27 mar 2017

IAGO LÓPEZ VISITA O SEIS

O martes 21 contamos con  Iago López , contacontos e autor do libro "O Cociñeiro Martiño".

Iago, transformouse no cociñeiro Martiño, o protagonista do seu libro, para facer disfrutar ao alumnado de 1º e 2º.
Nunca cinco ingredientes e a elaboración dun biscoito deron tanto de si.

"No palacio real andan buscando alguén para traballar nas cociñas. Unha persoa que saiba guisar, asar e cocer para reis, raíñas, marquesas, duquesas e príncipes de todas as cores e condicións… Martiño quere preparar o mellor biscoito da súa vida, pero antes debe conseguir os ingredientes que precisa". 

Para elo contou coa axuda e a colaboración dos nenos e nenas que se convertiron nos personaxes da historia.

Grazas pola túa visita!!


26 mar 2017

PRIMAVERA DAS LETRAS

A Real Academia Galega acaba de poñer en marcha a segunda edición do proxecto web Primavera das Letras, unha iniciativa coa que pretende fornecer a comunidade educativa de infantil e primaria de recursos didácticos e lúdicos arredor do protagonista do Día das Letras Galegas de cada ano. Co propósito de que todos os potenciais usuarios e usuarias poidan coñecer esta ferramenta.

Carlos Casares, o escritor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2017, e o seu universo vital e literario son o eixe das propostas didácticas deste ano. Un dos obxectivos de Primavera das Letras é promover que a aprendizaxe arredor desta celebración non se limite aos días previos ao 17 de maio. Deste xeito, desde finais do mes de febreiro estanse a publicar novas fichas didácticas e contidos interactivos.

A web da Academia, academia.gal, recolle na sección Letras Galegas un percorrido biográfico e imaxes da vida de Carlos Casares, e tamén ofrecerá durante estes meses reportaxes e entrevistas sobre a figura homenaxeada.

Fonte:RAG

12 mar 2017

XVIII SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Dende  o 10 de marzo ata o 2 de abril desenvólvese, no Pazo de Cultura de Pontevedra, o XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, este ano baixo o lema "O mundo que queremos".
O lema, lonxe de ser unha utopía, pretende aunar aportacións reais, tanxibles e factibles para construir ese mundo mellor. Englobando temas como o coidado do medio ambiente, a saúde, a integración e a igualdade, cuestións como accesibilidade e a mobilidade, o respecto , a inmigración ou a vellez, a solidariedade, a investigación en todos os seus ámbitos etc.


Son diversas as actividades abertas a todos os públicos: contos, espectáculos, teatro,....

HORARIO
De luns a venres: De 17:00 a 20:00 h.

Os sábados, domingos e festivos: De 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h

Todo o programa, aquí.