"Aprender a pensar coa biblioteca escolar" é
o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas
escolares.
O lema elixido convida ao
aproveitamento dos recursos, dos espazos, dos tempos e das actividades que a
biblioteca facilita a toda a comunidade educativa.
Unha biblioteca escolar actualizada no
seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con
profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha
oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento
crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da
tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das
lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións.
Aprender a pensar co cine e coa música.
Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades
compartidas.
Aprender a pensar baixo a guía e orientación
dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e,
tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos para
desenvolver o pensamento complexo.
Aprender a pensar nas clases de filosofía,
pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio.
A biblioteca escolar é un espazo privilexiado
para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a
formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e,
tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.
(Fonte -Bibliotecas Escolares)
No hay comentarios:
Publicar un comentario