29 abr 2018

III MERCADIÑO SOLIDARIO DE LIBROS

Dentro das actividades programadas para Abril, a biblioteca organiza a  terceira edición do Mercadiño Solidario de Libros, enmarcada dentro da campaña Biblioteca Escolar Solidaria.
Montámola no vestíbulo do centro con fondos procedentes do expurgo da biblioteca e de donacións co obxectivo de fomentar actitudes de responsabilidade, reutilización dos libros alargándolles a vida e de solidariedade cos máis necesitados.
O alumnado voluntario da biblioteca é o encargado de organizar esta actividade na hora dos recreos.
Trocamos libros por alimentos. Un alimento = Un libro.

O alumnado pode  levar un libro a cambio de traer alimentos non perecedeiros (fariña, azucre, pastas,...).

Todos os alimentos recadados  serán doados ao Banco de Alimentos de Vigo.
Aínda non sabemos  os kilos recollidos pero queremos  agradecer a vosa colaboración e participación nesta actividade!!!

27 abr 2018

VISITA DE PERE TOBARUELA

O 24  de abril o alumnado de terceiro recibiu a visita do escritor Pere Tobaruela .
O encontro tivo lugar na Sala Rosalía e comenzou cunha breve presentación sobre o autor invitado por parte dos nenos e nenas.
Pere Tobaruela (Barcelona 1965), vive actualmente en Rois. É por isto que alterna a escrita en catalán e en galego. Con corenta títulos publicados nalgunhas das editoriais máis importantes de Cataluña, Galicia e o resto do Estado, transita por diversos xéneros literarios: libro ilustrado, banda deseñada, ensaio, biografía, escolma de entrevistas, conto e novela. Dentro da súa produción novelística atopamos obras infantís e xuvenís, e tamén para o público adulto.
Neste curso limos o seu libro "Vouvos papar", escrito xunto con Luz Méndez e publicado no ano 2008. É a historia de dous nenos que viven unha aventura en internet.
Pere falounos sobre os personaxes desta historia, Tucho, Mucha, o lobo, o carballo,... e contámoslle cales eran os nosos favoritos. Contounos como o lobo representa ao medo, e como na historia nos motiva e afrontar a esos medos que todos temos.

Despois reflexionamos sobre se preferimos as películas ou os libros, e que nos aporta cada unha destas modalidades para contar historias.
Pere explicounos moi ben como a lectura activa as conexións entre as nosas neuronas e abre a nosa imaxinación, entre outros moitos beneficios.
Pasamos un rato moi agradable falando con Pere que nos asinou os nosos libros. Grazas!!!

25 abr 2018

APADRIÑAMENTOS LECTORES

O sol acompañounos para celebrar o Día do Libro cunha actividade que nos encanta a todos e todas: os apadriñamentos e amadriñamentos lectores.
Durante a semana pasada o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º foi visitar aos seus afillados e afilladas (infantil, 1º e 2º) e escolleron na biblioteca os libros que ían lerlles.
E o luns, 23 de abril, despois do recreo saímos todos ao patio buscando un sitio para compartir esas lecturas cheas de historias, aventuras, emocións,...
O remate desta  festa da lectura foi a  entrega de marcapáxinas como agasallo dos afillados e afilladas aos seus padriños e madriñas.

23 abr 2018

VISITA DE MARÍA CANOSA

O venres 20 de abril tivemos a visita de María Canosa que veu falar do seu libro "Rubicundo" ao alumnado de 3º.
Tiñamos preparadas algunhas sorpresas como foi un libro que lle fixemos con debuxos de Rubicundo, tamén  a presentamos con moito agarimo.
Despois a través de preguntas que lle realizamos foinos contando como se inspirou para escribir o libro, como chegou a ser Nuria Díaz a ilustradora do libro, como se lle ocorreu esa profesión tan sorprendente para Rubicundo,...

Encantounos tanto o libro que lle pedimos unha segunda parte, non nos deixou moi claro se a imos ter pero si nos dixo que noutros libros dela como en "A cazadora de estrelas" podemos atopar de onde saca Rubicundo o po de estrelas, polo que temos moitas ganas de seguir lendo todos os seus libros.
Por último tivo lugar a sinatura dos libros repartíndonos bicos de estrela a todos os nenos e nenas.
Grazas María!! Xa estamos desexando o teu regreso!

22 abr 2018

23 DE ABRIL, DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2018

Achégase o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor e desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edítase o díptico para conmemorar este día 23 de abril de 2018.
O  escritor, poeta e editor Fran Alonso, foi quen cedeu un texto para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, centrándose nas posibilidades e nos efectos da lectura.

O Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor , desde a súa declaración pola  UNESCO  en 1995, aglutina  moitas vontades, como a da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay quen, na  súa mensaxe  para  este  ano 2018  afirma:

"O libro constitúe o punto de encontro das liberdades humanas máis importantes, entre as que destacan en primeiro lugar a liberdade de expresión e a liberdade de edición. Trátase de liberdades fráxiles"...
"Celebremos xuntos o libro, que encarna a creatividade, permite intercambiar ideas e coñecementos trascendendo as fronteiras e fortalece o entendemento mútuo e o diálogo"...
Cada ano, a UNESCO e as tres organizacións profesionais internacionais do  mundo do  libro elixen unha capital mundial do libro comenzando o mandato cada 23 de abril. Este ano a elexida é Atenas.
Se queres saber máis información sobre o Día do Libro investiga na seguinte ligazón:

Canción "O Libro Máxico" de Migallas en pictogramas.

16 abr 2018

TERESA GONZÁLEZ COSTA NO SEIS

O xoves 12 de abril  contamos coa  presenza da escritora, Teresa González Costa que veu falar do seu libro “Fred Quincalla, o nómade do mar” aos rapaces e rapazas de cuarto.
Na sala onde tivo lugar o encontro espuxéronse  varios murais adicados á vida e obra da novelista.
A continuación os alumnos/as levaron a cabo a presentación da mesma, facendo fincapé na súa condición de muller galega, novelista, autora teatral, guionista radiofónica, actriz e filóloga entre outros.
Explicounos de xeito cercano e con entusiasmo como a súa inspiración en parte procedeu do mar, xa que foi o mar o que depositou aos seus pés un anaco de madeira de barco e tamén do alpendre do seu fogar no Grove cheo de ferramentas  coma parafusos enferruxados, que lle deron nome ao seu protagonista “Quincalla”.
Emocionounos contando anécdotas da súa infancia. Unha das máis salientables foi a de como un inesperado premio nun concurso de relatos do colexio, que recibiu sendo unha nena tímida, marcou o camiño dunha vida, xa que lle conferiu motivación e confianza en que ela era quen de contar historias que o resto do mundo disfruta.
Despois de forma orixinal deixou un toque de improvisación ao resto do discurso deixando que a súa audiencia participase facéndolle preguntas. Cuestións moi interesantes que non dubidou en respostar sen excepción. Agora xa sabemos que lle encantan os lagartos, que naceu un dous de setembro, que dúas das cousas que máis lle gustan no mundo son escribir e ler e que o máis importante para escribir ben é ter paciencia e sobre todo observar. Observalo todo.
Por último tivo lugar a sinatura de libros e co desexo de que volte algún día a presentar unha nova historia de Leopolda Diéguez.Grazas Teresa!!

15 abr 2018

EN ABRIL....ARTE A MIL!!!

Para conmemorar Abril, mes dos libros e da lectura, a biblioteca ten organizado unha programación moi ampla con diversas actividades: semanas robóticas para iniciarnos na linguaxe robótica e na montaxe dos escornabots, liberación de libros por distintas zonas do centro, exposición das salas do Museo do Seis, mercadiño solidario de libros, encontro cos  autores e autoras dos libros dos itinerarios lectores , apadriñamentos lectores,... Agardamos que disfrutedes con elas!!!
O lema elexido seguindo o proxecto do centro é
En Abril,....arte a mil!! 
Cheo de creatividade, imaxinación, ilusión,.....


5 abr 2018

VISITA DE HÉCTOR CAJARAVILLE

E hoxe tocoulle o turno ao alumnado de quinto que compartiu un rato moi agradable co xornalista e escritor Héctor Cajaraville , autor do libro "Quen dá a quenda?", obra coa que quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015.
Foi unha sesión moi amena na que respostou a todas as nosas preguntas e empezou cunha breve introducción na que nos contou que comenzou a escribir con 40 anos, que  lle gustaba compartir estos momentos cos seus lectores e coñecer as súas valoracións para mellorar os seus relatos, a importancia das palabras e da lectura,...
Grazas Héctor por compartir con nós estos momentos!!!

4 abr 2018

RAMÓN CARIDE NO SEIS

Ao longo deste mes de abril, mes dos libros, serán varios os escritores e escritoras que visitarán a nosa biblioteca e hoxe comenzamos con Ramón Caride , autor de "Catro amigos pillabáns", libro que leu o  alumnado de primeiro dentro do itinerario lector deste curso.
Despois da súa lectura  foron  diversos os  traballos e murais que fixeron e  que lle  amosamos ao autor.
No encontro houbo  momentos para falar dos seus libros, para respostar as distintas preguntas que tiñan preparadas, que foron  moitas , e para asinar nos distintos exemplares e no libro de lembranzas. Grazas Ramón pola túa visita!!!!

2 abr 2018

XIX SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Dende  o 6 ao 29 de Abril desenvólvese, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o XIX  Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
O tema da edición de 2018 é MULLERES DE CONTO e con ela pretenden render merecida homenaxe ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil, desde os personaxes dos contos ata as autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias… e, ao tempo, promover unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero, ao mundo da creación literaria e plástica da LIX.

E, dun xeito moi especial, á nosa muller de conto máis querida: María Victoria Moreno, autora á que se lle adica o Día das Letras Galegas e que tivo coa nosa lingua e a cidade de Pontevedra unha verdadeira historia de amor.
México é o país invitado para esta edición cunha variada mostra da literatura infantil e xuvenil do país.
Son diversas as actividades dirixidas ao público: contacontos, obradoiros, espectáculos musicais, teatro, concertos,...

1 abr 2018

2 DE ABRIL,DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY , xunto coa OEPLI  e GÁLIX promoven a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.
Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais.

A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2018  correspondeulle a Letonia. Ten a autoría do texto a escritora letona Inese Zandere, poeta, editora e activista da promoción da lectura quen titula a súa mensaxe: "Os libros fan grande o máis pequeno".

"...Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que todo, incluída a literatura infantil, é simplemente un traballo moi pesado e baleiro..."

Pola súa parte, a imaxe do cartel é do ilustrador Reinis Petersons, recoñecido debuxante deste país báltico.