Mostrando entradas con la etiqueta PDI "O Circo". Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PDI "O Circo". Mostrar todas las entradas

23 may 2026

O GRAN CIRCO DAS PALABRAS

O martes 19 de maio, Eva Mejuto compartiu co alumnado de 2º de Primaria unha sesión arredor do seu libro "O gran Circo das Palabras".

Durante o encontro, Eva explicou que a inspiración para escribir esta historia naceu da súa preocupación polo trato que reciben os animais nalgúns circos. Por iso decidiu crear un circo diferente, un espazo cheo de liberdade e creatividade, onde os animais puidesen facer o que máis lles apaixona: contar contos, bailar, tocar instrumentos, ler ou actuar. Un circo máxico, artístico e poético!

As ilustracións de Fernando Martín deron vida a este universo cheo de cor e movemento, convertendo cada páxina nun pequeno espectáculo visual.

O alumnado aceptou o reto que aparece ao final do libro: inventar o seu propio conto para representar. Cada grupo inventou unha parte da historia, fixo as súas ilustracións e presentoullas a Eva, que quedou encantada coa creatividade e o entusiasmo de todos e todas. Ademais, elaboraron un knolling literario, escollendo obxectos que simbolizaban o espírito do libro e organizándoos con moito coidado.

Eva rematou asinando os exemplares dos libros, deixando un recordo cheo de ilusión, imaxinación e amor pola lectura.

11 may 2026

O GRAN CIRCO DOS POEMAS DE 5º

Tras a lectura do libro "O gran circo das palabras" de Eva Mejuto, o alumnado de 5º de Primaria decidiu dar continuidade ás aventuras de Rufo a través da creación literaria. 

Cada neno e nena elaborou o seu propio poema, poñendo en xogo a imaxinación, o gusto polas palabras e a expresión das emocións. Unha vez rematadas as creacións, dedicaron un tempo a ilustralas e ensaiar a lectura en voz alta, co obxectivo de preparar a súa posta en escena.

O proxecto culminou cun encontro moi especial: a visita aos seus afillados e afilladas, cos que compartiron os seus poemas nun ambiente cheo de tenrura, emoción e complicidade. Foi un momento de aprendizaxe compartida, no que a palabra converteuse en ponte entre idades.

A xornada completouse cun pequeno obradoiro de papiroflexia, engadindo un compoñente creativo e manual a esta experiencia tan significativa.


Unha proposta na que a poesía, o circo e a convivencia uníronse para crear momentos inesquecibles dentro e fóra da aula. 

6 may 2026

RETO LEGO MAIO

Este mes de maio, a biblioteca énchese de maxia, cor e imaxinación. As pezas de Lego convértense nas protagonistas dun espectáculo cheo de fantasía.

Converte as túas ideas en arte! Emprega as pezas de Lego para deseñar un mago sobre plano. Podes inspirarte nos magos clásicos, nos personaxes de contos ou inventar o teu propio feiticeiro cheo de maxia e cor. 


A colaboración e o traballo en equipo farán posible esta actividade nos recreos. Engade unha nova pegatina á túa folla de retos da biblioteca.

4 may 2026

BIBLIOLAB: A MAXIA DOS LIBROS

Durante o mes de abril, a Bibliolab encheuse de maxia para celebrar o mes do libro. As historias convertéronse en portas abertas á imaxinación, e cada actividade foi un pequeno truco cheo de ilusión, humor e creatividade. A través dos libros, descubrimos que a maxia pode estar en calquera lugar: nas palabras, nos números, na natureza e mesmo nos xogos.

Con “Era unha vez un dominó” e os dados, inventáronse contos cheos de fantasía e aventuras.

Inspirados en “El ilusionista amarillo”, de Bruno Munari, transformámonos en auténticos ilusionistas: lemos, xogamos coas cartas e descubrimos xogos diferentes a través de códigos QR. A maxia estaba nas nosas mans e tamén nas nosas ideas.

A historia de “O mago Goma”, fixo aparecer sorrisos e soños gardados nunha caixa de cristal. Inspirámonos nel para xogar con “Rimando ando”, creando versos divertidos, e co xogo “Quen é quen”, describindo personaxes máxicos con moito enxeño.

En “Tito fai de mago”, a variña máxica foi a protagonista desta sección. Con ela, fixemos aparecer o coello da chistera pronunciando a frase máxica que Tito nos ensinou. Decoramos un floreiro con flores primaverais, tirando os dados e seguindo as instrucións que guiaban cada paso do noso feitizo creativo.

O libro “Dez coelliños”, de Maurice Sendak, inspirou xogos de lóxica e cálculo. Xogamos con taboleiros, Ranitas, Suma 15 e Math Blox, demostrando que os números tamén poden facer trucos sorprendentes cando se xoga con eles.

Con “Os magos das formas”, de Anxo Fariña, observamos o mundo doutro xeito, descubrindo as formas agochadas nos obxectos do día a día. As actividades con bloques lóxicos e o xogo “Eduludo Formas” axudaron a ver que todo pode transformarse se se mira con ollos de mago.

O libro “Abececirco”, levounos a un circo cheo de letras e personaxes máxicos. Buscamos páxinas con artistas e criaturas fantásticas, xogamos a facer familias co xogo de cartas “Mini Family” e creamos acrósticos cos nomes dos personaxes do circo. As palabras convertéronse en auténticos trucos de maxia.

Para rematar, viaxamos “O meu país máxico”, un xogo de mesa: dominó, xogos de equilibrio e de observación. Cada partida foi unha nova oportunidade para rir, aprender e seguir soñando.

Na Bibliolab, a maxia dos libros segue viva en cada historia, en cada xogo e en cada sorriso que nace ao abrir un libro.

2 may 2026

CREATIVIDADE CON KORBO

Durante o mes de abril, a biblioteca transformouse nun auténtico circo de ideas e construcións grazas ás pezas Korbo. O espazo encheuse de imaxinación, enxeño e moita diversión mentras o alumnado convertíase en artistas da creación. 

O reto deste mes consistiu en deseñar e construir unha estrutura que lembrase ao incrible home bala. As mesas convertéronse en pistas de lanzamento, as pezas en engranaxes de soños, e cada grupo traballou en equipo para dar forma ás súas ideas.


Os resultados foron: estruturas cheas de cor, equilibrio e movemento, que demostraron a creatividade e o espírito colaborativo de todos os participantes.

Ao completar o desafío con éxito, cada participante recibiu unha nova pegatina para engadir á súa folla de retos da biblioteca, un recordo máis desta aventura chea de aprendizaxe, diversión e fantasía.

26 abr 2026

O GRAN CIRCO DOS LIBROS

O Día do Libro celebrouse cunha función moi especial: O Gran Circo dos Libros. A nosa tradicional actividade de Madriñas e Padriños Lectores encheuse de maxia, cor e fantasía, transformando o patio nun auténtico espectáculo literario.

Baixo unha carpa imaxinaria, os libros convertéronse en auténticos artistas: malabaristas das palabras, equilibristas das emocións e magos das historias. Os máis maiores (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) asumiron o papel de padriños e madriñas lectoras, mentres que os máis pequenos/as (Infantil, 1º e 2º de Primaria) foron o público entusiasta, disposto a deixarse levar pola maxia da lectura.

Para completar o espectáculo, os nenos e nenas máis pequenos prepararon fermosos marcapáxinas circenses, cheos de cor, que agasallaron aos seus padriños e madriñas.

A xornada deixounos momentos inesquecibles: historias compartidas, sorrisos cómplices e moita emoción. Cada lectura foi unha función única, un número cheo de maxia e amizade. 

Ler é un espectáculo marabilloso!!!

24 abr 2026

VISITA DE PABLO NOGUEIRA

O martes 21 de abril recibimos a visita do escritor Pablo Nogueira, que conversou co alumnado de 3ºA sobre o seu libro “Ringo. Memorias dun coello fedello”.


Durante o encontro, Pablo explicounos que decidiu escribir sobre o circo porque lle lembraba á súa infancia, canto lle fascinaba ese mundo cheo de maxia e posibilidades infinitas. 

 

Nesta obra, Pablo preséntanos a historia de Ringo un coello que traballa cun mago no circo. A aventura aborda temas como a diversidade, a amizade, a empatía, a inclusión e a igualdade, a través dos personaxes do Circo Fantabuloso, que rompen cos estereotipos e transmiten valores positivos.


Ao longo da sesión houbo tempo para formular preguntas e compartir curiosidades que xurdiron durante a lectura. Pablo tamén nos comentou o número de libros que leva escritos e as súas temáticas. 


O alumnado aproveitou a ocasión para amosarlle os traballos que elaboraron a partir da lectura do libro, o que fixo a conversa aínda máis especial.


O encontro rematou cun momento moi especial: Pablo asinou os exemplares do alumnado, deixando en cada un deles unha fermosa dedicatoria.


Moitas grazas, Pablo, por compartir o teu tempo connosco e facernos vivir unha xornada tan agradable e inspiradora.


20 abr 2026

OBRADOIRO CREATIVO: "TODAS Á PISTA"

O alumnado de 5º de Primaria participou nun obradoiro creativo enmarcado nas actividades impulsadas polo programa Biblioteca Creativa.

O obradoiro, titulado “Todas á pista: escultura en arame”, foi conducido por Electra Menéndez (creadora do proxecto Pedras de Papel). Nel, o alumnado tivo a oportunidade de reinterpretar algunhas das esculturas cinéticas de Alexander Calder, inspiradas no seu coñecido circo.

A través desta proposta, achegáronse ao mundo da arte desde unha perspectiva lúdica e participativa, experimentando coa creación de pequenas esculturas en arame. 

Durante o proceso, exploraron a través do xogo cos materiais, os equilibrios e o movemento, elementos clave na obra de Calder.

A actividade permitiu traballar a creatividade, a expresión artística e a capacidade de experimentar sen medo ao erro, ao tempo que descubriron novas formas de entender a arte contemporánea.

Unha experiencia diferente, na que a arte e o circo volveron encontrarse para converter a aula nun espazo de creación, imaxinación e descubrimento.

18 abr 2026

O DÍA DO CIRCO NA RADIO DO SEIS

A clase de 5ºA estivo traballando con moita ilusión para preparar un novo programa da nosa Radio do Seis. Nesta ocasión, o tema non podía ser outro que o Día do Circo, enmarcado no PDI deste curso.

Os micrófonos convértense en trapecios, as palabras fan malabares e as voces danzan coma auténticos artistas baixo a gran carpa da imaxinación.

Un programa con información e música sobre o mundo do circo. Unha nova aventura radiofónica que enche de cor e alegría os micrófonos do Seis. Desfrutádeo!

17 abr 2026

DÍA MUNDIAL DO CIRCO CON ATÍPICO

Con motivo da celebración do Día Mundial do Circo, os días 14 e 16 de abril o noso centro recibiu unha nova visita de Claudio, de Atípico Circo, que nos convidou a mergullarnos nun universo cheo de fantasía, equilibrio e risas. 

Durante estas dúas xornadas, todo o alumnado tivo a oportunidade de divertirse, experimentar e aprender descubrindo o apaixonante mundo do circo.

O ximnasio transformouse nun gran espazo de xogos e aprendizaxe, organizado en diferentes estacións polas que foron rotando os nenos e nenas. En cada unha delas, puideron probar distintas disciplinas circenses, desenvolvendo habilidaddes e compartindo momentos cheos de ilusión.

Entre as propostas destacaron os malabares, con panos, pelotas, mazas, aros, pratos chineses...e tamén o equilibrismo, con zancos, barril, bola de equilibrio e paus de madeira. Cada actividade convidaba a poñer en práctica a concentración, o equilibrio e a coordinación, sempre nun ambiente lúdico e colaborativo.

Foron dúas xornadas cheas de creatividade, esforzo e cooperación, nas que se traballaron aspectos como a atención, a cordinación óculo-manual e o traballo en equipo. 


Unha experiencia enriquecedora que fixo posible achegar o espírito do circo ao noso centro, enchendo de sorrisos e emoción cada recuncho e lembrándonos que todos e todas levamos un pequeno artista no corazón.

16 abr 2026

O VOLUNTARIADO NO CENTRO DE DÍA ATENDO

O 15 de abril o voluntariado da biblioteca realizou unha visita ao Centro de Día Atendo. Dende hai varios cursos, desenvolvemos un proxecto de colaboración con este centro co obxectivo de establecer lazos interxeracionais e acompañar ás persoas maiores, dentro do Programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

A xornada comezou coa lectura do libro “Nuestro circo” da editorial Takatuka. A continuación, varias usuarias do centro sorprenderon ao alumnado con adiviñas, ás que os nenos e nenas responderon con entusiasmo e moita alegría.


Despois compartimos merenda e conversas, un momento cheo de risas, lembranzas e afecto. Máis tarde, houbo tempo para lecturas compartidas, nas que gozamos de contos con temáticas diversas, e tamén para xogos de mesa circenses, que fixeron as delicias de maiores e pequenos.


A actividade rematou coa entrega de agasallos e unhas palabras de agradecemento que puxeron o broche final a unha mañá chea de emocións, aprendizaxes e sentimentos. Porque cada visita é unha semente de afecto que medra entre libros, voces e miradas.


Grazas a todo o equipo do Centro de Día Atendo por acollernos con tanto cariño e por facer posible esta fermosa experiencia de encontro entre xeracións!!!

8 abr 2026

RETO KORBO ABRIL

Este mes de abril, a biblioteca transfórmase nun circo de ideas e construcións coas pezas de Korbo! Prepárate para un reto emocionante: crear unha estructura que lembre ao incrible home bala.

Inspirándonos no mundo do circo, imaxinade a emoción e a precisión necesarias para lanzar un home bala ao aire. Agora, trasladade esa imaxinación á construción e creade unha estrutura resistente e espectacular.

Ao completar o reto recibiredes unha nova pegatina para engadir a vosa folla de retos persoal.

1 abr 2026

RETO CREATIVO DE MARZO

Durante o mes de marzo, a biblioteca transformouse nun circo máxico, onde a imaxinación e a diversión foron os principais protagonista. Os bloques magnéticos convertéronse nas estrelas do espectáculo, ofrecendo aos nenos e nenas unha experiencia única.

Os magsmarters foron a ferramenta clave para dar vida a este circo imaxinario. A cativada empregaron estes bloques magnéticos para construir estruturas cunha rampa.


Ao completar o desafío con éxito, cada participante recibiu unha nova pegatina para engadir á súa folla de retos. 

Os recreos convertéronse en momentos especiais de colaboración, traballo en equipo, compartir ideas e construir un ambiente de diversión e aprendizaxe mútuo.             

30 mar 2026

BIBLIOLAB: QUE FAN AS MULLERES NO CIRCO?

Na Bibliolab de marzo, mergullámonos no fascinante mundo do circo, explorando a contribución das mulleres e descubrindo a súa historia, curiosidades e a diversidade de talentos que o fan tan especial. Investigamos, creamos e xogamos, aprendendo sobre arte, ciencia e tecnoloxía. Celebramos a maxia do circo en todas as súas formas!

Destacamos a labor de mulleres empresarias no mundo do circo, como as do Circo Raluy Legacy, unha familia dedicada ao circo durante xeracións. Un exemplo de tradición, innovación e liderado feminino. Damos renda solta á nosa creatividade creando a carpa do circo con papiroflexia, utilizando materiais como folios, xornais ou revistas.

Con Katie Brumbach, a famosa muller forzuda de 1900 de familia circense e que rematou traballando como levantadora de pesas. Traballamos as unidades de peso con materiais dunha cesta. Formulamos hipóteses, ordenamos de maior a menor peso e comprobamos co peso na balanza dixital. Unha forma práctica de aprender sobre magnitudes e medidas.

Atilina Segura, unha mestra na arte do funambulismo, realizaba un salto mortal cara atrás en arame. Lemos poesía e creamos un poema sobre o circo que transmiten a beleza e a emoción da corda floxa. Unha actividade que fomenta a expresión artística e a creatividade literaria.

Con Pepa Plana, traballamos a arte do clown en feminino. Xogamos coa expresión: completamos un modelo con materiais, mirámonos no espello e debuxámonos co nariz de pallaso. Unha maneira divertida de explorar as nosas emocións e a nosa imaxinación.

Rosa Mathilda Ritcher (Zazel), a primeira muller bala humana. Construímos un canón con cartón e globo e unha catapulta con Lego. Experimentamos coa física e a enxeñería dun xeito lúdico.

Coa incrible contorsionista, Julia Gunthel reproducimos posturas nun boneco e en nós mesmos, creando retos imposibles. Exploramos os límites do noso corpo e a nosa flexibilidade. Descubrimos a importancia do coidado do corpo para os artistas circenses.

Elaboramos o noso xornal do circo do Seis con curiosidades e noticias.

En robótica, escollemos unha imaxe ou palabra relacionada co circo e programamos o tale-bot para desprazarse ata ela.