29 jun 2023

DESPEDIMOS AO CLUB DE LECTURA

O mércores 28 de xuño despedimos o Club de Lectura “Ás Seis no Seis” cunha pequena merenda, na que valoramos o seu funcionamento  e con propostas para o vindeiro.

Rematamos coa entrega de diplomas e unha bolsa de tea co logo da biblioteca. Tamén levamos para ler neste verán o libro do que conversaremos á volta de vacacións, “Non penses nun elefante rosa” de Antía Yáñez.

Foi unha tarde chea de ledicia e de emocións!!! 

Grazas a todas por un curso cheo de historias, de sorrisos e de tertulias literarias!!! 

Bo verán!!!

20 jun 2023

GUÍA DE LECTURAS PARA O VERÁN

Presentamos a nosa Guía de Lecturas para o verán.

Libros, música e xogos para que disfrutedes no tempo de lecer.

Premendo nas imaxes podedes obter información sobre cada unha delas. 

Colabora co comercio local e merca nas súas librarías!!!

Bo verán e refrescantes lecturas!!!

Guía Lecturas Verán 2023 de Biblioteca Seis do Nadal

19 jun 2023

ADIVIÑANDO O FUTURO CON SCRATCH

O curso xa chega ao seu fin e é hora de ir rematando todos eses proxectos que ao longo do curso fomos realizando con ilusión. 

 

No caso do alumnado de 6º aproveitando os coñecementos que adquiriron sobre Scratch para por fin ao PDI O futuro que queremos deseñaron un xogo para predicir o futuro. 

 

E ti queres xogar a adiviñar o futuro? Pulsa no seguinte enlace e divírtete:


ADIVIÑA O TEU FUTURO


18 jun 2023

DESPEDIMOS AO CLUB DE LECTURA DE 6º

O luns 12 de xuño rematou a nosa andaina co Club de Lectura de 6º, cunha xuntanza arredor do libro “A folla azul”, de Andrea Maceiras, Premio Merlín de Literatura Infantil 2020.

A conversa centrouse na temática (coidado da natureza e do medio ambiente, dereitos dos pobos indíxenas,…) moi vinculada ao noso proxecto documental deste curso e aos obxectivos da Axenda 2030.

Avaliamos o club de lectura no que recollemos as súas opinións sobre o seu funcionamento:

-Unha experiencia interesante, divertida para poder comentar e compartir opinións cos compañeiros/as.

-Os libros máis valorados: Palabras de Caramelo, Formig4s. Misión Rosalía e A Señorita Bubble baixo cero.

-Poder conversar cos autor@s, Pere Tobaruela e Ledicia Costas.

-A excursión a Padrón co Roteiro Rosaliano.

O mércores 14 de xuño despedimos o Club de Lectura cunha merenda e a entrega de diplomas.

Moitas grazas a todos e todas!!! Bo verán!!!

17 jun 2023

ANPA: APORTACIÓN DE LIBROS

Queremos  agradecer unha vez máis a nosa ANPA, a aportación tan maravillosa de libros para o centro pensando nas nosas crianzas.

Lecturas de calidade, diversas, inclusivas, igualitarias,… que o noso alumnado disfrutará.

Unha mostra máis de agarimo das nosas familias para seguir facendo Comunidade.

16 jun 2023

PLAN PROXECTA +. VISITA DA CRUZ VERMELLA

Como broche final do Plan PROXECTA+: Aprendo programando no Seis o alumnado de 6º recibiron a visita de Daniel e Teresa integrantes da ONG Cruz Vermella


Nesta visita estiveron falando da súa labor cos REFUXIADOS, traballando estes conceptos e outros relacionados a través dunha dinámica de grupo e finalmente visualizando uns vídeos testemuño dalgunhas persoas refuxiadas.


Grazas a esta visita o alumnado puido comprobar como o traballado ao longo do curso é real e existen casos de refuxiados que viven preto de nós.

15 jun 2023

DESPEDIDA DO VOLUNTARIADO

O mércores 14 de xuño, remataron a súa colaboración os/as axudantes da biblioteca, alumnado de 6º de Primaria, que participaron no programa “Voluntariado de Lectura-A”.

Despedímolos cunha merenda e entrega dun diploma e un pequeno agasallo (marcapáxinas e bolsa) polo seu traballo, colaboración e implicación no bo funcionamento da biblioteca ao longo de todo o curso.

Desexámosvos  moita sorte na nova etapa que comenzaredes en setembro. Moitas grazas a todos e todas!!! 

13 jun 2023

PDI 3º PRIMARIA: COIDADO DO MEDIO AMBIENTE

Dende o nivel de 3º de Primaria estivemos traballando o "Futuro que queremos" dende unha perspectiva do coidado do medio ambiente e o planeta no que queremos vivir. Para iso, levamos a cabo diferentes proxectos e actuacións ao longo de todo o curso. 

Primeiro partimos dende o noso contorno máis próximo, o noso centro. Para iso, o alumnado pensou no "cole que queremos", deseñou e construíu unha maqueta na que puido plasmar as modificacións que considerarían necesarias para mellorar as edificacións e a súa contorna. A maior parte dos cambios fixeron referencia aos espazos comúns e o patio (engadíronse máis árbores e ampliáronse as zonas para poder practicar deportes, entre outros cambios). 

A segunda actuación que fixemos co noso alumnado baseouse no concepto "think globally, act locally", segundo o cal urximos ao alumnado a ter en conta a saúde do planeta e realizar pequenas accións na súa propia comunidade. Estes esforzos de raíz axudan a protexer os ecosistemas e os organismos que dependen deles. Por iso, achegámonos até a praia de Alcabre dispostos a pasar unha xornada de restauración ambiental e recollida de lixo. Aínda que aparentemente estaba bastante limpa, acabamos enchendo varias bolsas de lixo de todo tipo. O alumnado puido comprobar de primeira man que o coidado dos ecosistemas mariños é fundamental para a preservación do noso planeta e que en moitas ocasións as praias e os mares acaban converténdose en auténticos vertedeiros dos nosos refugallos. 

Ante a enorme cantidade de lixo recollido, xurdiu a idea de relizar unha clasificación e investigación do atopado. Usando os recursos da bibliolab (tabletas), o alumnado clasificou o lixo segundo o seu tipo ou material e investigou o tempo que tarda en degradarse na natureza. Con toda esta información, fixemos unha exposición diante da biblioteca para compartir o aprendido co resto do alumnado do centro. 

Na última actuación puxemos en práctica novamente a aprendizaxe por servizo. Cunha intención solidaria, o alumnado interviu novamente nas necesidades da súa contorna para mellorala, nesta ocasión no parque da Bouza. Sendo un verdadeiro pulmón do barrio de Coia que se atopa nas inmediacións do noso centro, fixemos unha recollida de lixo e limpeza do parque. 

11 jun 2023

RESUMO DOS RETOS

Presentamos un resumo dos Retos mensuais, plantexados ao longo do curso, vinculados ao Proxecto Documental Anual, “O futuro que queremos”, centrado nos Obxectivos ODS da Axenda 2030.

Retos ODS de Biblioteca Seis do Nadal

9 jun 2023

MARÍA SOLAR CO CLUB DE LECTURA

O martes 6 de xuño despedimos, por este curso, o Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis”, cunha xuntanza arredor do libro A CULPA, premio Xerais de Novela 2022.

Contamos coa presenza da súa autora, María Solar, que compartiu con nós o seu tempo.

Un libro que nos atrapou dende o primeiro instante, con momentos duros e complicados e, sobre todo, cun desenlace inesperado que as lectoras non agardábamos.

Conversamos sobre a forte personalidade dos personaxes, tanto dos principais coma dos secundarios, moi traballados psicolóxicamente, do título, da trama,...

Unha novela que lle levou cinco anos escribila aínda que tiña moi claro o que quería escribir, documentándose sobre determinados aspectos e das temáticas traballadas: amizades e relacións tóxicas, a prostitución, os abusos e a violación, a emigración, a dependencia, a morte,...

Foi unha tarde maravillosa na que compartimos lectura, conversas e café.

O encontro rematou coa entrega dun pequeno agasallo como lembranza do seu paso polo noso centro e a sinatura de exemplares.

O noso agradecemento a María Solar por acompañarnos e pola súa difusión do noso encontro literario nas redes sociais!!!