24 feb 2020

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2020

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.
Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade.
Para a edición de 2020 Daniel Asorey é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións e centros de ensino.
O lema da proposta, Errantes polo mundo, pode desenvolverse a través de actividades que permitan ao alumnado observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro.
FONTE: AELG

14 feb 2020

ENTROIDO: MANDADIÑOS DO MECO


Este Entroido barulleiro cheo de cambios nos chega e, coma sempre, non poden faltar os Mandadiños do noso MECO. 
A semana do 17 ao 20  de febreiro teremos que vir como el manda.

O venres 21 de febreiro, faremos primeiro un desfile no pavillón do centro e despois o pasarrúas polo barrio. 

Degustaremos a comida típica de entroido, bailaremos, cantarémoslle as nosas coplas ao Meco e disfrutaremos desta festa. Grazas pola vosa colaboración!!!

13 feb 2020

13 DE FEBREIRO: DÍA MUNDIAL DA RADIO


No ano 2013 a ONU aprobou a declaración da UNESCO do Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación da Radio Nacións Unidas no ano 1946. "Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión." 
Este ano celébrase co lema: "Pluralismo, representación e diversidade"  xa que a radio é un medio de comunicación único para celebrar a diversidade humana e constitúe unha plataforma para o discurso democrático. 

Un lema en sintonía co das bibliotecas escolares para este curso "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía" e do valor inclusivo do programa Radio na Biblio.

12 feb 2020

CITA A CEGAS CUN LIBRO


Durante esta semana, do 10 ao 14 de febreiro, celebramos na biblioteca “O AMOR Á LECTURA”.
Atréveste a elexir a cegas un libro sin ver a portada, o título, autor ou autora?
Anímate!!! 

Só tes que pasar pola biblioteca no recreo e reservar o libro que queres. O venres 14 de febreiro, recolleo e levalo para casa. Ponte cómodo no teu recanto favorito, abre o papel e….Sorpresa!! Será amor a primeira vista?

A actividade está tendo moito éxito e participación!!!!

30 ene 2020

LECTURAS PARA A PAZ


Hoxe, 30 de Xaneiro celébrase o Día Escolar da Non Violencia  e a Paz, e queremos compartir unha serie de lecturas con esta temática que facilitan o diálogo, a solidariedade, o respeto á diferencia, a reflexión, a sostenibilidade,...e facer un mundo máis xusto e igualitario.

 BICOS E NON BALAS
Antonio García Teijeiro. Ed. Galaxia
Pola nosa boca poden saír balas pero tamén bicos. Poden saír versos e beixos. Podemos reclamar, a berroversos, a paz.
WANGARI Y LOS ÁRBOLES DE LA PAZ 
Jeanette WinterEdiciones Ekaré
De pequena, en Kenia, Wangari vive rodeada de árbores. Cando medra, comenza unha masiva deforestación e teme que pronto todo o bosque sexa destruido. Entón decide sembrar nove árbores e comenzar un movemento ecolóxico. Wangari Maathai recibiu o Premio Nobel da Paz en 2004.
UNHA LONGA VIAXE
 Daniel Hernández Chambers. Ed Kalandraka
Nun tempo marcado polo drama dos refuxiados, unha obra oportuna e necesaria para a reflexión, a esperanza e a solidariedade con millóns de persoas que teñen dereito a vivir en paz e en liberdade nun mundo sen fronteiras.
PEQUEÑOS GRANDES GESTOS POR LA TOLERANCIA 
Francisco LLorca. Alba Editorial
A través de historias reais veremos a importancia que ten aceptar aos demais tal e como son e que a vida é un espazo compartido con outro.
O VELEIRO VERDE
María Fumaça. Ed. Galaxia
Proba a embarcar e verás como podes cambiar o mundo!
A familia María Fumaça inicia unha nova viaxe nun veleiro verde coas bodegas ateigadas de amizade, cariño e cancións para compartir de xeito inclusivo. O noso capitán Ruí vai medrando, e con el a nosa ollada do mundo e da música: integradora, variada e intercultural.


NINGUÉN COMA MIN
 Ignacio Chao. Ed. Kalandraka
Os delirios de grandeza dun ditador, a egolatría e o afán de perpetuación nunha metáfora, máis real do que parece, sobre os abusos do poder.

29 ene 2020

DÍA DA ILUSTRACIÓN


O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador  ou ilustradora histórico galego.

O protagonista deste ano é Cándido Fernández Mazas , artista e escritor que, na súa curta vida, tivo unha producción prolífica que lle levou a colaborar coa revista Nós, da que celebramos o seu centenario, e coas Misións pedagóxicas coas que colaborou con cartelería e decorados para o teatro de monicreques.

Unha ocasión para traballar e reivindicar desde as bibliotecas escolares a historia da ilustración galega que non deixa de ser memoria do noso país. Para achegarnos ao valor propio das imaxes  máis aló dun complemento da escrita.

Tamén, unha oportunidade para poñer en valor o traballo da ilustradora Xulia Pisón, autora do cartel deste ano do que seguro teremos moitas e variadas lecturas: estéticas, literarias, históricas, mitolóxicas, astronómicas ... 

Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).


27 ene 2020

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA 2020

Calendario do Libro e da Lectura 2020, coas datas, efemérides e conmemoracións máis salientables en torno aos libros e a lectura. 

19 dic 2019

GUÍA DE LECTURAS DE NADAL

Esta é a Guía de Lecturas para estas datas de Nadal. Hai contos, poesía, robótica, música, libros informativos sobre medio ambente, natureza , océanos,…

Son lecturas que traballaremos á volta de vacacións e contaremos coa visita das escritoras e escritores que compartirán momentos co alumnado para falarnos dos seus libros.

Non equezades que é aconsellable adquirir os libros nas Librarías da zona.

Desexámosvos un Bo Nadal e unhas Felices Lecturas neste tempo de lecer.

Este Nadal, cambia o mundo…cun libro!!!


18 dic 2019

CONSELLOS DE SOGAMA PARA UN NADAL SOSTIBLE


Compartimos 10 sinxelos consellos para celebrar estas Festas dunha forma respectuosa co medio ambiente e cun menor impacto económico sobre o peto dos consumidores.
1.- Compra con cabeza e con racionalidade.
2.- O comercio local espérate: máis emprego, máis riqueza e menos emisións.
3.- Produtos de tempada e a granel: todo vantaxes, ambientais, económicas e para a túa saúde.
4.- Fóra caixas, envases e envoltorios innecesarios.
5.- Un menú low cost é posible: bótalle un pouco de imaxinación.
6.- Axusta as racións de comida e, en caso de sobras, utilízaas para novos pratos.
7.- Agasallos: fainos ti mesmo, aposta polo ecolóxico e, sobre todo, agasalla bos momentos.
8.- Iluminación: a xusta e con lámpadas de baixo consumo.
9.- Transporte: público, a pé ou en bicicleta.
10.- Residuos: sepáraos e lévaos ao contedor axeitado para propiciar o seu reciclado.
FONTE: SOGAMA

28 nov 2019

CULTURGAL 2019


Culturgal é a feira da actividade cultural de Galicia, que se celebrará do 29 de novembro ao 1 de decembro de 2019 no Pazo da Cultura de Pontevedra co lema 


“Dalle unha volta á Feira”

O programa da 12ª Culturgal reserva grandes sorpresas: música, teatro, danza, libros, arte, ciencia e moitos obradoiros nos que falar, movernos e descubrir.
Unha Feira que espalla as súas liñas de programación en diferentes escenarios: INFANTIL, con contacontos, baile, obradoiros, obradoiros, ciencia, etc; o FORO como espazo recollido de presentacións e encontros profesionais; a CARPA, cunha dotación técnica excelente para espectáculos cun aforo máximo de 400 persoas; o LIBRO, o espazo de referencia para o encontro entre autoras/es e público con todos os premios, novidades e lanzamentos a curto prazo e o CINEMA, unha sala na que atoparse coa colleita audiovisual do ano e adiantarse ao que virá.
Ligazón ao PROGRAMA