9 may 2025

II ENCONTRO DOS CLUBS DE LECTURA

O luns 5 de maio, os Clubs de Lectura do Ceip ADR Castelao e o Ceip Plurilingüe Seis do Nadal celebramos a segunda xuntanza deste curso.

Nesta ocasión, recibimos na nosa biblioteca á escritora e ilustradora Andrea García coa finalidade de conversar coa rapazada sobre a súa obra “Animais fantásticos de aldea”.

Andrea contounos que escribiu este libro durante o periodo da covid, e que lle levou un mes completalo. Desde o comezo tiña moi claro que as galiñas ían ser as protagonistas e o título que lle quería poñer.

Un dos aspectos máis interesantes que Andrea compartiu con nós foi o uso das cores na súa obra. Explicou que os humanos aparecen representados con cores escuras para transmitir unha sensación de medo, mentres que os animais están en cores claras, engadindo un toque de humor que lle fascina.

A visita de Andrea foi moi amena. Compartiu connosco o seu amor por escribir e ilustrar, destacando como quería ambientar a historia na aldea de Froxán, un lugar que lle inspira sensacións de medo e fantasía. No seu libro, recolle lendas tradicionais como a Santa Compaña, a lavandeira da noite e o home do saco.

Ao longo da mañá, tivemos a oportunidade de facerlle preguntas a Andrea sobre o relato e os seus protagonistas, o que nos permitiu comprender mellor a súa visión creativa.

Por grupos, traballamos na resolución do misterio que aparece na última páxina do libro, seguindo os pasos que Andrea nos explicou para atopar a solución fomentando así a participación activa.

Ademais, Andrea debuxou para cada colexio nunha cartolina ás protagonistas do libro, mentres que nós, inspirados pola súa arte, debuxamos en folios as nosas propias galiñas, amosando creatividade.

Para rematar esta xornada tan especial, agasallamos ao alumnado cun lapis, un marcapáxinas e un chaveiro en forma de galiña(feito coa impresora 3D). 

Grazas, Andrea, por facernos desfrutar e pasar un rato tan agradable!

No hay comentarios:

Publicar un comentario