31 oct 2019

SAMAÍN 2019


Na última semana de outubro celebramos o SAMAÍN no centro.
Foron diversas as actividades que realizamos:
-Exposición de cabazas na entrada do centro decoradas coa temática deste curso "Cambiemos o mundo". Grazas ás familias pola vosa colaboración!!!
 
-Bruxas, vampiros, cabazas, pantasmas,…..foron as lecturas seleccionadas e que levaron en préstamo para pasar nestas noites moito medoooooo!!!!
- Contacontos  de Samaín a cargo de alumnado voluntario de 4º e 5º. Aproveitamos que a entrada estaba ás escuras con todas as cabazas iluminadas para facer esta actividade nos recreos do 28, 29 e 30 de outubro.

     Os contos foron: "A bruxa regañadentes" en kamishibai, "Corre, corre cabaciña e "Tres bruxas". Fixérono xenial!!! Moitas grazas polo voso traballo!!!.
-Hora de ler ás escuras.

-Elaboramos dous taboleiros para os escornabots cos que traballamos esta temática.

27 oct 2019

RECURSOS SAMAÍN


Xa chegou o SAMAÍN e con el as meigas, as cabazas, os medos,…
Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga  cultura céltica  o tempo  de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, era o período máis importante do ano. 
Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse  nesas horas e as ánimas eran  quen  de vir visitar este mundo e aos seus moradores: a maioría das veces para render contas inacabadas.
Como todos os anos faremos unha exposición coas cabazas que fagan na casa cos seus fillos e fillas. Hai que traelas o luns 28 e recollelas o mércores 30.

Convidamos  ás familias a visitar  a Exposición  de Samaín  o martes 29 de outubro de 16:00h a 18:00h no vestíbulo do centro.

Ofrecemos unha recompilación de Recursos para estas datas (premer nas imaxes):

Unidades Didácticas do Seminario Galán, con diversas actividades de contos, comprensión lectora, materiais de plástica,...
Portal das Palabras, sobre a orixe da palabra "Calacú"
Portal da Lingua, con traballos sobre o samaín nos diferentes centros educativos 
10 recursos para celebrar o Samaín- ALÍ
Libros, música e xogos
Para cantar e bailar
Symbaloo Samaín 
Recursos de cursos anteriores aquí

20 oct 2019

CARTEL E PREGÓN DÍA DA BIBLIOTECA 2019


Desde 1997, cada 24 de outubro celebramos o  Día da Biblioteca, unha iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, en colaboración co Ministerio de Cultura e Deporte, en recordo da destrucción da Biblioteca de Sarajevo incendiada en 1992 durante a Guerra dos Balcáns.

Esta conmemoración naceu  para trasladar á opinión pública a importancia da Biblioteca como lugar de encontro dos lectores/lectoras de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e  a convivencia humana.

Cada ano encárgase a un escritor/escritora e a un ilustrador/ilustradora a redacción do pregón e o diseño do cartel que se difunde entre todas as bibliotecas.


Este ano o cartel foi diseñado por Miguel Calatayud e o pregón por Gemma Pasqual.
PREGÓN DÍA DA BIBLIOTECA 2019
" A SEN CONTO"

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.

E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.

Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

Tradución: Héctor Cajaraville

13 oct 2019

DÍA DAS ESCRITORAS


Día das Escritoras é unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto á  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das autoras a través da historia a partir da lectura de fragmentos representativos das súas obras.
Esta celebración lévase a cabo o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. 

A IV edición celébrase este ano 2019 o 14 de outubro baixo o lema “Mulleres, amor e liberdade”. O amor entendido desde a perspectiva das mulleres: “un territorio amplo, complexo, contradictorio, laberíntico, atravesado por luces e sombras, grandes paixóns, mais tamén as coitas”, como explica Clara Sanchís, comisaria desta convocatoria.

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición de libros, ben lendo fragmentos dos mesmos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura.


12 oct 2019

BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA


BIBLIOTECA ESCOLAR,VIVEIRO DE CIDADANÍA é o lema que a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020. O ilustrador Óscar Villán interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar.


Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas.

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.

19 jun 2019

GUÍA LECTURAS PARA O VERÁN


Chegan as vacacións e o tempo de lecer, para xogar, para viaxar, …pero tamén para LER.
Achegamos a nosa Guía de Lecturas con libros para compartir en familia, poesía, música, banda deseñada,…
Bo verán e non esquezas meter na túa maleta un Libro!!!

29 may 2019

II SEMANA ROBÓTICA


Debido o gran éxito do curso pasado, este ano, repetimos a Semana Robótica, aínda que con moitas novidades. O gran éxito desta semana e a implicación de todo o alumnado e mestres/mestras.
Este curso escolar tamén chegaron novos robots, trátase de seis Mbot e outros seis escornabots. A familia robótica medra!!
A nosa semana robótica consistiu en que o alumnado de 4º, 5º e 6º prepararon un traballo de investigación sobre robótica e montaran e prepararan uns xogos cos Mbot, que presentaron nas clases de 1º, 2º e 3º. Eles mesmos fixeron de mestres e ensinaron todo o que anteriormente aprenderon: que son os robots, cales son os máis famosos, que é a programación, o pensamento computacional, que libros de robótica hai na biblioteca, …. Eles mesmos elixiron a súa maneira de presentalo e organizar os xogos cos Mbot.
Tanto maiores como pequenos pasárono xenial!! Unha maneira moi divertida de aprender!!
Pero aquí non quedou todo, o alumnado de 3º encargouse de montar os novos escornabots que chegaron e de levalos ás diferentes aulas de Educación Infantil a mostralos e xogar cos pequenos/as. As aulas de infantil son as novas casas destes robots, para que dende agora, os empreguen un montón e aprendan dunha maneira divertida.
Ademais durante os recreos tivemos as I Carreiras Escornabóticas, os encargados/as de organizalas foron os voluntarios/as da biblioteca e o fixeron encantados e de marabilla. Primeiro durante dous días apuntaron a todos os rapaces e rapazas que quixeron participar e despois por niveis foron competindo. Tendo uns gañadores en Educación Infantil e outros en Educación Primaria aos que lle fixemos entrega dun diploma. Quedando con gañas de máis.
Tendo tanto éxito seguro que para o curso que ven temos a III Semana robótica, estade ben atentos!!!

28 may 2019

VI QUEDADA LITERARIA


Por segundo ano participamos nesta actividade, que se celebrou o 27 de maio no Parque de Castrelos, xunto con outros doce centros de Vigo e un de Porriño, o Ceip de Ribeira: 

Ceip O Rocío-Ceip Castelao- Ceip Carrasqueira-Ceip Emilia Pardo Bazán-Ceip Doutor Fleming-Ceip O Pombal-Ceip Chans Bembrive-Ceip Eduardo Pondal-Ceip Frián-Teis-Ceip Ría de Vigo-EEI Rúa Aragón-IES Santo Tomé.

Contamos coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Biblioteca Xosé Neira Vilas.
Os protagonistas da xornada foron os nenos e nenas e os libros.
Educación infantil de catro anos disfrutaron de contacontos a cargo do alumnado dos clubs de lectura do Instituto Santo Tomé.

O alumnado de terceiro, dividido en dous grupos, fixo unha actividade de lectura compartida co Ceip Carrasqueira,  Ceip O Pombal e Ceip Frián-Teis, cos que intercambiaron marcapáxinas e disfrutamos de momentos de lectura, merenda e charla.
O peche á xornada púxoo Bea Campos, co espectáculo “A tropa do Doutor Milagre” cheo de música, baile, xogo, comedia e diversión. Rematamos cantando todos xuntos "O libro máxico" de Migallas. Foi unha experiencia maravillosa!!!