Desde 1997, cada 24 de outubro celebramos o Día da Biblioteca, unha
iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, en colaboración co Ministerio de Cultura e
Deporte, en recordo da destrucción da Biblioteca de Sarajevo incendiada en 1992
durante a Guerra dos Balcáns.
Esta conmemoración naceu para trasladar á opinión pública a importancia da Biblioteca como lugar de encontro dos lectores/lectoras de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.
Cada ano encárgase a un escritor/escritora e a un
ilustrador/ilustradora a redacción do pregón e o diseño do cartel que se
difunde entre todas as bibliotecas.
Este ano o cartel foi diseñado por Miguel Calatayud e
o pregón por Gemma Pasqual.
PREGÓN DÍA DA BIBLIOTECA 2019
" A SEN CONTO"
Non quería ser princesa,
non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a
devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería
esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a
viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin
esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a
durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.
E puxo os seus zapatos
vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata
converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían
en ningures.
Nunha casca de noz
navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes
ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa
sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa,
que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos.
Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos
aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor.
Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.
Finalmente, despois de
moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do
que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera
Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do
universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao
futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil,
como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para
ser a protagonista de todos os contos.
Longa vida ás
bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen
papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser
heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de
máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.
Tradución: Héctor
Cajaraville
No hay comentarios:
Publicar un comentario