Mostrando entradas con la etiqueta Biblioteca Creativa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Biblioteca Creativa. Mostrar todas las entradas

19 jun 2026

GUÍA DE LECTURAS VERÁN 2026

O sol ergue o seu pano dourado e o verán comeza a súa función máis esperada. As rúas énchense de risas, os días fanse longos e o aire trae arrecendo a aventura. É tempo de deixar voar a imaxinación, de facer malabares co tempo libre e de descubrir novas historias que fagan sorrir, soñar e aprender. 

Presentamos a nosa Guía de Lecturas de Verán, unha selección de títulos cheos de fantasía, emoción e aprendizaxe, pensada para acompañar cada momento destas vacacións. 

Cada libro é unha viaxe diferente, unha porta aberta a novas emocións e descubrimentos. Que esta guía sexa o mapa que conduza a momentos inesquecibles de lectura e descanso. 

Bo verán e felices lecturas!

Guía de lecturas verán 2026 de Biblioteca Seis do Nadal

13 jun 2026

AGASALLOS AOS RETOS DOS RECREOS

Este venres celebrouse na biblioteca a entrega dos agasallos ao alumnado que completou todos os retos do folleto de recreos creativos. Ao longo do curso, participaron con entusiasmo nas propostas de Kapla, Korbo, Lego e Magsmarters, vinculadas ao PDI do circo, demostrando imaxinación, colaboración  e moitas ganas de aprender xogando.

Cada reto puxo a proba a capacidade de crear, construír e traballar en equipo, convertendo os recreos nun espazo de experimentación e diversión compartida. O resultado foi unha colección de creacións sorprendentes e un ambiente cheo de ideas e sorrisos. 

O equipo da biblioteca quere dar as grazas a todo o alumnado participante pola súa implicación e espírito colaborativo. Parabéns a todas e todos polos retos superados!

7 jun 2026

OBRADOIRO DE POLOS: OPERACIÓN CIRCO

Durante as últimas semanas, o alumnado de 1º e 2º de Primaria participou, en sesións independentes, nun novo Obradoiro de Polos Creativos inspirado no libro “O gran circo das palabras” de Eva Mejuto.

Tras escoitar o contacontos e coñecer as aventuras de Rufo, a rapazada recibiu unha misión moi especial: Operación Circo. Para completala, tiveron que poñer en marcha as súas habilidades de observación, concentración e pensamento lóxico.

O reto consistía en construir paso a paso un circuito empregando a placa Makey Makey e o programa Scratch. A medida que avanzaban na montaxe, foron descubrindo como os diferentes elementos conectaban entre si para facer posible a interacción entre os obxectos físicos e o computador. Unha vez completado o dispositivo, chegou o momento de afrontar o desafío final. O pallaso do circo perdera as suas narices, atrapadas en diferentes trampas, e había que rescatalas sen cometer erros. 

A actividade inspirada nos xogos de habilidade e precisión, esixía pulso firme, atención e moita paciencia.

A través desta proposta, o alumnado iniciouse de maneira lúdica en conceptos vinculados ao desenvolvemento do pensamento computacional.

6 jun 2026

LECTURAS COMPARTIDAS NA BOUZA

O 5 de xuño foi un día moi especial: o alumnado de 1º da ESO do IES Alexandre Bóveda e os nenos e nenas de tres anos do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal compartiron unha fermosa xornada de lectura na Bouza.

Os maiores convertéronse en contadores e contadoras de historias, enchendo o espazo de palabras máxicas e aventuras que fixeron voar a imaxinación dos máis pequenos e pequenas. Cada conto foi unha viaxe compartida, un momento de encontro entre dous mundos que se miraban con curiosidade e tenrura.

A alegría estivo presente en cada sorriso, en cada ollada de sorpresa e en cada páxina lida con ilusión. Despois das lecturas, chegou o tempo do xogo: risas, carreiras e complicidade no parque. 

O peche da xornada trouxo agasallos, abrazos e unha foto de grupo que gardará para sempre a lembranza deste día. Unha experiencia que uniu xeracións a través da maxia dos contos e da alegría de compartir.

3 jun 2026

CINEMA NA BIBLIO

Durante o mes de maio, a nosa biblioteca encheuse de imaxes, risas e emocións coa celebración dun ciclo de cine en galego. Foi unha oportuidade para gozar do audiovisual na nosa lingua e redescubrir pequenas xoias que gardan os arquivos do Xabarín Club. 

Os nenos e nenas de Infantil e primeiros cursos de Primaria mergulláronse nas aventuras dun osiño entrañable: "As aventuras de Paddington". Nesta historia, o señor Gruber agasállalle a Paddington unha caixa de maxia para que aprenda os segredos dos grandes magos. Entre risas e ilusións, o público máis novo gozou dunha sesión chea de fantasía e amizade.

O alumnado de cursos superiores tivo a oportunidade de descubrir unha serie rodada en Galicia: "Os argonautas". A protagonista, Alba, chega á vila de Rodas  para pasar o verán coa tía Helena. O que semellaba un tempo aburrido e solitario convértese nunha aventura chea de misterio, amizade e descubrimentos. A rapazada quedou tan intrigada que prometeu seguir a historia para saber que acontecera ese verán insquecible.

2 jun 2026

RETO KAPLA XUÑO

O gran circo do Seis está a piques de rematar a súa función!. Despois de meses cheos de risas, retos e aventuras compartidas, os seus protagonistas prepáranse para coller unhas merecidas vacacións. Pero antes de marchar… queda unha última misión!

Os artistas, malabaristas e equilibristas teñen que viaxar cara ao seu descanso, e precisan un tren moi especial para facelo. Durante este mes de xuño, as pezas de Kaplas serán as grandes protagonistas dos recreos na biblioteca. Con elas, haberá que construir o tren do circo, vagoneta a vagoneta, combinando imaxinación, equilibrio e traballo en equipo.

Este mes tamén traerá unha sorpresa moi esperada: a última pegatina para completar o folleto dos retos da biblioteca. Quen os teña poderá recoller un pequeno agasallo como recoñecemento polo esforzo, a creatividade e a colaboración demostrada ao longo do curso. 

Ata pronto, artistas do Seis! 

1 jun 2026

BIBLIOLAB: BEGOÑA CAAMAÑO

Durante o mes de maio, a Bibliolab centrou as súas actividades en dúas temáticas: o pensamento computacional e a celebración das Letras Galegas, dedicado a Begoña Caamaño. A través de xogos e creacións, o alumnado mergullouse no universo literario e tecnolóxico, combinando imaxinación e aprendizaxe.

Coas tarxetas de imaxes relacionadas coa vida e obra de Begoña Caamaño, realizouse un xogo de buscar parellas.

Cada participante decorou marcapáxinas de Begoña Caamaño e tamén se utilizou o lapis 3D para crear outros. 

Empregando unha  lupa vermella descubrimos o texto oculto en diferentes tarxetas. Despois, cubriuse unha ficha de investigación con toda a información atopada.

Inspirándose nas novelas de Begoña Caamaño, o alumnado escolleu un taboleiro temático e, cos dados de historias, inventou contos para narrar oralmente aos compañeiros e compañeiras. 

En Primaria, as historias foron programadas con Scratch online ou Scratch Jr, transformando a narración en animacións interactivas.

Nas obras de Begoña Caamaño mestúranse espazos reais e fantásticos. Para explorar este aspecto, realizouse un xogo de circuitos eléctricos: con cables, uníase cada imaxe co seu nome. Se a luz se acendía, significaba que a resposta era correcta. Ademais, completouse unha sopa de letras con termos e lugares das súa novelas. 

As heroínas das historias de Begoña tamén tiveron o seu espazo nos xogos de taboleiro:

-Xogo tipo parchís: as personaxes movíanse polo taboleiro seguindo as frechas, empregando o dado numérico, ata chegar á meta da súa cor.

-Xogo de pensamento computacional: unha versión avanzada do parchís, na que se traballaron os bucles e condicións, aplicando conceptos básicos de programación.

Na obra “Circe ou o pracer azul”, Begoña inspirouse en personaxes da mitoloxía grega. Nesta historia Penélope, a raíña de Ítaca, e Circe, a deusa e raíña de Eea, intercambian cartas nas que comparten os seus segredos, aventuras e ameazas que sofren os seus territorios. Tiramos o dado, colocamos as pezas e programamos o CODING SET para conseguir coller a todos os personaxes.

Na obra “Morgana en Esmelle”, Begoña inspirouse nas lendas da Idade Media coñecidas como materia de Bretaña ou Ciclo Artúrico. O alumnado escolleu un dos tres xogos propostos nas tarxetas e programou ao Tale-bot, guiando a Morgana e os cabaleiros de Artur polas súas misións. 

27 may 2026

TRABALLO EN EQUIPO CON LEGO

Durante o mes de maio, a biblioteca encheuse de cores, pezas e imaxinación. Os Lego foron os protagonistas dos recreos, converténdose nun espazo de creación compartida onde o traballo en equipo foi a clave para acadar o reto do mes: deseñar un mago. 

A actividade serviu para fomentar a colaboración, a comunicación e o respecto polas ideas dos demais, demostrando que cando se constrúe en equipo, o resultado é sempre máis sorprendente. 


Os participantes que completaron o reto recibiron unha pegatina para a súa folla de retos, símbolo do esforzo, da creatividade e da ilusión compartida. 

7 may 2026

ANXO FARIÑA E "A ESCOLA ROBOT"

O mércores 6 de maio o alumnado de 4º de Primaria tivo a sorte de recibir a visita do escritor e ilustrador Anxo Fariña, autor do libro "A Escola Robot"

Durante a charla, Anxo Fariña explicou como xurdiu a idea do libro e cales foron as súas principais inspiracións, entre elas a súa paixón pola tecnoloxía e polos robots. O alumnado puido descubrir así non só a historia que se agocha nas páxinas de "A Escola Robot", senón tamén todo o proceso creativo que hai detrás dela: desde a primeira idea ata o resultado final. 

O autor compartiu tamén o seu traballo como ilustrador, amosando diferentes robots e personaxes do libro, así como outros debuxos inéditos. Un dos momentos máis emocionantes chegou cando realizou un debuxo en directo: escolleu a unha alumna e transformouna nun personaxe da Escola Robot, explicando paso a paso como dar vida a calquera idea a través do debuxo. 

O alumnado tamén tivo o seu protagonismo, xa que puido ensinar ao autor os seus propios traballos. Ao longo do curso crearon robots inspirados no libro e mesmo xogaron cun tale-bot nun taboleiro con ilustracións da historia. Anxo Fariña admirou as súas creacións e felicitounos polo seu entusiasmo e imaxinación.

A actividade foi moi participativa e chea de curiosidade. O escritor respondeu con atención a todas as preguntas e, para rematar, asinou exemplares do libro, deixando un recordo especial desta xornada.

Foi, sen dúbida, unha experiencia enriquecedora e inspiradora, que permitiu coñecer mellor o libro e achegarse ao traballo do seu autor dun xeito próximo, creativo e cheo de ilusión.

6 may 2026

RETO LEGO MAIO

Este mes de maio, a biblioteca énchese de maxia, cor e imaxinación. As pezas de Lego convértense nas protagonistas dun espectáculo cheo de fantasía.

Converte as túas ideas en arte! Emprega as pezas de Lego para deseñar un mago sobre plano. Podes inspirarte nos magos clásicos, nos personaxes de contos ou inventar o teu propio feiticeiro cheo de maxia e cor. 


A colaboración e o traballo en equipo farán posible esta actividade nos recreos. Engade unha nova pegatina á túa folla de retos da biblioteca.

4 may 2026

BIBLIOLAB: A MAXIA DOS LIBROS

Durante o mes de abril, a Bibliolab encheuse de maxia para celebrar o mes do libro. As historias convertéronse en portas abertas á imaxinación, e cada actividade foi un pequeno truco cheo de ilusión, humor e creatividade. A través dos libros, descubrimos que a maxia pode estar en calquera lugar: nas palabras, nos números, na natureza e mesmo nos xogos.

Con “Era unha vez un dominó” e os dados, inventáronse contos cheos de fantasía e aventuras.

Inspirados en “El ilusionista amarillo”, de Bruno Munari, transformámonos en auténticos ilusionistas: lemos, xogamos coas cartas e descubrimos xogos diferentes a través de códigos QR. A maxia estaba nas nosas mans e tamén nas nosas ideas.

A historia de “O mago Goma”, fixo aparecer sorrisos e soños gardados nunha caixa de cristal. Inspirámonos nel para xogar con “Rimando ando”, creando versos divertidos, e co xogo “Quen é quen”, describindo personaxes máxicos con moito enxeño.

En “Tito fai de mago”, a variña máxica foi a protagonista desta sección. Con ela, fixemos aparecer o coello da chistera pronunciando a frase máxica que Tito nos ensinou. Decoramos un floreiro con flores primaverais, tirando os dados e seguindo as instrucións que guiaban cada paso do noso feitizo creativo.

O libro “Dez coelliños”, de Maurice Sendak, inspirou xogos de lóxica e cálculo. Xogamos con taboleiros, Ranitas, Suma 15 e Math Blox, demostrando que os números tamén poden facer trucos sorprendentes cando se xoga con eles.

Con “Os magos das formas”, de Anxo Fariña, observamos o mundo doutro xeito, descubrindo as formas agochadas nos obxectos do día a día. As actividades con bloques lóxicos e o xogo “Eduludo Formas” axudaron a ver que todo pode transformarse se se mira con ollos de mago.

O libro “Abececirco”, levounos a un circo cheo de letras e personaxes máxicos. Buscamos páxinas con artistas e criaturas fantásticas, xogamos a facer familias co xogo de cartas “Mini Family” e creamos acrósticos cos nomes dos personaxes do circo. As palabras convertéronse en auténticos trucos de maxia.

Para rematar, viaxamos “O meu país máxico”, un xogo de mesa: dominó, xogos de equilibrio e de observación. Cada partida foi unha nova oportunidade para rir, aprender e seguir soñando.

Na Bibliolab, a maxia dos libros segue viva en cada historia, en cada xogo e en cada sorriso que nace ao abrir un libro.

2 may 2026

CREATIVIDADE CON KORBO

Durante o mes de abril, a biblioteca transformouse nun auténtico circo de ideas e construcións grazas ás pezas Korbo. O espazo encheuse de imaxinación, enxeño e moita diversión mentras o alumnado convertíase en artistas da creación. 

O reto deste mes consistiu en deseñar e construir unha estrutura que lembrase ao incrible home bala. As mesas convertéronse en pistas de lanzamento, as pezas en engranaxes de soños, e cada grupo traballou en equipo para dar forma ás súas ideas.


Os resultados foron: estruturas cheas de cor, equilibrio e movemento, que demostraron a creatividade e o espírito colaborativo de todos os participantes.

Ao completar o desafío con éxito, cada participante recibiu unha nova pegatina para engadir á súa folla de retos da biblioteca, un recordo máis desta aventura chea de aprendizaxe, diversión e fantasía.

30 abr 2026

ABRIL DE CINE E LIBROS

Durante o mes de abril, para celebrar o Día do Libro, o noso Cine da Biblio encheuse de aventuras, risas e moita imaxinación. Este ano, o protagonista foi o noso ilustre escritor Miguel de Cervantes e a súa obra máis coñecida: “El Quijote”.

Os nenos e nenas máis pequenos gozaron coa proxección dos “Lunnis de leyenda”, que lles amosaron quen foi Cervantes e quen era ese cabaleiro soñador chamado Don Quijote de La Mancha. Entre cancións e contos, descubriron que ler tamén é unha forma de viaxar e de soñar esperto.

Os maiores mergulláronse nun capítulo da serie “Don Quijote de La Mancha”, onde se narra a famosa aventura do barco encantado. A emoción foi en aumento ata o final, cando todos se preguntaron: onde estaba o barco encantado? A resposta, como ben aprendeu Don Quijote, estaba na imaxinación.

Estas sesións de cine deixáronnos unha gran ensinanza: a imaxinación é o mellor barco para viaxar por mares de historias. E, como Don Quijote, tamén nós podemos soñar con aventuras imposibles cada vez que abrimos un libro.

20 abr 2026

OBRADOIRO CREATIVO: "TODAS Á PISTA"

O alumnado de 5º de Primaria participou nun obradoiro creativo enmarcado nas actividades impulsadas polo programa Biblioteca Creativa.

O obradoiro, titulado “Todas á pista: escultura en arame”, foi conducido por Electra Menéndez (creadora do proxecto Pedras de Papel). Nel, o alumnado tivo a oportunidade de reinterpretar algunhas das esculturas cinéticas de Alexander Calder, inspiradas no seu coñecido circo.

A través desta proposta, achegáronse ao mundo da arte desde unha perspectiva lúdica e participativa, experimentando coa creación de pequenas esculturas en arame. 

Durante o proceso, exploraron a través do xogo cos materiais, os equilibrios e o movemento, elementos clave na obra de Calder.

A actividade permitiu traballar a creatividade, a expresión artística e a capacidade de experimentar sen medo ao erro, ao tempo que descubriron novas formas de entender a arte contemporánea.

Unha experiencia diferente, na que a arte e o circo volveron encontrarse para converter a aula nun espazo de creación, imaxinación e descubrimento.