investigar a contribución das mulleres á sociedade e cultura galega.

PORTAL DAS PALABRAS

Sete palabras de pioneiras para o Día da Muller

Sete palabras de Muller

BRINCALETRAS-8M MULLERES GALEGAS

Cep Campolongo-Antonio Ferrer Moreira

LECTURAS EN FEMININO

PASAPALABRA-DÍA DA MULLER

Ceip Plurilingüe de Rubiáns-Belén Junquera

4 mar 2022

RETO MARZO

Xa estamos en Marzo, mes do renacer da natureza e da primavera. Se queres seguir avanzando terás que investigar sobre as especies vexetais que podes atopar no camiño que estades traballando na vosa aula.

Escolle unha árbore ou planta típica desa zona é recolle esa información nunha folla, nun mural, nunha manualidade ou gravando un vídeo.

Trae á biblioteca o teu traballo ou enviao ao correo bibliotecaseisdonadal@gmail.com

Agardamos as vosas respostas!!!! Bo Camiño!!!! 

 Obxectivo ODS da Axenda 2030