31 ene 2023

BIBLIOLAB: XOGOS

Durante o mes de Xaneiro, coñecemos os distintos xogos que temos na BiblioLab, organizados por idades e nas distintas sesións disfrutamos, aprendemos e traballamos habilidades, memoria, atención,…

Unha pequena mostra do que fixemos que podedes ver nesta presentación.

Xogos na BiblioLab de Biblioteca Seis do Nadal

30 ene 2023

DÍA DA PAZ 2023

Hoxe 30 de xaneiro, para conmemorar o Día da Paz celebramos un acto colectivo.

Na pista de baloncesto, con roupa branca e o noso colgante, colocámonos formando círculos e, todos xuntos, cantamos a canción “De festa”, de Uxía Lambona e a Banda Molona. Fixemos xestos e o retrouso en lingua de signos acompañada dunha coreografía.

Ao remate, os representantes de cada clase foron colocándose coa letra, asignada e decorada con simboloxía relacionada coa Paz, para formar o noso lema

“UN FUTURO DE PAZ”“A PEACEFUL FUTURE”

28 ene 2023

ESCRIBINDO A SEMANA DA PAZ

Aínda que se traballa ao longo do curso, durante esta semana realizamos varias actividades sobre a PAZ, que remataremos cun acto o luns 30 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

Exposición: "Lecturas para a Paz”

Expositores cunha morea de libros sobre esta temática: amizade, sentimentos, solidariedade, persoeiros que destacan pola súa labor pola Paz Mundial,……para levar ás aulas e traballar con eles. 

Convertindo así a biblioteca nun viveiro de cidadanía, un lugar facilitador do diálogo e das reflexións para conquerir un futuro máis xusto, igualitario e de Paz.

Obradoiros de Robótica

As clases de 1º, 4º e 5º de Primaria participaron nestes obradoiros para crear o holograma dunha pomba e deseñar en 3D símbolos da Paz.

En Educación Infantil, traballamos cos escornabots e ozobots, taboleiros con esta temática.

Contacontos

O voluntariado preparou lecturas para contar ao alumnado de 2º de Primaria. A través dos contos trasmitimos ás nosas crianzas valores de respecto, tolerancia e convivencia.

26 ene 2023

1ª REUNIÓN CLUB DE LECTURA ADULTOS

O 25 de xaneiro tivemos a 1ª reunión do Club de Lectura de “Familias e Profesorado”.

Esta primeira xuntanza foi para presentar a actividade, explicar a dinámica de organización e funcionamento.

Xogo de presentación no que fomos decindo que nos motivou a formar parte deste club e tamén escollemos a nosa primeira lectura.

Acompañamos as nosas conversas con café e doces!!!

Iniciamos esta nova andaina con moita ilusión. Grazas a todas as persoas que vos animastes a participar nesta iniciativa!!!

23 ene 2023

CONTACONTOS: "SEMPRE CONTIGO"

O alumnado de Edº Infantil, 1º e 2º de Primaria disfrutou dunha actividade de animación á lectura.

Paula Garvi, nai dunha alumna do centro viu contarnos o conto ”Sempre contigo”, escrito por ela, no que quere amosar o valor da amizade e a importancia de coidala coas persoas que queremos.
As protagonistas do libro están inspiradas en persoas da nosa Comunidade Educativa.

Estivo acompañada de Eva Carreras, cantante e exconcursante de Operacion Triunfo, que cantou a canción do conto.

Xa nas súas aulas, a cativada realizou debuxos para agasallar aos compañeiros e compañeiras.

“Sempre contigo” da Ed. Circulo Rojo, cóntanos a historia de dúas nenas, Paula e María, ás que lles toca vivir unha situación complicada na vida: enfrontarse a unha pandemia que lles impide estar xuntas e abrazarse. 

Paula e Eva remataron asinando o exemplar para o centro e no libro de visitas. Grazas!!!

19 ene 2023

CLUB DE LECTURA

Iniciamos unha nova andaina centrada no fomento da lectura: o Club de Lectura de Adultos.

Os Clubs de Lectura están formados por persoas  que len, a soas e a un tempo, unha mesma obra literaria.

Dirixido a Familias e Profesorado da nosa Comunidade Educativa que teñan inquedanza pola lectura.

Se queres compartir momentos e conversas en torno aos libros,… xa sabes este é o teu Club!! Apúntate!!

Envia os teus datos ao correo

bibliotecaseisdonadal@gmail.com

As xuntanzas serán na biblioteca do centro en horario de tarde.

A primeira reunión será o mércores 25 de xaneiro ás 18,00h na que explicaremos o seu funcionamento e decidiremos os libros que imos ler. Agardámoste!!!

16 ene 2023

RETO ODS: XANEIRO

Neste mes de xaneiro, no que conmemoramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, traballaremos estos dous Obxectivos ODS:

-O Nº 16: Paz, Xustiza e Institucións Sólidas.

-O Nº 17: Alianzas para acadar os obxectivos.

Propomos que vos ofrezades a axudar aos demais. Pensa nalgo que se che dea moi ben, cubre o modelo de anuncio que podes atopar na biblioteca e, a medida que os vaiades entregando, os colocaremos nun tablón para que os/as interesados/interesadas o collan para pedirche esa axuda cando o precisen.

Por un futuro de PAZ!!!

15 ene 2023

PROGRAMA INSPIRA STEAM

Durante os meses de novembro e decembro o alumnado de 6º de Primaria participaron no programa InspiraSTEAM, un proxecto levado a cabo coa Universidade de Vigo e cuxo obxectivo é inspirar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as rapazas a través do mentoring con mulleres profesionais do mundo da investigación, ciencia e tecnoloxía. 

Na seguinte ligazón podedes atopar máis información sobre o programa:

 https://inspirasteam.net

Da man de Ana, Candela e Silvia a rapazada comezou coñecendo o significado do termo STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts e Maths) e aprendeu a observar o seu entorno próximo para detectar os obxectos nos que están presentes as STEAM. Cal foi a súa sorpresa cando se deron conta de que están presentes en todos os obxectos e non só nos tecnolóxicos. 

Ademais tamén traballaron sobre estereotipos nas profesións, xoguetes, publicidade... e coñeceron a diversos referentes das STEAM, xerando un diálogo no que chegaron á conclusión de que ao longo da historia se recoñeceu máis logros aos homes que as mulleres neste eido. 

Tras todo este tempo de reflexión e investigación chegou o momento de traballar en grupo para crear a súa propia empresa e construír obxectos que cumprisen unha función determinada, por exemplo unha cadeira.

Ao rematar o programa a rapazada reflexionou sobre o que aprendeu ao longo destas sesións e algunhas das súas conclusións foron:

  • “Aprendín que podo ser o que queira ser e que ninguén e inferior ou superior a ninguén”.
  • “Gustoume construír cousas coas miñas amigas e aprendín a ter máis confianza e ser o que eu queira ser sen límites”.
  • “Da igual que sexas home ou muller, podes estudar e ser o que queiras ser”.
  • “As cores non teñen xénero, os xoguetes tampouco e paseino xenial creando a empresa”

14 ene 2023

PALABRAS DE CARAMELO NO CLUB DE LECTURA

Continuamos coas xuntanzas do Club de Lectura, nesta ocasión, para conversar e compartir as nosas experiencias lectoras con “Palabras de Caramelo”, de Gonzalo Moure.

Unha lectura que nos presenta a relación de amizade entre Kori, un neno saharaui xordomudo de oito anos, e un camelo, Caramelo.

Unha historia que nos permitiu achegarnos ao pobo Saharaui e á vida  dos campamentos de refuxiados aos que Gonzalo Moure viaxa varias veces e colabora a través do proxecto Bubisher.

Visualizamos un trailer curto e escribimos un acróstico coa palabra Caramelo.

A todos e todas encantounos este libro!!!

Unhas boliñas de chocolate fixeron máis doce a nosa reunión!!!

12 ene 2023

PLAN PROXECTA+. PRIMEIROS PASOS EN SCRATCH

Durante o primeiro trimestre, o alumnado de 6º de Primaria, utilizando como fío condutor o libro, “Hola Ruby: la aventura de programar” de Linda Liukas, foise mergullando no mundo da programación e, a súa vez, dando os seus primeiros pasos no programa Scratch, aprendendo a animar personaxes con texto, movementos programados e aleatorios, cambiar a aparencia de personaxes e fondos, incluir sons e incluso crear pequenos programas de debuxo e xogos de persecución.

No seguinte vídeo podedes ver algúns exemplos do traballo que realizaron.



11 ene 2023

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA 2023

Calendario do Libro e da Lectura de Galicia 2023, coas datas, efemérides e conmemoracións máis salientables en torno aos libros e á lectura. 

Preme na imaxe para acceder ao documento en pdf.