29 feb 2024

HORA DE LER COAS FAMILIAS

Neste mes de febreiro continuamos coas contadas en familia.

Grazas por compartir as lecturas e o voso tempo con nós!!!

Amada, nai de Antón, 2º de Primaria, contounos ”Max y los superhéroes”.

Cintia, nai de Erea, 4º Edº Infantil. As dificultades que terá que pasar unha nena que quere ser pirata, “Daniela pirata”.

Irene, nai de Nerea, 2º de Primaria, “Fuera de aquí, horrible monstruo verde!”.

A tía de Dylan, 4º Edº Infantil contounos como “O peixe Arcodavella” de ser admirado pasa  a quedar só e triste.

Antonia, nai de Luna, 6º de Primaria.

Yaiza, nai de Sabela, 4º Edº Infantil. Varios animais que viven no bosque colaboran na elaboración da cea, cando a proban comproban que é “A mellor sopa do mundo”.

Ana e Paula, nais de Simón e Guillermo, 4º Edº Infantil contaron xuntas  a historia de "Cocorico" e nós, como o protagonista, tamén comemos un biscoito.

28 feb 2024

SALÓN DO LIBRO 2024

XXV Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, desenvolverase do 1 ao 17 de marzo, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Este ano celebra o seu 25 aniversario cunha homenaxe aos centros de ensino que participan nesta andaina.

O tema deste ano é  A MAXIA.

 

Ilustración, presentacións de libros, contacontos, espectáculos, cociña, exposicións ou obradoiros de ilustración, entre outros, compoñen a oferta de lecer e aprendizaxe arredor dos libros.

Na programación e na ambientación destaca a maxia con fonda raíz galega: Fraga de Esmelle de Cunqueiro e toda unha variedade de actividades arredor de magos, bruxos, xacias, sereas, mouras… con narradoras como Paula Carballeira e Soledad Felloza.

O 8 de marzo, Día da Muller, haberá unha programación especial que pon o acento na igualdade e nas contribucións das mulleres a través de obradoiros.

Todo o Programa aquí.

Máis información en  

                  https://www.salondolibro.gal/

27 feb 2024

CHARLAS CON ARENARIA

O 19 e 20 de febreiro, Arenaria Coordinación realizou, en diferentes sesións, charlas para todo o alumnado do centro co gallo da celebración do “Día da Muller e da Nena na ciencia”.

A tematica centrouse nas mulleres científicas ao longo da historia e os seus descubrimentos, coñecemos as aportacións de Jane Goodall, Marie Curie, Angeles Alvariño e Margarita Salas.

Foron varios e distintos os experimentos que realizaron en función das idades ás que estaban dirixidos: comparación da pedra e o papel, o globo con auga e como detectar se un producto é ácido ou unha base...

Foron dúas xornadas moi interesantes e amenas nas que aprendimos doutra maneira diferente!!!

26 feb 2024

PROGRAMA DE RADIO "DÍA DE ROSALÍA"

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

A clase de 4ºB preparou un programa adicado á Rosalía de Castro no que explicarán a importancia desta figura para a nosa lingua e cultura.

Desfrutadeo!!!

25 feb 2024

ENCONTRO LITERARIO CON PERE TOBARUELA

Co gallo do Día de Rosalía, os Clubs de Lectura de 5º, recibiron a visita de Pere Tobaruela para conversar sobre o seu libro “Formig4s. Misión Rosalía”.

Nunha conversa moi entretida e amena Pere falounos da importancia deste data e da figura de Rosalía de Castro para a nosa lingua e a nosa cultura.

Explicounos que o que pretendía cando escribía era que os lectores e lectoras disfrutaran coa lectura do libro e tamén se aprendemos algo millor, de aí o enfoque didáctico desta colección.

Neste faladoiro o alumnado preguntou as súas dúbidas sobre os personaxes, cando empezou a escribir, a relación entre narrativa e banda deseñada, a cor das ilustracións, a elección de Rosalía e non a doutro persoeiro...

Tamén nos descubriu que unha nova misión dos Formig4s xa está en marcha relacionada co Samaín e que xa agardamos con expectación!!

Rematamos recitando todos xunt@s o poema “Adiós ríos, adiós fontes”.

Entregámoslle como agasallo unha camiseta do Seis porque Pere xa forma parte desta gran familia. Grazas!!!

24 feb 2024

DÍA DE ROSALÍA NO SEIS

Celebramos o Día de Rosalía con diversas actividades feitas nas aulas para coñecer a nosa grande escritora: retratos, lecturas, traballos en liña, minilibros...

Exposición bibliográfica con libros da autora que estiveron a disposición do profesorado para traballar nas aulas.

O alumnado de sexto de primaria traballou o poema “Adiós ríos, adiós fontes” en scratch. Na seguinte ligazón podedes ver o recitado dixital de parte do poema.

https://scratch.mit.edu/projects/971404966

Recital poético-musical o venres 23 co alumnado dos clubs de lectura de quinto de primaria, que recitaron unha selección de poemas rosalianos acompañados da zanfona.

23 feb 2024

ENCONTRO LITERARIO CON PEDRO FEIJOO

O xoves 22 de febreiro tivemos o pracer de contar coa presenza do escritor Pedro Feijoo que compartiu un encontro literario cos Clubs de Lectura “Ás seis no Seis” do Seis do Nadal e "Café Entre Liñas" do Resío.

Durante máis de dúas horas, Pedro estivo falando sobre o libro “Ninguén contará a verdade”, Premio  Xerais de Novela 2023.

Conversamos sobre corrupción política, da importancia da información e do control dos medios de comunicación para ter o poder, de como se documentou para contarnos esta historia, o número de personaxes…

Rematamos esta xornada coa sinatura dos exemplares e repoñendo forzas cun café e doces.

Grazas Pedro por unha tarde inesquecible!!!

22 feb 2024

A FOTÓGRAFA DE ROSALÍA DE CASTRO

Seguindo co proxecto documental deste curso, na clase de 5º de Edº Infantil coñeceron a María Cardarelly, que foi a primeira fotógrafa en ter estudio propio en España. Naceu en Zaragoza e despois mudouse a Santiago de Compostela, onde fixo os dous primeiros retratos a Rosalía de Castro.

A rapazada retratou a Rosalía basándose na fotografía de María Cardarelly. Para elo seguiron este proceso:

-Pintaron con café un folio para darlle a apariencia de "antigo".

-Escribiron o seu nome.

-Estamparon un selo moi similar ao de Cardarelly.

Fixeron unhas fermosas creacións!!!

19 feb 2024

ROSALÍA DE CASTRO: RECURSOS

Recursos para achegarnos á vida e obra da nosa ilustre poetisa Rosalía de Castro. Premendo nas imaxes accederedes aos seus contidos.

Fundación Rosalía de Castro

Unidade didáctica


Rosco sobre Rosalía

Minilibro sobre a vida de Rosalía de Castro

Pasatempos rosalianos

Canción con pictogramas "Adiós ríos, adiós fontes"

17 feb 2024

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2024

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Nesta edición de 2024 Carlos Callón foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2024 é:

#oamordapatriagalega

ROSALÍA: O AMOR DA PATRIA GALEGA

As palabras de Rosalía dábanlle dignidade e sentido á fala do pobo galego e ás súas vidas sen nome.

“O amor da patria me afoga”, escribiu na obra con que inaugurou a literatura galega contemporánea. O seu inmenso segundo libro no noso idioma vai dedicado ás persoas que se organizaban “volvendo para a súa patria os ollos e o corazón”.

Ese amor que ela aqueceu e proxectou é un alento que aínda hoxe mapea horizontes, abre porvires e renace día a día en cada persoa que levanta a cabeza para que Galiza exista, nun mundo mellor, diverso e igualitario. Un mundo, en fin, máis rosaliano…”

FONTE:AELG

16 feb 2024

PROXECTO FOTOGRAFÍA 5º EDº INFANTIL

Comenzaron o proxecto cunha pequena presentación sobre a orixe da cámara (Niépce e a cámara escura), a primeira fotografía en branco e negro, así como a cor; falaron de como podemos facer fotos ao abrir e pechar os ollos. Así comenzou a súa aventura. A través da mirada. 

Despois desta primeira toma de contacto, falaron sobre as cámaras: cómo son, qué partes teñen, para qué podemos usalas... e posteriormente representar a súa idea de “cámara”. Durante esa semana, leron dous contos relacionados coa fotografía.

Continuaron coun obradoiro de fotografía. Zama, un amigo da tía dunha alumna da clase, trouxo varias cámaras e así explicou alguns aspectos, como o uso do zoom,  gran angular... cómo funcionan algunhas, como a polaroid. Tamén observaron algunhas diapositivas e xogaron a crear fotos coa súa cámara.

Continuaron creando, inspirándose no libro de Andy Prokh: El abecedario de Kate & Cat e así construiron o seu propio abecedario.

-Seleccionaron a letra que querían traballar.
-Observan a fotografía e a recrean.
-Pegan a foto; decoran o marco e a letra; escriben 3 palabras que empezan pola letra. 
-Creado o ABC, o seguinte paso foi analizar cada unha das letras, traballando o significado das súas 3 palabras.

Polo Nadal, traballaron a este fotógrafo, Gabrielle Gallimberti, que utiliza a fotografía documental para percorrer o planeta buscando historias que reflexen as diferencias entre os seus habitantes. En TOY STORIES o fixo a través de retratos de nenos e nenas e os seus xoguetes favoritos.

Na aula, falaron e reflexionaron sobre estas fotografías, pero as familias tiveron que facer o resto: unha foto na que saíra unha zona da casa e os xoguetes dos nenos/nenas. Á volta de vacacións cada neno/ nenas falou da súa foto  e creouse unha composición con todas elas.

Para celebrar o “Entroido”, inspiráronse nas fotografías de Ouka Leele como idea de disfraz. Máis concretamente na colección “peluquería”: unha serie de surrealistas retratos en branco e negro coloreados con acuarelas líquidas, onde todas as persoas locen estrambóticos tocados. Ademais, tendo en conta que pertencía á famosa “movida madrileña”, foron disfrazad@s con roupa característica dos anos 80.

Para traballar a esta fotógrafa, realizaron diferentes propostas: retrato de Ouka en branco e negro sobre acetato con rotus de cores vivos (semellando a técnica que utilizaba para as súas composicións), creación do seu nome para a cazadora do disfraz...

15 feb 2024

PROGRAMA DE RADIO "ENTROIDO"

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

Nesta ocasión os/as protagonistas son a clase de 4ºC, que nos falarán sobre como se celebra o Entroido nas diferentes zonas de Galicia.

Desfrutadeo!!!


14 feb 2024

ENTROIDO DE CINE 2024

O venres 9 de febreiro celebramos o Entroido no centro. O tempo non nos acompañou e non poidemos facer o pasarrúas polo barrio polo que as actividades programas realizáronse no pavillón.

Os nosos disfraces elaborados seguindo o noso proxecto anual de centro “OSEISMEDIA”: fotografando as cores, fotomatón, fotógrafa Ouka Leele, negativo, reporteiros e cámaras, xéneros de cine, Harry Potter, Mago de Oz e Up.

Moito cine e fotografía neste Entroido!!

A comparsa da Anpa foi a primeira en abrir o desfile e, a continuación, as distintas clases foron desfilando ao ritmo das cancións elexidas con coreografías e bailes.

Lectura do Testamento da Meca que foi indultada.

Rematamos degustando doces típicos deste época: filloas, orellas…

Grazas ás familias pola vosa colaboración!!!