Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.
Iníciase esta actuación coa
elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Jesús Ángel Sánchez García, historiador da arte e investigador
da arquitectura e do urbanismo de Galicia. Catedrático de Historia da Arte na Universidade de Santiago
de Compostela, desde 2021 coordina o grupo de investigación IDEAHS.
O manifesto para este ano 2026 abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder sementar e degustar a ciencia nas nosas bibliotecas escolares nun curso no que a Biblioteca escolar camiña da información ao coñecemento.
"Os historiadores da arte temos entre as nosas liñas de traballo preferentes o estudo das imaxes. Desde hai miles de anos os artistas crearon imaxes para satisfacer os gustos das elites, transmitir mensaxes sociais, demostrar talento ou provocar. Coa IA este poder de producir imaxes volveuse máis democrático ca nunca. E tamén formula novos retos.
A
cidadanía vese inmersa nun fluxo continuo de imaxes que saltaron das pantallas
brancas ás pantallas
negras para colonizar os espazos das nosas cidades. Ante o risco
de ficar como suxeitos
pasivos e consumidores dos contidos decididos por algoritmos, a
historia da arte pode
dar á cidadanía a capacidade de reflexionar sobre os significados,
as intencións e as
cualidades estéticas desta iconosfera.
Como humanistas que combinamos unha formación
especializada na cultura visual e material coa preparación para comprender os seus contextos, os
historiadores da arte podemos proporcionar saberes e xerar reflexións de longo
percorrido, un pensamento lento e demorado, cada vez máis necesario fronte ao consumo
rápido a base de clics".
Jesús
Ángel Sánchez García
Desde a
Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos
dixitais, relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de
todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf,
páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores
científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros
educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc.
PDF: MANIFESTO
FOLLETO INFORMATIVO: MES DA CIENCIA
EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
MATERIAIS: MES DA CIENCIA EN GALEGO
FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES




































