20 dic 2018

GUÍA DE LECTURAS DE NADAL

Coma todos os anos por estas datas achegamos a nosa Guía de Lecturas.

Contos, poesía, música, receitas, libros para coñecer as nosas tradicións e a nosa cultura,… para compartir momentos máxicos en familia.

Podedes facer as vosas peticións ao Apalpador, a Papa Noel ou aos Reis Magos.

Serán as lecturas que traballaremos á volta de Nadal e  contaremos coa presenza dos autores e autoras que nos visitarán para falar dos seus libros.
Este Nadal, agasalla maxia, agasalla libros!!!
Bo Nadal e Felices Lecturas!!!

19 dic 2018

RECANTO MAKER

Unha das novidades na biblioteca este ano é o Recanto Maker.
Un espazo para a creatividade e a imaxinación. Orientado para aprender fedellando, fomentar o pensamento creativo,  compartir e asimilar coñecementos.

Normas do recanto:


Materiais que o conforman:

-Escornabots e tableros coas instruccións de cada un dos xogos en pictogramas.
-Xadrez, dominós, tres en raia, parchís, damas,....
-Tangram.
-Dados para contar historias e contos.
-Xogos e kits diversos de pezas e montaxe.
-Libros e contos de robótica e programación.

Ao longo do curso iremos dotando de máis materiais o espazo.

E chegan os venres, na hora do recreo, a ocupación da biblioteca é total, todos e todas agardan para poder desfrutar desos xogos. Os voluntarios e voluntarias son os encargados de explicar e axudar aos máis pequenos neste tempo.

18 dic 2018

EXPOSICIÓN DE LIBROS SOBRE O NADAL

Exposición de contos sobre o nadal e a súa maxia.
Na biblioteca e noutros recantos temos preparada unha selección de lecturas para estas datas,libros que falan do Apalpador,Papa Noel,os Reis Magos,historias e contos de Nadal....
Achégate a biblioteca e desfruta desta exposición!!!

10 dic 2018

O APALPADOR


Nos últimos anos estase a recuperar a figura de O Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandigueiro. É un personaxe que vivía nas altas montañas das serras orientais de Galicia e que nos días do inverno baixa ás aldeas e vilas dos vales para apalparlles a barriguiña ás meniñas e aos meniños por ver se comeran ben durante todo o ano, decíndolles "Así, así esteas todo o ano", achegándolles castañas e agasallos feitos a man.
Ilustración de Leandro Lamas

O Apalpador, de profesión carboeiro, mora nas devesas das montañas do Caurel e outras serras orientais de Galicia e caracterízase fisicamente por ser un xigante bonachón que viste boina e traxe esfarrapado e con remendos, fuma en pipa e aliméntase con baias salvaxes e os porcos bravos que caza no monte.

O Apalpador é moi lambereteiro e se as nenas e os nenos lle deixan un calcetín ou uns zapatos con algo doce para axudarlle a andar toda a noite visitando todas as casas de todos os nenos e nenas galegos, el entrégalles os  agasallos de madeira, tea e cartón que fixo coas súas mans no tempo de lecer do resto do ano. Ao Apalpador gústanlle máis os xoguetes feitos á man con materiais naturais como a madeira ou o barro, cheos de cariño e respectuosos co medio ambiente, que aqueles de plástico, automáticos e con pilas que gastan moita enerxía e empobrecen os nenos e nenas doutras partes do planeta.

O Apalpador recupera unha figura da nosa tradición relacionada co Pai Inverno e mesmo co propio Papá Noel, propia dos pobos preindoeuropeos e espallada por toda Europa, quizais relacionada cos ancestrais cultos á divinidades do Inverno, protectores das colleitas e do gando que, por influencia do cristianismo foi desaparecendo. Recuperar o Apalpador é un acto de reivindicación das nosas tradicións e dun consumo solidario e responsable.

Máis información e recursos nas seguintes ligazóns:

-Páxina web
-Páxina da Coordinadora Galega dos Equipos de Normalización

Pasade pola biblioteca e  poderedes  ler os libros que temos sobre o Apalpador.

    Conto en pictogramas (preme na imaxe)
Cancións sobre o Apalpador
-Canción  de Malvela
-Canción "O Apalpador" incluída no libro  "TOC TOC", de Pablo Díaz.
-Canción "O Apalpador" incluída no libro "Estación Nadal", de Mamá Cabra
-Canción"O Apalpador" no libro  "Brinca Vai" de Paco Nogueiras
-Canción "O Apalpador" incluída no libro "Lucecús", de Pirilampo.

9 dic 2018

CONTOS NA LAREIRA


O mes de Novembro adicámolo á Tradición Oral. Nun recanto  recreamos a  cociña  dunha aldea  e  convidamos á Comunidade Educativa a que viñera contar contos populares e lendas de tradición oral.
Viñeron avoas, mamás , papá, madriña e mestras a contarnos esas historias fantásticas e máxicas (de mouras, de personaxes da nosa mitoloxía,....) que se trasmitiron ao longo das xeracións de boca en boca e que son reflexo da nosa identidade.

Pola súa participación recibiron un diploma. Grazas por compartir o voso tempo con nós !!!!

Na biblioteca tivemos unha exposición de : contos populares (A Nosa Terra), Contos marabillosos (Edicións do Cumio), a colección Cabalo Buligan (Ed.Xerais), ...

Tedes información sobre a nosa tradición nas seguintes ligazóns: