O mércores 20 de maio, os Clubs de Lectura do Ceip Plurilingüe Seis do Nadal e do IES Alexandre Bóveda reuníronse para compartir unha xornada literaria con Abril Camino, autora de “Mulleres que viven xuntas”, obra gañadora do XLII Premio Xerais de Novela 2025.
A novela lévanos á Galicia do franquismo para achegarnos ás vidas de Isabel e Chus, dúas mulleres obrigadas a vivir o seu amor nun tempo de silencios, medos e renuncias. É unha historia que rende homenaxe a todas esas vidas ocultas que durante moito tempo non tiveron voz na literatura nin na sociedade.
Durante o encontro, Abril compartiu con nós como xurdiu a idea de escribir este libro: a partir dunha conversa coa súa nai sobre aquelas mulleres solteiras que vivían con outra muller e que, sen decilo abertamente, compartían vida e afectos.
A autora contou que quería escribir unha historia breve, polo que hai pouca descripción dos personaxes deixándoa á imaxinación do lector/lectora. Tamén explicou que o personaxe de Chus foi medrando ata converterse na verdadeira voz da memoria. Tiña claro que Isabel debía emigrar a Londres, unha cidade aberta e cosmopolita nos anos sesenta, símbolo de liberdade que en Galicia lles era negada.
Falouse dos grandes temas que atravesan
a novela: a memoria histórica, a represión social, a emigración e a
necesidade de vivir con autenticidade.
Abril explicou como o relato alterna dous tempos narrativos para reconstruír os cincuenta anos de vida compartida entre Chus e Isabel. O pasado aparece narrado en terceira persoa, ofrecendo unha viaxe polos antecedentes familiares, a marcha de Isabel a Londres e o nacemento da relación entre ambas. O presente, en cambio, está contado en primeira persoa por Chus, nos momentos previos ao enterro de Isabel, converténdose nun espazo de dor, nostalxia e lembranza.
Grazas, Abril, por este encontro onde a literatura, a memoria e as emocións déronse a man!










.png)


.png)


.png)





.png)




.png)
.png)





.png)
.png)
