31 oct 2020

LENDO ÁS ESCURAS

Coas luces apagadas e coa nosa lanterna, disfrutamos de moitos contos e tamén de historias creadas por nós para un Samaín terroríficamente divertido!!!!!

27 oct 2020

HORA DE LER ÁS ESCURAS

Os vindeiros 28, 29 e 30 de outubro faremos a Hora de Ler ás escuras.

Trae a túa lanterna para alumear o teu libro!!!

Será terroríficamente divertido!!!!


25 oct 2020

LECTURAS DE MEDO

Achégase a semana máis terrorífica do ano: 

O  SAMAÍN

Se de medo queres tremer, escolle ben o que vas ler!!!

Lecturas para pasalo de... medoooo!!!!!!

22 oct 2020

UN MES, UN RETO

Este curso traemos unha nova actividade que desexamos que vos guste e a sigades mes a mes. Estade ben atentos e atentas porque todos os retos publicaranse neste blog.

Cada mes, propoñeremos un reto para facer nos vosos fogares. Se o logrades, conseguiredes por cada reto un selo. Cando completedes o voso pasaporte, ademais de ser uns/unhas grandes detectives recibiredes unha sorpresa.  

Animádesvos???

Os retos estarán vinculados ao proxecto anual, o baile.

Aquí, o primeiro reto, agardamos as vosas respostas. Ánimo!!!

21 oct 2020

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

Desde 1997, cada 24 de outubro celebramos o  Día da Biblioteca, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, en colaboración co Ministerio de Cultura e todas as Administracións autonómicas.

A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2020. A edición deste ano, baixo o lema "Bibliotecas, sempre ao teu carón" céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia.Trátase de poñer en valor a capacidade de seguir ofertando servizos en circunstancias tan complexas como as que estamos a vivir.

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que están sempre ao noso carón. 

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

15 oct 2020

DÍA DAS ESCRITORAS 2020

Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. 

Esta celebración lévase a cabo o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. 

A V Edición celébrase este ano 2020, o 19 de outubro, baixo o lema “O esforzó cotián das mulleres”.

“Ben se podería dicir que a literatura escrita por mulleres está a miudo esporeada por unha conciencia esencial do esforzo”, como explica Elvira Lindo, comisaria desta edición 2020.

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición de libros, ben lendo fragmentos dos mesmos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura, a través de actividades de investigación, exploración ou creación…

“Tócanos facer as cousas ás agachadas, que non se note que estamos, porque somos invisibles como o ar. O que non saben, ou non pensan, é que o ar se coa en todos os recantos precisamente porque non se ve. Así facemos nosoutras.”

Eva Mejuto “Memoria do silencio”. Ed. Xerais


RECOMPILACIÓN DE FRAGMENTOS DE ESCRITORAS GALEGAS


FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

 

9 oct 2020

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade propón ás Bibliotecas Escolares Galegas para este curso 2020/2021.

Quere poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa.

Cada libro que o alumnado ten a oportunidade de ler é unha ocasión para ampliar a súa imaxinación e aumentar os seus coñecementos, de aí a importancia da selección de lecturas que se pon ao seu alcance.

A ilustradora Bea Lema interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construir.

Convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lecturas de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e a lectura que nos axude a entender o mundo dos outros…

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES