26 sept 2023

BUSCAMOS AXUDANTES

Se estás en 5º ou 6º de Primaria e queres colaborar coa biblioteca. Agardámoste o mércores 27 de setembro en horario de recreo no que explicaremos o seu funcionamento. Animádevos!!!

23 sept 2023

PROXECTO DOCUMENTAL ANUAL

Este ano o Seis convértese nunha factoría audiovisual e pasa a ser os Estudios OSEISMEDIA co obxectivo de afondar en diferentes medios audiovisuais coma a fotografía, o cine, as curtas, a radio, o teatro, o mundo dixital…

Un proxecto no que seguiremos a traballar por un futuro sostible para acadar os Obxectivos ODS da Axenda 2030.

Ben seguro será un tema moi emocionante no que descubriremos a historia, os inventos e os persoeiros máis relevantes deste campo.  

Agardamos contar coa vosa colaboración nas distintas actividades de investigación e creación propostas dende o cole!!!

29 jun 2023

DESPEDIMOS AO CLUB DE LECTURA

O mércores 28 de xuño despedimos o Club de Lectura “Ás Seis no Seis” cunha pequena merenda, na que valoramos o seu funcionamento  e con propostas para o vindeiro.

Rematamos coa entrega de diplomas e unha bolsa de tea co logo da biblioteca. Tamén levamos para ler neste verán o libro do que conversaremos á volta de vacacións, “Non penses nun elefante rosa” de Antía Yáñez.

Foi unha tarde chea de ledicia e de emocións!!! 

Grazas a todas por un curso cheo de historias, de sorrisos e de tertulias literarias!!! 

Bo verán!!!

20 jun 2023

GUÍA DE LECTURAS PARA O VERÁN

Presentamos a nosa Guía de Lecturas para o verán.

Libros, música e xogos para que disfrutedes no tempo de lecer.

Premendo nas imaxes podedes obter información sobre cada unha delas. 

Colabora co comercio local e merca nas súas librarías!!!

Bo verán e refrescantes lecturas!!!

Guía Lecturas Verán 2023 de Biblioteca Seis do Nadal

19 jun 2023

ADIVIÑANDO O FUTURO CON SCRATCH

O curso xa chega ao seu fin e é hora de ir rematando todos eses proxectos que ao longo do curso fomos realizando con ilusión. 

 

No caso do alumnado de 6º aproveitando os coñecementos que adquiriron sobre Scratch para por fin ao PDI O futuro que queremos deseñaron un xogo para predicir o futuro. 

 

E ti queres xogar a adiviñar o futuro? Pulsa no seguinte enlace e divírtete:


ADIVIÑA O TEU FUTURO


18 jun 2023

DESPEDIMOS AO CLUB DE LECTURA DE 6º

O luns 12 de xuño rematou a nosa andaina co Club de Lectura de 6º, cunha xuntanza arredor do libro “A folla azul”, de Andrea Maceiras, Premio Merlín de Literatura Infantil 2020.

A conversa centrouse na temática (coidado da natureza e do medio ambiente, dereitos dos pobos indíxenas,…) moi vinculada ao noso proxecto documental deste curso e aos obxectivos da Axenda 2030.

Avaliamos o club de lectura no que recollemos as súas opinións sobre o seu funcionamento:

-Unha experiencia interesante, divertida para poder comentar e compartir opinións cos compañeiros/as.

-Os libros máis valorados: Palabras de Caramelo, Formig4s. Misión Rosalía e A Señorita Bubble baixo cero.

-Poder conversar cos autor@s, Pere Tobaruela e Ledicia Costas.

-A excursión a Padrón co Roteiro Rosaliano.

O mércores 14 de xuño despedimos o Club de Lectura cunha merenda e a entrega de diplomas.

Moitas grazas a todos e todas!!! Bo verán!!!

17 jun 2023

ANPA: APORTACIÓN DE LIBROS

Queremos  agradecer unha vez máis a nosa ANPA, a aportación tan maravillosa de libros para o centro pensando nas nosas crianzas.

Lecturas de calidade, diversas, inclusivas, igualitarias,… que o noso alumnado disfrutará.

Unha mostra máis de agarimo das nosas familias para seguir facendo Comunidade.

16 jun 2023

PLAN PROXECTA +. VISITA DA CRUZ VERMELLA

Como broche final do Plan PROXECTA+: Aprendo programando no Seis o alumnado de 6º recibiron a visita de Daniel e Teresa integrantes da ONG Cruz Vermella


Nesta visita estiveron falando da súa labor cos REFUXIADOS, traballando estes conceptos e outros relacionados a través dunha dinámica de grupo e finalmente visualizando uns vídeos testemuño dalgunhas persoas refuxiadas.


Grazas a esta visita o alumnado puido comprobar como o traballado ao longo do curso é real e existen casos de refuxiados que viven preto de nós.

15 jun 2023

DESPEDIDA DO VOLUNTARIADO

O mércores 14 de xuño, remataron a súa colaboración os/as axudantes da biblioteca, alumnado de 6º de Primaria, que participaron no programa “Voluntariado de Lectura-A”.

Despedímolos cunha merenda e entrega dun diploma e un pequeno agasallo (marcapáxinas e bolsa) polo seu traballo, colaboración e implicación no bo funcionamento da biblioteca ao longo de todo o curso.

Desexámosvos  moita sorte na nova etapa que comenzaredes en setembro. Moitas grazas a todos e todas!!!