28 feb 2025

FAMILIAS LECTORAS

Rematamos este mes de febreiro coas familias que viñeron contar contos á biblioteca.

Grazas por compartir as lecturas e o voso tempo con nós!!!

Marina, nai de Paulo, 5º Edº Infantil, contounos “Monstr3s”, un álbum ilustrado para abrazar os medos.

Carolina, nai de Natalia, 2º de Primaria, escolleu “Hola, tranquilidad!, que trata a xestión das emocións negativas que poden crear os problemas nos nenos e nenas. Na clase do seu fillo, Maxi, 5º de Primaria, aproveitando que ese día, 11 de febreiro, celebrábase o Día da Muller e a Nena na ciencia, faloulles de “Marie Curie”, a científica que gañou dous Premios Nobel.

Diego, pai de Erea, 5º Edº Infantil, contou unha nova aventura de Daniela pirata e a tripulación do Caimán Negro que terán que enfrontarse a terribles perigos para librarse da malvada cíclope que está aterrorizando os mares.

María Teresa, avoa de Adrián, 4º Edº Infantil, contounos ¿A qué sabe la luna?. Os animais da selva amosarán que as cousas compartidas sempre saben moito mellor.

Ingrid, nai de Xiana, 2º de Primaria, a historia de “El hechicero chapucero” que non sabía facer encantamentos, nin maxia, nin feitizos.

Eva, nai de Leo, 5º Edº Infantil, a historia dun pitiño “Cocorico”, que vive feliz coa súa nai e como deciden facer un biscoito e un convidado sorpresa que aparece para comer a metada dese biscoito.

Aurora, nai de Marta, 2º de Primaria, “A colleita de ratiño”, un álbum con fermosas imaxes nas que podemos observar os cambios de estación e a súa influencia nos seres vivos. Na clase do seu fillo Andrés, 4º de Primaria, relatounos a historia do touro “Ferdinando”, referente do pacifismo e a prol do naturalismo.

27 feb 2025

XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA

O Club de Lectura de Adultas "Ás seis no Seis" continua a súa andaina, reuníndose o mércores 26 de febreiro para falar do Premio Xerais de Novela 2024 “Detective Ferruchi”, xa que contaremos coa presenza da autora, Marta Villar, o vindeiro 6 de marzo.

Cando escomenza esta historia pensas que é unha novela negra pero a medida que imos avanzando na súa lectura descubrimos que a investigación dun crime é o elemento que permite tratar temas moi diversos da sociedade actual (a emigración, as mulleres que traballaron en cooperativas textís para Inditex, os colectivos minoritarios, a menopausa, o consumismo...). Unha novela con moitos personaxes con personalidades moi diferentes que nos sumerxen no acontecer diario das súas vidas.

Na semana de entroido non podían faltar os doces destas datas: filloas, chulas e orellas endulzaron as nosas conversas.

26 feb 2025

CHARLA SOBRE MÁSCARAS DE ENTROIDO

O luns 24 de febreiro recibimos a visita de Uxía Cid, nai do centro que se adica ao mundo da ilustración e da artesanía.

Aproveitando que estamos na semana do Entroido  falounos  de como debuxa e ilustra as máscaras. Nesta ocasión, explicounos o proceso creativo da máscara dos FELOS, os materiais que se empregan e os artesáns que interveñen na súa elaboración.

Proporcionounos moita información sobre os Felos, a súa localización, vestimenta, que fan nos días de entroido...

O alumnado de 5º de Edº Infantil, 2º e 4º de Primaria desfrutaron con esta experiencia. Moitas grazas pola túa visita!!!

Posteriormente, o alumnado debuxo e pintou as súas máscaras de Felo.

24 feb 2025

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA

Para a celebración do Día de Rosalía realizamos diversas actividades que nos permitiron coñecer a nosa grande escritora: lecturas, minilibros, retratos, marcapáxinas, programa de Radio...

A obra de Rosalía conforma a exposición bibliográfica que podemos atopar no vestíbulo e coa que poidemos achegarnos a súa figura.

No Recital do venres 21 de febreiro, na Hora de Ler,  Rosalía estivo moi presente nos versos do voluntariado da biblioteca, que recitaron unha selección de poemas rosalianos acompañados da zanfona e da guitarra e, a música, na voz dos nenos e nenas de 2º e 6º de Primaria que deleitaron aos presentes co ritmo de: “No bico un cantar",  "Alborada" e "Maio Longo”. Todo o alumnado do centro desfrutou desta fermosa actividade.


23 feb 2025

ROSALÍA DE CASTRO NA RADIO DO SEIS

Rosalía de Castro é a protagonista deste novo programa da Radio do Seis.

A clase de 4ºB preparou un programa con información e poemas sobre a vida e obra da nosa ilustre poetisa co gallo da sua celebración o 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro.

Desfrutádeo!!!

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!!!

21 feb 2025

VISITA AO CONCELLO DE VIGO

O alumnado de 6º EP dentro do programa "Coñece o teu Concello" visitou as instalacións do Concello de Vigo para descubrir algunhas das tarefas que dende alí se realizan: xestión do tráfico, análise de augas públicas para garantir a súa salubridade, as distintas oficinas para a resolución de trámites como o padrón, o transporte público...

Pero ademais tamén visitaron o salón de plenos onde puideron descubrir como se leva a cabo unha sesión plenaria e incluso a chegaron a interpretar.  

Nesta visita os rapaces e rapazas puideron entregarlles en persoa a D. Abel Caballero algunhas propostas que pensaron que poden mellorar o noso barrio: paradas de autobús máis accesibles, un planetario, unha biblioteca pública, o soterramento da rotonda de Navia, a creación de comedores sociais e albergues ou o voluntariado foron algunhas das súas propostas. 

Oxalá algunha delas se faga realidade!

20 feb 2025

POLOS CREATIVOS EN EDº INFANTIL

O alumnado de Educación Infantil está experimentando con algúns dos novos materiais de Polos Creativos: korbo e magsmarters.

Co korbo realizan construcións libres ou dirixidas que lle permiten mellorar a motricidade fina, a concentración, desenvolver a súa creatividade e familiarizarse co funcionamento da mecánica.

Os magsmarters son pezas magnéticas coas que experimentan a creación de distintas figuras xeométricas en 3D.

Ambos materiais promoven o traballo en equipo e a colaboración. 

18 feb 2025

OBRADOIRO DE ARTESANÍA: CESTEIRO

O pasado mércores 12 de febreiro, o alumnado de 3º de Primaria asistiu a un obradoiro da man de Suso o cesteiro.

Tivemos a ocasión de aprender como se fai un cesto de vimbio dende cero. Quedamos abraiados das poucas ferramentas que se necesitan para facelo e comprobar con gusto que se parece moito a técnica á que utilizamos nós para facer as nosas primeiras cestas de cartolina.

Unha vez que Suso tiña avanzado o traballo, puidemos participar na elaboración da cesta que se estaba facendo. Encatounos a experiencia!!!  Moitas grazas Suso!!!


17 feb 2025

ROSALÍA DE CASTRO: RECURSOS

Recursos para achegar ao alumnado á vida e obra de Rosalía de Castro. Premendo nas imaxes accederedes aos seus contidos.

FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO


UNIDADE DIDÁCTICA ROSALÍA 2025


MINILIBRO SOBRE A VIDA DE ROSALÍA "amestracris"

POEMA MUSICADO: “Adiós, ríos, adiós, fontes”

En lingua de signos

En pictogramas

ROSALÍA MARIQUIÑA DE MERCEDES ORBANEJA

Descargable na seguinte ligazón


16 feb 2025

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2025

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o DÍA DE ROSALÍA.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Nesta edición de 2025 Marga Do Val é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2025 é:

Saúde e Terra!

"Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza, esa palabra que nos sinala.

Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron.

Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros... Palabras que nadan mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas..."

FONTE:AELG

15 feb 2025

OBRADOIRO DE ARTESANÍA: ZOQUEIRO

O mércores 12 de febreiro, tivemos a sorte de ter na escola a Tango, o zoqueiro de Mondariz.

Xa dende cativo saía da escola para ir traballar á zapatería  do seu pai e facer tamancas. Tamancas que a día de hoxe continua deseñando con mimo e dedicación.

Toda unha vida adicada ao mundo da artesanía que compartiu con nós falándonos dos materiais que emprega, cortando un patrón en directo, afiando coa pedra herdada do seu pai e contándonos unha morea de historias  das tamancas que foi creando. Moitas grazas Tango!!!

13 feb 2025

DÍA MUNDIAL DA RADIO

A nosa Comunidade Educativa tivo o pracer de contar coa presenza da RTVE Galicia para celebrar este 13 de febreiro, o Día Mundial da Radio.


Como centro integrado na rede “Ponte... nas ondas! Modelo de boas prácticas co patrimonio cultural  inmaterial", participamos na súa proposta seguindo o lema deste ano “Radio e cambio climático”.

Carmen, Raquel, Nóah e Eire, alumnas de 6º de Primaria e voluntarias da biblioteca foron as encargadas de dar voz, nesta ocasión, a Radio do Seis cun programa especial para esta xornada.


Nas seguintes ligazóns podedes desfrutar desta fermosa experiencia:

9 feb 2025

OBRADOIRO DE CERÁMICA

O alumnado de 3º, 4º e 6º de Primaria visitou estes días o Museo do Mar de Vigo para participar nun interesante obradoiro de cerámica.

Na primeira parte da visita, tiveron a oportunidade de descubrir como o ser humano chegou a coñecer a utilidade do barro e comezou a crear pequenos recipientes. Quen lles ía dicir que este descubrimento foi froito dun “erro”!

Despois, puxéronse mans á obra nun obradoiro práctico, onde seguiron paso a paso o proceso para modelar un pequeno vaso de barro, que con moita ilusión, levaron para ás súas casas, orgullosos do traballo feito.

7 feb 2025

LECTURAS COAS FAMILIAS

Neste mes de febreiro as familias continúan compartindo lecturas con nós. Grazas!!!

Nesta semana acompañáronnos:

María, nai de Dario e Mateo, 4º Edº Infantil, contounos a historia de “Paco”, un ratiño que foi a Lúa e descubriu que non era de queixo fresco pero si moi tenra.

Patricia, nai de Naira, 2º de Primaria. Desfrutamos das aventuras de Leo e Lola, dous irmáns, travesos e divertidos, amantes dos animais e aos que lles gustaría ter unha mascota.

6 feb 2025

LECTURAS QUE NAMORAN

Na semana do 3 ao 7 de febreiro celebramos o amor pola lectura coa actividade Namórate dun libro!!!

Cada clase recibiu a súa carta convidando a participar nesta proposta. O voluntariado foi o encargado de organizar esta actividade.

Nos recreos, o alumnado que quixo participar achegouse á biblioteca e escolleu un libro. Un éxito de participación!!!

A exposición “Lecturas que namoran” permitiunos desfrutar de libros sobre amizade, amor, tenrura, emocións…