O
mércores 20 de maio, os Clubs de Lectura do Ceip Plurilingüe Seis do Nadal e do
IES Alexandre Bóveda reuníronse para compartir unha xornada literaria con Abril
Camino, autora de “Mulleres que viven xuntas”, obra gañadora do XLII Premio Xerais
de Novela 2025.
A novela lévanos á Galicia do
franquismo para achegarnos ás vidas de Isabel e Chus, dúas mulleres obrigadas a
vivir o seu amor nun tempo de silencios, medos e renuncias. É unha historia que
rende homenaxe a todas esas vidas ocultas que durante moito tempo non tiveron
voz na literatura nin na sociedade.
Durante o encontro, Abril compartiu con nós como xurdiu a idea de
escribir este libro: a partir dunha conversa coa súa nai sobre aquelas mulleres
solteiras que vivían con outra muller e que, sen decilo abertamente, compartían
vida e afectos.
A autora contou que quería escribir unha
historia breve, polo que hai pouca descripción dos personaxes deixándoa á
imaxinación do lector/lectora. Tamén explicou que o personaxe de Chus foi medrando
ata converterse na verdadeira voz da memoria. Tiña claro que Isabel debía
emigrar a Londres, unha cidade aberta e cosmopolita nos anos sesenta, símbolo
de liberdade que en Galicia lles era negada.
Falouse dos grandes temas que atravesan
a novela: a memoria histórica, a represión social, a emigración e a
necesidade de vivir con autenticidade.
Abril explicou como o relato alterna dous tempos narrativos para
reconstruír os cincuenta anos de vida compartida entre Chus e Isabel. O pasado
aparece narrado en terceira persoa, ofrecendo unha viaxe polos antecedentes
familiares, a marcha de Isabel a Londres e o nacemento da relación entre ambas.
O presente, en cambio, está contado en primeira persoa por Chus, nos momentos
previos ao enterro de Isabel, converténdose nun espazo de dor, nostalxia e
lembranza.
Grazas, Abril, por este encontro onde a literatura, a
memoria e as emocións déronse a man!