O martes 20 de outubro, o alumnado de 3º de Primaria participou nun Obradoiro de Radio impartido por Damián Alonso, actor de dobraxe e formador da asociación Ponte...nas Ondas!. Foi unha xornada diferente, na que a aprendizaxe, a creatividade e a diversión se combinaron arredor do mundo da comunicación.
Ao longo da mañá, Damián explicou as técnicas básicas de locución, facendo especial fincapé no ton, no ritmo e na modulación da voz. O alumnado descubriu como empregar a voz para transmitir emocións, expresar diferentes intencións e manter a atención das persoas que escoitan.
Despois chegou o momento de preparar o programa de radio. Organizados en grupos, achegaron ideas, redactaron os textos e elaboraron o guión e a escaleta. Esta parte da actividade permitiulles traballar en equipo, escoitar as propostas dos compañeiros e compañeiras, repartir responsabilidades e dar renda solta á súa creatividade.
Pero tamén se achegaron ao traballo técnico que hai detrás dunha gravación.
Aprenderon a manexar a mesa de mesturas, controlar os micrófonos, axustar o
volume e utilizar o programa Audacity para gravar e editar o seu propio
podcast.
Pola tarde, chegou o turno do profesorado, que realizou a mesma actividade e tamén tivo a oportunidade de poñerse diante dos micrófonos e coñecer as ferramentas da radio.
Grazas Damián por achegarnos ao apaixonante mundo da radio e por inspirarnos a seguir comunicando, creando e aprendendo xuntos!







.png)




.png)
.png)