13 feb 2024

DÍA MUNDIAL DA RADIO 2024

O 13 de febreiro celebramos o Día Mundial da Radio.

Este ano a ONU conmemora un século da radio como medio de comunicación baixo o lema:

"Un século informando, entretendo e educando"

A radio escolar é hoxe un medio que forma e educa nos medios de comunicación.

O noso centro participa na iniciativa proposta pola Asociación Ponte...nas Ondas! cun programa sobre o Entroido.

Nico, Andrea, Mateo e Martina, alumnado de 6º e voluntariado da biblioteca, falan sobre unha figura do entroido vigués, o Merdeiro, e fan unha entrevista a María, unha das primeiras mulleres merdeiras que saíron polo Casco Vello no 2006, ano en que empeza a recuperarse esta personaxe do noso entroido. Parabéns polo voso traballo!!! 

                            FELIZ DÍA DA RADIO!!!

12 feb 2024

CITA A CEGAS CUN LIBRO

Na semana do 5 ao 9 de febreiro celebramos na biblioteca o amor pola lectura cunha actividade de animación á lectura moi especial, CITA A CEGAS CUN LIBRO.

Cada clase recibiu a súa carta convidando a participar nesta proposta.

Nos recreos, o alumnado que voluntarimente quixo participar achegouse á biblioteca e escolleu un libro. O voluntariado foi o encargado de organizar esta actividade que, curso tras curso, resulta un éxito de participación.

11 feb 2024

11F: DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola ONU para recoñecer o rol que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e na tecnoloxía. A finalidade é lograr o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas na ciencia ademais de lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.

A iniciativa 11 de Febreiro promove a realización de actividades para visibilizar o traballo das mulleres que se adican ás áreas STEAM, creando así referentes femininos que poidan contribuir á elección destas áreas como carreiras profesionais.

Céntrase no papel das mulleres, nenas e a ciencia en relación aos Obxectivos ODS, incluidos na Axenda 2030.

Máis información sobre o tema en:

·    ONU Mulleres

·    11 de Febreiro org

·     Mujeres con ciencia

·     Mulleres de ciencia en Galicia

Para conmemorar esta data, ao longo deste mes temos varias actividades: 

Selección de libros que contan a vida de mulleres que destacan no mundo da ciencia.

10 feb 2024

ROBÓTICA POLA PAZ

No mes de xaneiro dende os talleres de robótica organizados pola Bibliolab a rapazada de 4º, 5º e 6º de Primaria, estiveron traballando entorno a Paz con diversos obradoiros.

En 4º de Primaria recordaron algúns símbolos da Paz e despois deseñáronos en 3D co obxectivo de crear un colgante para imprimir na impresora. Verdade que fixeron auténticas obras de arte?

 

Nos curso de 5º de Primaria experimentaron cos efectos ópticos xogando coa luz e a escuridade, programando un holograma dunha pomba mensaxeira de Paz. Na seguinte ligazón podedes desfrutar dun exemplo da súa creación e das mensaxes que nos deixou a pomba:  https://scratch.mit.edu/projects/961727854


Queredes desfrutar da experiencia completa empregando unha pirámide holográfica? Na seguinte ligazón tedes o paso a paso: https://youtu.be/fIdq5WDF12M

 

En 6º de Primaria os obradoiro centráronse no uso de Scracth co fin de crear un videoxogo no que hai que recoller os símbolos da Paz, diferenciándoos dos que non o son. Queres probar os teus reflexos? Aquí tedes un exemplo: https://scratch.mit.edu/projects/964402102


Ademais, tamén construiron un pequeno instrumento musical para tocar o Himno da Alegría, como símbolo de unidade e fraternidade; e para crealo tiveron que programar en Scratch e usar a placa Makey-Makey para conseguir que un trozo de papel de aluminio e un cartón emitisen as notas desta melodía.


9 feb 2024

LECTURAS DE ENTROIDO

É tempo de Entroido, de festa, de máscaras, de filloas e de cocido.

Dende o equipo de biblioteca fixemos unha escolma de lecturas para estas datas que podedes atopar en exposición.

8 feb 2024

PROGRAMA DE RADIO: DÍA DA PAZ

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

Nesta ocasión os/as protagonistas son a clase de 5ºA, que nos falarán do Día Escolar da Non violencia e da Paz así como uns consellos para resolver os conflictos que poidan xurdir.

Desfrutadeo!!!

7 feb 2024

VISÍTANOS UNHA MERDEIRA

O martes 6 de febreiro, contamos coa presenza de María Escudeiro, nai do centro, que viu falarnos sobre unha figura do entroido vigués: Os Merdeiros.

María foi unha das primeiras Merdeiras que sairon polo Casco Vello no 2006, ano no que comenza a recuperarse esta personaxe do noso entroido.

Ao longo da charla ensinounos os diferentes elementos que compoñen a vestimenta do Merdeiro: chaleque, faxín e a carouta.

O alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria aprendeu moitas cousas: a súa orixe, o comportamento, que días saen no Entroido, por onde podemos velos, a asociación que levou a cabo a súa recuperación, etc.

Agasallounos cun libro da Asociación Etnográfica da Merdeira, “O Merdeiro. Personaxe da Ribeira”, de Hadrián Román Carreiro e Adriana del Río Miranda, que recolle unha pequena escolma da historia do entroido da cidade de Vigo e analiza a figura do Merdeiro e que pasará a formar parte dos fondos da nosa biblioteca.

Moitas grazas María!!!

6 feb 2024

INVESTIGANDO SOBRE FOTOGRAFÍA

O alumnado de 2º de Primaria está traballando a historia da fotografía dentro do marco do proxecto anual “OSEISMEDIA”.

A través da vida da “Fotógrafa Perpetua” de Olaia Sendón, álbum ilustrado que xa se atopa dentro do catálogo da nosa biblioteca, están facendo un percorrido polas fotografías máis importantes do mundo desde a creación deste marabilloso aparello que é a cámara fotográfica.

Coñeceron a Vivian Maier, unha fotógrafa estadounidense que retratou a vida cotiá coa súa cámara  Rolleiflex.

E tamén a Luis Ksado, un fotógrafo galego que amosou nas súas fotografías a nosa xente e a nosa terra. Moi coñecido é o seu retrato A Naiciña.

Coa inestimable colaboración das familias, están montando a súa propia exposición polos corredores do centro, facendo unha recreación propia das fotografías máis emblemáticas.

5 feb 2024

CINE POLA PAZ

Na última semana de xaneiro, dentro do programa de “Cine na Biblio”, proxectamos curtametraxes e videocontos coa temática do Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

Os e as máis pequenas puideron ver “Azulado” de Saschka Unseld, a historia dun paraugas azul nun día de chuvia que precisa dunha man amiga na perigosa cidade. E “Piper” de Alan Barillaro, un paxariño que está aprendendo a valerse por sí mesmo pero non poderá facelo sen axuda.

As e os maiores do cole pola súa banda emocionáronse con “Viento” de  Edwin Chang, unha avoa e o seu neto intentando fuxir a un mundo mellor. E recordamos “E que podo facer eu?”, un album ilustrado de José Campanari e Jesús Cisneros que se encadra dentro da serie “Contos do Camiño” e do que temos a edición impresa na nosa biblioteca para que poidan desfrutar cando queiran.

4 feb 2024

UN LOGO PARA A NOSA RADIO

Dende este curso a nosa biblioteca pasou a formar parte do programa Radio na Biblio. Ademais dos distintos materiais necesarios para a gravación de programas necesitamos un nome e un logo que nos identifique.

Os distintos equipos decidimos que o nome da nosa radio é “A Radio do Seis”.

Queremos propoñervos que, pensando neste nome, deseñedes un logotipo orixinal que identifique a nosa radio e nos diferencie das demais.

Por iso plantexamos este concurso: “Buscamos logo para a Radio” coas bases que figuran no cartel adxunto.

Agardamos a vosa colaboración!!!