2 dic 2024

OBRADOIRO DE OLARÍA

Continuamos traballando co PDI deste curso “Feira artesanal” e o venres, 22 de novembro, o alumnado de segundo de Primaria tivo a sorte de desfrutar dun obradoiro de olaría impartido por unha nai ceramista de 2ºB, María Gómez, que nos ensinou a modelar o barro no torno ata convertelo en pezas como cuncas.

Despois o alumnado modelou unha peza, con forma de peixe, con pasta de modelar de secado rápido que, unha vez seco, pintaron na aula.

Ao final, cada alumno e alumna que quixo tivo a oportunidade de probar a modelaxe de arxila no torno e fixeron varias pezas de distintas formas entre todos e todas.

Foi unha experiencia xenial crear algo coas túas propias mans! Moitas grazas, María!

1 dic 2024

25N NO SEIS DO NADAL

“Tecendo redes coa igualdade” foi o lema que centrou as actividades e o acto colectivo que se desenvolveu para esta data, 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra a Muller.

Selección de lecturas que tivemos en exposición para ler, pensar e reflexionar.

Xa na pista e cos nosos petos violetas formamos círculos bailando e cantando a canción “Abre as xanelas” de Lupe Ces e Raquel Domínguez, co retrouso en lingua de signos.

Cada clase decorou os banderíns con elementos de mulleres artesáns empregando diferentes materiais  que recollen a súa importancia nos oficios tradicionais.

30 nov 2024

OBRADOIRO DE PROGRAMACIÓN: SIMULACIÓN DOS MOVEMENTOS DA TERRA E DA LÚA

Con motivo do mes da ciencia en galego adicado este ano a astronomía e a figuras como Galileo e Enrique Vidal Abascal, o alumnado de 4º e 6º de Primaria participaron nun obradoiro de programación con Scratch.


Tras coñecer o motivo de por que se celebra esta conmemoración e coñecer o soño de Galileo a través do seguinte vídeo: A historia de Galileo Galilei, o alumnado programou unha pequena animación na que simulou o movemento de translación da Terra e da Lúa, repasando así a súa vez aspectos astronómicos traballados con anterioridade e outros conceptos matemáticos (direccionalidade, xiros, coordenadas...).


Tamén traballaron a biografía de Galileo.

29 nov 2024

PROGRAMA DE RADIO: PATRIMONIO, CIENCIA E 25 N

O patrimonio, o mes da ciencia e o 25N son os protagonistas do terceiro programa da Radio do Seis.

A clase de 5ºC preparou un programa con información sobre estas conmemoracións.

Desfrutade desta nova entrega!!!


28 nov 2024

CONTACONTOS POLA IGUALDADE

voluntariado da Biblioteca preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de 1º de Primaria  con motivo da conmemoración do 25N. Grazas polo voso traballo!!!

Os libros seleccionados foron:

Las chicas y los chicos también…¡pueden! Ed. Astronave

Unha lectura que da ferramentas aos nenos e nenas para que non teñan medo de ser quen son.

¡No me mires así! Ed. Tramuntana

Un libro que fala das diferencias e de que cada un de nós é único e diferente.

27 nov 2024

CULTURGAL 2024

Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, celebra a súa 17ª edición no Pazo da Cultura de Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro.

Un lugar de encontro entre os públicos e artistas, profesionais e institucións. Un espazo para poñer en contacto a creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Os expositores da Culturgal son o corazón e o motor da Feira.

Ademais dos mais de 100 expositores, haberá unhas 200 actividades como presentación de libros, espectáculos musicais, contacontos, obradoiros, teatro, cine, danza, videoxogos...

O horario será de 11,30h a 21,00h.

Contaremos coa presenza de Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras 2024 e con actuacións como “A nena e o grilo, o camiño das cores” de Magín Blanco e Ghazafellos.

Ligazón ao Programa

https://cultur.gal/wp-content/uploads/2024/11/ProgramaCulturgal2024-7.pdf

Máis información na páxina https://cultur.gal/

26 nov 2024

XOGANDO CON BRAZOLINDA

O luns 25 de novembro, desfrutamos dunha tarde de xogos en familia con Brazolinda.

Descubrimos novos xogos que nos foron explicando Irimia e Alegría e tamén coñecemos que materiais e tipos de madeira empregan no seu deseño e creación.

Grazas as todas as familias da nosa Comunidade Educativa que vos animastes a participar nesta iniciativa!!!

25 nov 2024

COUSTEAU. DESCUBRIDOR DOS MARES

Na clase de 6º de Edº Infantil B, continúan coa investigación sobre os mares. Facendo preguntas como: Quen os descubriu? Como sabemos que existe vida neles?

Dende a biblioteca proporcionaron  o libro “Genios de la ciencia. Cousteau. El descubridor de los mares”, Ed. Vegueta, que permitiu dar resposta a estas preguntas.

Leron o conto, falaron sobre os seus inventos e a súa repercusión. Visitaron algunhas páxinas como o National Geographic para completar os seus coñecementos e para rexistralos completaron unha infografía cos datos máis representativos deste científico.

21 nov 2024

OBRADOIRO: ALFABETIZACIÓN OCEÁNICA

O mércores 20 de novembro o alumnado de terceiro e cuarto de Primaria participou no obradoiro de "Alfabetización oceánica. Coñecer para conservar", organizado polo Centro de Investigación Mariña e o Campus do Mar da Universidade de Vigo.

A través de diferentes estacións de traballo manipulativo, puideron coñecer as características principais dos nosos océanos, investigar sobre os ecosistemas mariños e os animais que neles habitan, traballar con lupas electrónicas, afondar no coñecemento dos seres mariños grazas a microscopia e tamén recoñecer a importancia de manter as praias limpas (peneirando e clasificando os residuos que podemos atopar nelas).

Pasárono xenial e aprenderon unha chea de cousas. Moitas grazas Yolanda por este obradoiro!!!