O luns 12 de maio o alumnado de 1º de Primaria tivo un encontro literario con Olaia Sendón para conversar sobre o seu libro “A crebeira Marabillas”.
Durante o encontro, Olaia compartiu un consello valioso: a importancia de
levar sempre unha libretiña. Explicou que, como autora, leva sempre con ela
unha pequena libreta para poder escribir ou debuxar en calquera momento de
inspiración. Esta práctica axuda a captar ideas e recordos valiosos que poden
ser utilizados en futuros proxectos creativos.
O libro está adicado a un crebeiro, xa falecido, Barrera. Ten como protagonista a Marabillas, unha crebeira. Olaia explicou ao alumnado que unha crebeira é alguén que recolle as cousas que o mar trae á praia. Ás veces, esas cousas poden ser verdadeiros tesouros, facendo que ser crebeira sexa unha actividade fascinante e chea de sorpresas.
Un dos momentos máis emocionantes do encontro foi cando a cativada quixo saber se ao final as dúas protagonistas, Marabillas e Siobhan, se chegan a atopar. Olaia sabiamente respostou que o deixa á imaxinación de cada lector ou lectora, ofrecendo así un final aberto que permite a cada un crear a súa propia versión da historia fomentando así a creatividade e a reflexión persoal.
Durante a visita, os nenos e nenas tamén tiveron a oportunidade de ensinar a Olaia como xogar cun mémori feito con botas azuis e laranxas. Foi unha actividade divertida que fomentou a interacción entre a autora e a cativada.
Ao rematar o encontro, Olaia asinou nos libros do alumnado e no libro de visitas do colexio. Ademais, tivo un xesto moi especial ao agasallarnos cun exemplar do seu novo libro “O pirata Bruno”, Ed. Cuarto de Inverno, que seguramente será unha nova aventura para descubrir. Grazas Olaia pola túa visita!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario