30 jun 2022

BIBLIOLAB

Neste curso puxemos en marcha a BIBLIOLAB no espazo no que anteriormente estaba a biblioteca.

Ao longo do curso as actividades propostas tiveron en conta a diversidade de capacidades, intereses e motivacións do alumnado, empregando recursos e materiais como os escornabots, os Mbot, xogos de mesa, quebracabezas e outros xogos manipulativos, libros informativos, códigos qr e aplicacións coas tabletas, buscando sempre espertar a curiosidade por aprender e desenvolver o espírito creativo.

Traballamos diversas temáticas: os xogos do Camiño, xogos e experimentos científicos, de construcións, de mulleres e prensa, de libros, contos e historias e de actividades STEAM centradas no pensamento computacional e a impresión 3D.

Na presentación un pequeno exemplo destas actividades.

BiblioLab de Biblioteca Seis do Nadal

29 jun 2022

VOLUNTARIADO DE LECTURA

Na última semana de clase, o alumnado de 6º de Primaria, axudantes da biblioteca, que participaron no programa “Voluntariado de Lectura-A”, recibiron un diploma acreditativo e agasallos (libreta e bolsa) polo seu traballo, colaboración e implicación ao longo de todo o curso.

Moitas grazas!!!


21 jun 2022

GUÍA DE LECTURAS PARA O VERÁN

Xa están chegando as vacacións e con elas as nosas Recomendacións.

Lectura, música e xogos para que disfrutedes no tempo de lecer.

Premendo nas imaxes podedes obter información sobre cada unha delas. 

Bo verán!!!

Guia Lecturas Verán 2022 de Biblioteca Seis do Nadal

20 jun 2022

CLUB DE LECTURA

Unha das dinámicas bibliotecarias máis asentadas e consolidadas cunha longa traxectoria no noso centro é o Club de Lectura.

Que é un Club de Lectura?

Son grupos de rapaces e rapazas que, de maneira voluntaria, reúnense para compartir e intercambiar puntos de vista, opinións, sentimentos e emocións  en torno a unha lectura coa mediación dun adulto.

-Permite desenvolver habilidades sociais e comunicativas mellorando a autoestima, autonomía e iniciativa persoal.

-Fomenta e consolida hábitos lectores.

-Facilita a socialización e fortalece os lazos de amizade entre os membros do club basado na tolerancia, no respecto aos demais e a empatía.

-O club de lectura como espazo de encontro, inclusión e de convivencia impulsando a formación de cidadáns responsables.

Organizamos tres Clubs de Lectura de 6º de Primaria, un por cada aula. En total, participaron 25 alumnos e alumnas.

Na primeira reunión faíselles entrega dunha carpeta, unha guía do club indicando as lecturas previstas, o calendario de reunións e un marcapáxinas.

Ao longo do curso reunímonos nos recreos e imos lendo e compartindo as nosas experiencias lectoras.

Este curso participamos na convocatoria anual de Clubs de Lectura da Consellería e permitiunos mercar novas coleccións.

Os títulos escollidos foron todos en galego, unha maneira de vincular ao noso alumnado coa nosa lingua e literatura.

A través das reunións foron descubrindo lecturas que, de seguro, deixaron pegadas nos nosos lectores e lectoras.

O 21 de abril, contamos coa presenza da escritora LEDICIA COSTAS que compartiu con nós o seu tempo para falar do libro “A Señorita Bubble”. Charla amena e divertida na que Ledicia contou anécdotas e fixeronlle preguntas para ir desgranando a historia, como xurdiu, en que se inspirou,…

Quixemos rematar as actividades do Club dun xeito especial e saír do noso espazo natural de reunión, a biblioteca, así que, o 1 de xuño, collemos o autobús destino Padrón e alí agardávanos Nuria, excompañeira e mestra de Relixión, a nosa  guía, que nos levou polas rúas facendo o Roteiro Rosaliano.

Paseamos polos distinos lugares, casas, xardíns que percorrera Rosalía:

-Visita a Casa-Museo Rosalía.

-Xardín Botánico.

-Paseo do Espolón, para ver o Monumento a Rosalía de Castro.

-Casa da Rúa do Sol, a casa na que Rosalía pasou a súa infancia, dende os 4 ata os 10 anos,...

Acompañamos o noso percorrido cun recitado dalgúns dos poemas da nosa ilustre poetisa.

Foi unha xornada maravillosa na que aprendemos e disfrutamos xuntos!!! 

A entrega de diplomas puxo o punto e final ás actividades do Club de Lectura. Grazas!!!

18 jun 2022

RESUMO DOS RETOS

Presentamos un resumo dos Retos mensuais, plantexados ao longo do curso, vinculados ao Proxecto Documental Anual, o Camiño de Santiago.

Retos para o Camiño de Biblioteca Seis do Nadal

13 jun 2022

AS FAMILIAS CONTAN III

Agradecer a todas as Familias que nos acompañastes durante todo o mes de maio e parte de xuño, por compartir con nós o voso tempo e esas fermosas lecturas!!!

Enmarcada dentro da actividade "Familias Lectoras".

Recollemos nesta presentación as contadas destas últimas semanas. 

Grazas!!! Agardámosvos o vindeiro curso!!!

As Familias contan de Biblioteca Seis do Nadal

8 jun 2022

VISITA DE PAULA CARBALLEIRA

O 7 de xuño, PAULA CARBALLEIRA compartiu un ratiño do seu tempo co alumnado de 3º, para falar do seu libro “Pan con chocolate”, unha homenaxe ao escritor, mestre e pedagogo italiano  Gianni Rodari.

Un libro para xogar e pensar, con contos, poemas, cancións, diálogos,…cheo de fantasía e mil historias.

Nunha sesión moi dinámica, chea de ritmo e maxia, Paula, transportounos ao mundo da imaxinación,  contándonos que ten moito en común con Gianni, aos dous gústalles escribir, as bruxas, viaxar, os gatos e… o pan con chocolate!!!

Houbo momentos para facerlle preguntas e rematou asinando os exemplares do alumnado e no libro de visitas. Moitas grazas Paula!!!

6 jun 2022

PDI: CAMIÑO DA PRATA

As aulas de 5º de Primaria traballaron sobre o Camiño da Prata con varias actividades que coincidiron no tempo e que buscaban abordar un coñecemento amplo sobre o noso patrimonio histórico e cultural.

Investigaron sobre algúns Concellos situados na Vía da Prata: situación xeográfica, datos demográficos, relevo, clima, gastronomía,...

Plasmaron toda a información nun libro viaxeiro con forma de maleta que unha vez rematado xuntaremos para crear a maleta da Vía da Prata.

Paralelamente a esta actividade, por grupos, escribíronlle a oficina de correos do Concello sobre o que investigaron unha carta na que lle pedían que lle puxesen un mataselos sobre o Camiño e lle devolvesen a carta. O reto foi todo un éxito posto que case conseguiron todas as cartas. Ademais, como mostra de agradecemento os nenos e nenas realizaron unhas postais sobre Vigo que enviaron xunto coa carta.

E recolleron nun vídeo resumo os traballos que realizaron sobre os Valores que fomenta o Camiño de Santiago.

3 jun 2022

VISITA DE PACO NOGUEIRAS

Hoxe o alumnado de Edº Infantil e 1º de Primaria desfrutou dunha maravillosa sesión de contos e música a cargo de PACO NOGUEIRAS, que viu coa súa maleta cargada de fermosas historias.

Os protagonistas desta contada foron os animais: Ratos na escola, Elmer, Animais, Pequenos da casa e Quen é ese becho?

Estos libros están dispoñibles na biblioteca para que poidades lelos e disfrutar!!!

Grazas Paco !!!!!