21 may 2025

CELEBRANDO AS LETRAS GALEGAS 2025

Festexamos a Semana das Letras Galegas con música, tradición oral e innovación.

As actividades foron organizadas polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, Biblioteca e Música.

Empregamos diferentes actividades en liña, pintamos a bandeira galega, escribimos o noso libriño das letras galegas…

O alumnado de 6º de Primaria buscou información sobre as cantareiras e os cancioneiros populares. Presentaron as súas investigacións aos compañeiros e compañeiras do colexio. Os resultados das súas investigacións foron expostos no corredor correspondente.

Un dos momentos máis destacados da semana foi a visita de Xurxo Souto o xoves 15 de maio. Este multifacético artista -cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor-compartiu a súa paixón pola poesía popular oral. Durante a súa charla, destacou que “somos un pobo de artistas”.

Xurxo Souto tamén acompañou ás cantareiras e interpretamos conxuntamente o “Pirimpimpim”. Foi un momento máxico que resaltou a unión e a forza da cultura galega a través da música.

Para conmemorar este día tan especial, agasallamos a todos e todas cun fermoso colgante en forma de pandeireta, elaborado coa impresora 3D.

Nas aulas de 6º de Primaria, os nenos e nenas empregaron os seus coñecementos sobre a técnica do Zentangle, combinando meditación e debuxo de tangles (enredos), para crear unha pequena estampa en homenaxe ás cantareiras.

Entre todas as aulas, construímos un mural que recolle diferentes elementos da arte das cantareiras. Este mural foi un traballo colaborativo que involucrou a toda a escola:

  • Educación Infantil: Decoraron tres pandeiretas co nome das homenaxeadas.
  • Educación Primaria: Decoraron as ferreñas con información sobre as cantareiras Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García Prieto, e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.

O venres 16 de maio, durante o recreo, recibimos a TVE, que gravou ao grupo das “Cantareiras do Seis”. Este momento especial foi despois emitido no telexornal.

Para culminar esta semana das Letras Galegas, despois do recreo, a rapazada reuniuse no patio e cantou o Himno Galego. Foi un momento emocionante que puxo fin a unha semana chea de actividades enriquecedoras e de celebración da nosa lingua e cultura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario