28 oct 2023

LECTURAS ÁS ESCURAS

O 30 e 31 de outubro faremos a Hora de Ler ás escuras.

Non te esquezas de traer a túa lanterna para poder alumear o teu libro.

Pasarémolo de medooo…lendooo!!!!

27 oct 2023

MOCHILAS VIAXEIRAS

Este venres saíron as Mochilas Viaxeiras, unha maneira de tecer lazos coas familias a través da lectura.

Son 20 mochilas que viaxarán polas vosas casas dende este mes ata o seu regreso á biblioteca en xuño.

Van acompañadas dunha Carta ás Familias na que se explica  o seu funcionamento e un listado do material. E tamén un Caderno Viaxeiro, espazo en branco para que enchades con debuxos, suxerencias, aportacións e comentarios que vos xurdan sobre os documentos que vos entregamos.

Agardamos que as desfrutedes!!!

26 oct 2023

VISITA DE LUIS VALLECILLO

Para celebrar o Día das Bibliotecas, o alumnado de Edº Infantil, 1º e 2º de Primaria desfrutaron, cantaron e bailaron co espectáculo musical “Buscando a Rosalía de Castro” do compositor e músico Luis Vallecillo por xentileza do Consorcio Editorial Galego.

24 oct 2023

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administración autonómicas.

A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2023. 

A edición deste ano, baixo o lema “Tecendo Comunidades”, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construcción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. Estas institucións son centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns.

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender, lugares para descubrir, para encontrarse e convivir. A rede de bibliotecas escolares de Galicia leva moitos anos tecendo espazos de encontro nos que compartir experiencias e recursos, nos que conectar coa comunidade próxima ou a máis afastada, lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que pon en contacto con ese outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.

Este curso, o lema das bibliotecas escolares “UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS”, quere poñer o foco na importancia do cómic na formación do itinerario lector, o cómic como lugar no que encontrarse.

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

22 oct 2023

SEMANA DA BIBLIOTECA

A biblioteca abrirá as súas portas o vindero luns 23 de outubro.

Broli enviounos unha invitación convidándonos á celebración desta data!!!

Agárdanvos moitas aventuras, desafíos, misterios, investigacións, proxeccións de curtas…

Nesta semana as Mochilas Viaxeiras iniciarán a súa viaxe aos vosos fogares.

O 26 de outubro, contaremos coa presenza de Luis Vallecillo que realizará unha animación para Infantil, 1º e 2º de Primaria por xentileza do Consorcio Editorial Galego.

20 oct 2023

CHARLA DE CIBERSEGURIDADE

Hoxe o alumnado de 4º e 5º de Primaria gozou da visita de Polo Correo do Vento, que nesta ocasión viu impartir un obradoiro sobre ciberseguridade

Que internet está nas nosas vidas diarias é un feito, por iso é fundamental achegar as crianzas a un uso responsable destas ferramentas. Esta actividade, consistiu precisamente en iso, en transmitirlle a rapazada consellos de como crear contrasinais seguros, non contarllos a outros, desconfiar da información ou noticias e intentar confirmalas por outras fontes, non subir fotografías doutras persoas sen o seu permiso... 

Foi unha charla ben entretida que mesturou a información co debuxo e a música, buscando así asimilar de mellor xeito estes consellos. 

15 oct 2023

DÍA DAS ESCRITORAS 2023

O Día das Escritoras é unha iniciativa organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a  Federación Española de Mulleres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.


"... Sinto un formigo no estómago... Sorrio. Porque me apetece e porque me apetece dicilo." 
 
Yáñez,Antía. Non penses nun elefante rosa. (Xerais, 2022)

Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VIII Edición celébrase este ano 2023 o 16 de outubro baixo o lema "O pracer, a ledicia e a risa das mulleres”.

A escritora Marta Sanz, é a comisaria esta VIII Edición do Día das Escritoras 2023.

Co lema deste ano, pretendemos facer deste día unha xornada de dobre celebración. Celebración dunha escritura e dunha maneira de percibir a realidade silenciada durante moito tempo, e celebración desa expresión de gozo, a ledicia, a risa que a miúdo tamén é un tabú para mulleres educadas na abnegación, o comedimiento e o sacrificio.

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...

Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visibilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras

SELECCIÓN DE TEXTOS DE ESCRITORAS GALEGAS

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES