30 abr 2023

PLAN PROXECTA +. INVESTIGAMOS SOBRE OS REFUXIADOS

Nas últimas semanas o alumnado de 6ºEP estivo investigando por grupos sobre os REFUXIADOS co fin de dar resposta ás preguntas que se fixeron na choiva de ideas inicial.

Cada grupo investigou sobre unha pregunta que plasmou nun cartel e con posterioridade expuxo ante os seus compañeiros/as; así tras a exposición de todas elas compúxose o quebracabezas que formaba esta fase de investigación.



Agora atopámonos nunha fase máis creativa que pronto compartiremos con vós.


29 abr 2023

PERE TOBARUELA CO CLUB DE LECTURA

O mércores 26 de abril, seguindo coas celebracións do mes dos libros, o Club de Lectura formado polo alumnado de 6º recibiu a visita de Pere Tobaruela para conversar sobre o seu último libro: Formig4s. Misión Rosalía.


Para esta reunión o alumnado preparara un pequeno taboleiro de xogo do estilo da oca, onde a través dun robot foron charlando co autor facéndolle preguntas sobre a creación do libro e tamén sobre o propio libro que responderon os/as rapaces/as. 


Esta dinámica fixo que resultase unha xuntanza un pouco diferente pero moi entretida na que o club descubriu que unha nova misión dos Formig4s xa está en marcha. Grazas Pere por compartir con nós o teu tempo!!!

28 abr 2023

MADRIÑAS LECTORAS E PADRIÑOS LECTORES

O luns 24 de abril, celebramos o Día do Libro, dun xeito moi especial e cunha actividade de longa tradición no noso centro, "As madriñas lectoras  e os padriños lectores".

Na Hora de Ler, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º foron buscar ás clases aos seus afillados e afilladas (Infantil, 1º e 2º) para acompañalos ás diferentes zonas, biblioteca, corredores, patio,… onde compartiron esas fermosas lecturas que prepararon con tanto cariño e ilusión. 

Os afillados e afilladas agasallaron aos padriños e madriñas cuns marcapáxinas polas lecturas compartidas. Momentos cheos de emocións!!!

No seguinte vídeo podedes ver canto desfrutamos desta festa da lectura!! 

27 abr 2023

VISITA DE ANXO FARIÑA

O 25 de abril, o alumnado de 6ºEP tivo un encontro literario con Anxo Fariña, autor da colección Megatoxos, que nos visitou co gallo do mes do libro para conversar sobre o seu último libro "Os Megatoxos e o reto de internet".


Anxo explicoulles como nacen as súas historias e descubriunos que a chave é observar o que hai ao seu redor, por iso lle gusta levar un caderno no que debuxar ou anotar todo aquilo que se lle ocorre. 


Ademais tamén contou algún que outro segredo sobre os nomes dos personaxes e ensinoulles vídeos de como crea as ilustracións dos seus libros.


A rapazada tamén aproveitou para facerlle preguntas sobre os seus futuros proxectos e sobre algunha historia inacabada do RETO que terán que esperar a descubrir na vindeira entrega dos Megatoxos. Grazas Anxo!!!


26 abr 2023

AS FAMILIAS CONTAN

Neste mes dos libros e da lectura continuamos coas contadas en familia. 

Fernando, pai de Lis de 3º de Primaria que contou a historia de Cookie, un can moi feliz ata a chegada das pantallas a súa familia: "Una familia desconectada".

María, nai de Rosalía de 6º Edº Infantil, contounos dúas historias: "Isto non é unha selva" e " A troglodita".

Roberto, pai de Lois de 5º Ed. Infantil, o valor da amizade e de compartir cos demais con “El pez arcoiris”.

Laura, nai de Naira de 6º Edº Infantil, trouxo os ingredientes necesarios para preparar “A mellor sopa do mundo”.

Helga, nai de Emma e André de 5º de Edº Infantil, un divertido conto rimado, no medio do bosque e cun monstro ás portas, “La estraña visita”.

Ana, nai de André de 6º Edº Infantil  contou a historia de “O pirata Pata de Lata”.

Lara, nai de Lúa de 4º Edº Inf. e Diego de 2ºde Primaria, contounos "A historia do can que caeu no tinteiro" e outro en inglés.

Anabel, nai de Emma, de 6º Edº Inf. contounos a historia dun rato poeta "Frederick".


Carmen, nai de María de 5º Ed. Inf. contunos dous contos.

Moitas grazas polas vosas lecturas e por compartir o voso tempo con nós!!!

25 abr 2023

VISITA DE ANXO IGLESIAS

O escritor Anxo Iglesias, Premio Merlín de Literatura Infantil 2022, visitounos o 20 de abril, para presentar ao alumnado de 3º de Primaria o seu libro “Unha nova dimensión”.

Trátase dun poemario narrativo que vai dando conta das sucesivas dimensións. Do punto, á liña, da liña ao plano, do plano ao volume, do volume ao tempo, do tempo á poesía. 

Os poemas son moi variados e están cheos de propostas lúdicas para o lector ou lectora baseadas nos xogos coa linguaxe e na experimentación formal.

Anxo explicounos dunha maneira moi lúdica que a poesía é unha forma de expresarnos, de xogar coas palabras. Dous son os elementos necesarios: imaxinación e creatividadde para crear e compoñer os nosos propios poemas.

Todas as persoas que estabamos na biblioteca descubrimos fermosas formas de facer poesía!!! Canto disfrutamos e aprendemos!!  Grazas Anxo!!!

24 abr 2023

CONTACONTOS ROBÓTICO

Con motivo da celebración do Día do Libro o alumnado de 2ºEP puido desfrutar dun contacontos un tanto especial, un contacontos robótico

Foi o propio protagonista, Curiosity, quen con axuda do alumnado contou a súa historia e algún que outro segredo; e para iso, por quenda os/as rapaces/as conduciron o mBot (Curiosity) ata cada unha das estacións nas que se atopaban as instrucións para realizar o conto. 


Ademais, ao final da historia agardábaos unha sorpresa: unha maqueta 3D de Curiosity e un novo reto, descubrir que novo robot chegou no 2021 a Marte para axudarlle na súa misión.

23 abr 2023

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2023

Hoxe celebramos o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en acepción da UNESCO, e desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades  edítase o cartel para conmemorar este día 23 de abril de 2023.

Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso á Profesora da Área de Didáctica da Lingua e da Literatura na facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostetal, Montse Pena Presas, cuxa investigación está moi centrada na literatura infantil e xuvenil contemporánea, cun foco específico na literatura galega, na educación literaria e nos estudos de xénero. Montse, creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, "que é unha celebración da mediación, de ser profe, bibliotecaria, mestra."

Este agasallo ás bibliotecas escolares de Galicia, complétase cunha versión longa, baixo o lema Dar de ler, que afonda no papel das mediadoras e mediadores no mundo do libro.

"Collerás a emoción que che suxiren esas palabras e non terás medo de que se vexa no mar bravo, na aula ou na biblioteca. Velaí a túa forza."

(Preme na imaxe)

Neste mes, e todo o ano, non esquezamos que "Para nosoutras, silandeiras e navegantas, todos os días son o día do libro."

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

22 abr 2023

CONTANDO CON PACO NOGUEIRAS

O músico e narrador Paco Nogueiras chegou ao Seis coa súa maleta cargada de contos aos que puxo música facendo que o alumnado de Educación Infantil disfrutara desta fermosa xornada.

Algunhas das historias que nos contou: Polo camiño, Dó re mi, Chibos chibóns, Míster Magnolia, Dez dedos nas mans e dez dedas nos pés. Todos eles dispoñibles na nosa biblioteca para que poidades lelos.

Coma sempre, un pracer contar contigo no noso centro. Grazas Paco!!!

21 abr 2023

SALÓN DO LIBRO 2023

O XXIV Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, desenvolverase do 21 de abril ao 7 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O tema deste ano é  LIBROS PARA XOGAR!, en homenaxe ao escritor e pedagogo italiano Gianni Rodari.

Cos libros, coas imaxes e coas palabras pódese xogar arreo!!

A intensa programación inclúe presentación de libros, contacontos, teatro, poesía, música, obradoiros, andainas, faladoiros, exposicións,...

O Salón rinde homenaxe a dúas persoas con especial significación no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil Galega, ao escritor Manuel Lourenzo González e á ilustradora María Fe Quesada.

Este ano haberá máis de 300 actividades coas que demostrar que ler é divertido e o xogo, como forma de representar o mundo, como punto de partida para desenvolver a imaxinación e a fantasía é unha peza moi importante do desenvolvemento cognitivo.

Todo o Programa aquí.

Máis información en  

https://www.salondolibro.gal/

20 abr 2023

ENCONTRO CON ANDREA MACEIRAS

O 19 de abril o alumnado de 5º de Primaria tivo un encontro coa escritora Andrea Maceiras, para falar do libro Volverás, golfiño.

Gustounos moito xa que trata sobre pantasmas, o coidado da natureza, barcos afundidos...Está ambientado na Costa da Morte e inspirado en feitos reais.

O alumnado tivo ocasión de preguntarlle todas as cuestións que lles interesaban e Andrea contou moitos detalles sobre a historia, descubrimos como é o traballo dunha escritora e, para rematar, comentamos os gustos literarios e fixemos algunhas recomendacións lectoras.

Asinou nos exemplares do alumnado e no libro de visitas.

Foi unha charla moi agradable!!! Moitas grazas Andrea Maceiras!!

19 abr 2023

RETOS ODS: ABRIL

Neste mes, aproveitando que o día 22 de abril, se conmemora o Día Internacional da Nai Terra, imos traballar o Obxectivo ODS nº 13: Acción polo clima.

A Nai Terra claramente pídenos que actuemos. Os océanos énchense de plásticos e vólvense máis acedos. A calor extrema, os incendios forestais, as inundacións e outros eventos climáticos afectaron a millóns de persoas.

Unha das metas que se persegue con este obxectivo é a de mellorar a educación, a sensibilización e a capacidade humana e institucional respecto da mitigación do cambio climático, a adaptación a el, a redución dos seus efectos e a alerta temperá.

No reto deste mes tedes que imaxinar o planeta que queredes e ensinárnolo nunha manualidade. Podedes facer un debuxo, unha maqueta, un mural... Podedes deixar estes traballos na biblioteca.

18 abr 2023

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA

Na xuntanza do Club de Lectura de Adultos, o 17 de abril, compartimos opinións e puntos de vista sobre o segundo libro que lemos: “Sete Caveiras” de Elena Gallego.

Esta novela negra ambientada en Vigo fía unha serie de asasinatos en escenarios reais con sinalados acontecementos dos anos oitenta. É unha homenaxe da autora á profesión xornalística, e tece unha engaiolante trama de intriga coa banda sonora da Movida.

Deu pé ás comparacións co libro ”Siete negritos” de Agatha Christie e a falar da Movida viguesa.

Coma sempre, acompañamos as nosas tertulias con café e doces!!!

17 abr 2023

VISITA AO CENTRO DE DÍA ATENDO

O voluntariado da biblioteca, o 13 de abril, fixo unha visita ao Centro de Día Atendo. Tanto os usuarios e usuarias como os profesionais que traballan alí recibíronnos con moita ilusión e agarimo.

Contamos o conto africano “¿Por qué hay tantas piedras en el fondo del río? en Kamishibai e recitamos varios poemas de Manuel María, Antonio García Teijeiro e Fran Alonso.

Convidáronnos á merenda. E chegou o momento da lectura compartida: lémoslles unha páxina dalgúns dos libros que deixamos de agasallo para a súa biblioteca.

Tusa foi a encargada de lernos os refráns populares que, entre todos e todas, tiñamos que completar.

Houbo momentos para as apertas e agasallos: entregámoslles uns marcapáxinas e tamén uns pompeiros feitos coa nosa impresora 3D.

Teresa puxo o remate cunhas verbas que nos emocionaron e agasallaron a cada neno/nena cunhas libretas artesanais feitas por eles e elas.

Moitas grazas ao Equipo do Centro de Día Atendo!!!

Unha xornada chea de experiencias, emocións e agarimos!!!

Esta visita forma parte do proxecto interxeneracional que desenvolvemos dende a biblioteca.