O luns 25 de abril, recibimos a visita dalgúns membros de DisCamino, unha asociación que axuda as persoas con discapacidade a cumprir os seus soños, sexan estes dar un paseo en bici, participar nunha carreira, nun campionato ou realizar o Camiño de Santiago.
Durante esta interesante charla, coordinada por Javier Pitillas, o alumnado de 5º puido coñecer a persoas que se esforzan a diario para conseguir as súas metas. Por exemplo, Gerardo explicounos que fixo o Camiño de Santiago dende Roncesvalles ata Santiago e que o que recorda del é o seu olor e as figuras, que para el, son todas aquelas cousas que pode percibir coas mans, xa que Gerardo é unha persoa xordo-cega que ve a través das súas mans.
Por outra banda, David contounos como se namorou do Camiño, unha experiencia que lle cambiou a vida, xa que nel coñeceu a súa parella.
Ana tamén nos contou que fixo o Camiño pero ademais mostrounos como a súa discapacidade non lle impide realizar slalom; é máis, Ana gañou 13 campionatos de España de slalom en cadeira de rodas.
Fani tamén fixo o Camiño dende Roncesvalles e a través de imaxes ensinounos o significativo que para ela foi realizalo.
Finalmente Javi púxolle un toque de humor a xornada xa que nos amosou como durante o Camiño e a vida en xeral, desborda optimismo e positividade, animando aos seus compañeiros e facendo algunha broma.
Grazas por acompañarnos e compartir con nós unha experiencia tan bonita e inspiradora.
Bo Camiño bicigrinos!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario