Mostrando entradas con la etiqueta PNO!. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PNO!. Mostrar todas las entradas

15 jun 2026

O GRAN CIRCO DO SEIS NA RADIO

Soa o redobre de tambores… chega o gran final da tempada radiofónica!

Hoxe despedimos o curso cun programa preparado por tres voces: Leonardo, Enya e Octavio, alumnado do Club de Lectura, encargados de poñer o final a un ano cheo de historias, aprendizaxes e emocións baixo o lema do noso PDI "O Gran circo do Seis". 

A carpa do circo péchase por vacacións, pero a maxia das historias e da aprendizaxe continúa.

Ata o vindeiro curso… e que siga o espectáculo!

5 jun 2026

"DÍA DO MEDIO AMBIENTE" NA RADIO DO SEIS

A clase de 6º C preparou un programa para conmemorar o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Nesta ocasión contaron coa colaboración dos nenos e nenas de 6º de Infantil A, para compartir as novidades do festival de fin de curso, que se celebrará o 18 de xuño. 

Durante o programa, reflexionouse sobre a importancia de coidar o planeta, reducir o lixo e respectar a natureza. 

Desfrutádeo!!!

26 may 2026

INFANTIL NA RADIO DO SEIS

Queremos compartir convosco un traballo moi especial que realizou a clase de 3 anos B con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Os nosos pequenos e pequenas prepararon un programa de radio dedicado a homenaxear a Begoña Caamaño.

Ao longo deste programa, descubriremos a vida da escritora e xornalista viguesa, e desfrutaremos da música de Uxía, que acompaña esta fermosa homenaxe.

Agardamos que o desfrutedes!!!

18 may 2026

CERTAME "AS IMAXES DO PATRIMONIO"

Como centro “Modelo Ponte…nas ondas! DE BOAS PRÁCTICAS CO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL”, propoñemos a participación no 9º Certame de recolla das imaxes do patrimonio inmaterial galego-portugués.

O Certame pretende que este patrimonio que se encontra depositado nas familias sexa transmitido ás novas xeracións para que teñan un coñecemento das súas orixes e do seu patrimonio. Con estas imaxes terán acceso a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas para os máis xoves.

O patrimonio cultural inmaterial é constituído principalmente por coñecementos, técnicas, formas de organización ou de expresión colectiva xunto coas manifestacións festivas e familiares. Está localizado nas prácticas da vida cotiá que son realizadas polo membros da sociedade que teñen nas familias os núcleos básicos, sendo vivenciada polas persoas portadoras e, como tal, está documentada desde os inicios da fotografía.

As imaxes dos álbums familiares conteñen moitas destas manifestacións e vivencias.

BASES DO CERTAME:

1.-As fotografías deberán conter imaxes de calquera aspecto relacionado co Patrimonio Cultural Inmaterial e estar tomadas en datas anteriores a 1970.

2.-Presentaranse dixitalizadas, coa maior resolución posible, en formato jpg ou png.

3.-Cada imaxe acompañarase dun título e dun texto libre, onde se poderán detallar os datos básicos da foto, onde está tomada, quen aparecen nela, data aproximada na que foi feita e unha explicación do que se ve, relatando a relación desa imaxe co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).

4.-O texto debe enviarse por separado en formato Word ou na propia mensaxe de correo electrónico. Terá unha extensión máxima de 150 palabras.

5.-Tamén se pode enviar un podcast que terá unha duración máxima de 5 minutos e poderá conter música, entrevistas e calquera outro material que explique a foto á que acompaña.

As fotos xunto co texto ou o podcast debedes envialo ao correo da biblioteca:  bibliotecaseisdonadal@gmail.com

A data límite para o envío da fotografía, acompañada do seu texto/audio explicativo é o 20 de xuño.

Animádevos a participar!!!

Na seguinte ligazón tedes máis información

https://pontenasondas.org/9o-certame-de-recolla-das-imaxes-e-podcasts-do-patrimonio-inmaterial-galego-portugues/

16 may 2026

LETRAS GALEGAS NA RADIO DO SEIS

A clase de 1ºB de Primaria preparou este podcast co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, adicado este ano á escritora Begoña Caamaño. 

A través dunha entrevista divertida e imaxinativa a Begoña, os nenos e nenas dan vida á autora, descubrindo aspectos da súa vida, obra e compromiso coa lingua galega, o feminismo e a cultura.

 

Agardamos que o desfrutedes!


12 may 2026

A RADIO DO SEIS: "BEGOÑA CAAMAÑO"

Leo, Julia, Fidelia e Isaac, voluntarios e voluntarias da biblioteca, prepararon este programa con motivo da nosa participación no VIII Concurso de Podcasts Radio na Biblio. Queremos render homenaxe á escritora e xornalista galega Begoña Caamaño, co gallo da celebración das Letras Galegas 2026.

Neste podcast descubriremos un pouco máis sobre a súa vida, a súa traxectoria profesional no xornalismo e o seu compromiso coa lingua e coa cultura de Galicia. Ademais, faremos un percorrido polas novelas que escribiu, "Circe ou o pracer do azul" e "Morgana en Esmelle".

Con este programa queremos achegar a figura de Begoña Caamaño e compartir a importancia da súa obra e do seu legado.

Agardamos que o desfrutedes!

10 may 2026

OBRADOIRO DE RADIO CON DAMIÁN ALONSO

O xoves 7 de maio o alumnado de 3º de Primaria recibiu a visita de Damián Alonso, actor de dobraxe e formador da asociación Ponte...nas Ondas!, que impartiu un Obradoiro de Radio cheo de aprendizaxe e diversión.

Primeiramente, Damián explicou as técnicas básicas de locución: ton, ritmo e como modular a voz para transmitir emocións e manter a atención da audiencia. O alumnado practicou diferentes exercicios para mellorar a súa expresión oral e a súa confianza co micrófono. 

A continuación, chegou o momento de crear o guión e a escaleta do programa que ían gravar. Cada grupo achegou ideas, redactou textos e organizou as intervencións, poñendo en práctica o traballo en equipo e a creatividade.

Pero tamén se converteron en técnicos de sons. Aprenderon a manexar a mesa de mesturas, controlar os micrófonos, axustar o volume e empregar o programa Audacity para gravar e editar o seu propio podcast. 

Unha mañá diferente, chea de descubrimentos, aprendizaxe e moita ilusión arredor do mundo da comunicación. Grazas, Damián, por compartir connosco a túa paixón pola radio e inspirarnos tanto!

8 may 2026

OS MAIOS NA RADIO DO SEIS

A clase de 3ºA de Primaria chega cunha nova edición da Radio do Seis, dedicada nesta ocasión a unha das festas máis fermosas e tradicionais da nosa terra: a Festa dos Maios.

Coa chegada da primavera, a natureza énchese de vida, de cor e de alegría, e os Maios convértense nun símbolo dese renacer. Esta celebración, de orixe moi antiga, está ligada ao mundo agrícola e serve para dar a benvida ao bo tempo e agradecer os froitos que a terra nos ofrece.

A través desta tradición tamén mantemos vivas os costumes populares, fomentamos a convivencia e fortalecemos o sentimento de comunidade. Os cantos, as flores e as creacións cheas de imaxinación fan dos Maios unha festa única e moi especial.

Agardamos que desfrutedes desta nova entrega!

25 abr 2026

O DÍA DO LIBRO NA RADIO DO SEIS

O alumnado de 5º de Educación Infantil A e 2ºA de Educación Primaria elaborou un podcast moi especial para celebrar o Día do Libro.

Nesta ocasión, uníronse para compartir unha historia chea de imaxinación e aprendizaxe: “A escada vermella”. Neste relato, as nenas e nenos contan a historia dunha escada que non serve só para subir, senón tamén para soñar. A través das súas voces, o conto cobra vida e convídanos a descubrir como cada chanzo pode levar a novos mundos, aventuras e emocións.

O 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro, unha data que lembra a importancia da lectura, da palabra escrita e da creatividade.

No noso centro, esta celebración é unha oportunidade para compartir historias, descubrir novos contos e dar protagonismo ás voces do alumnado. Desfrutádeo!!!


18 abr 2026

O DÍA DO CIRCO NA RADIO DO SEIS

A clase de 5ºA estivo traballando con moita ilusión para preparar un novo programa da nosa Radio do Seis. Nesta ocasión, o tema non podía ser outro que o Día do Circo, enmarcado no PDI deste curso.

Os micrófonos convértense en trapecios, as palabras fan malabares e as voces danzan coma auténticos artistas baixo a gran carpa da imaxinación.

Un programa con información e música sobre o mundo do circo. Unha nova aventura radiofónica que enche de cor e alegría os micrófonos do Seis. Desfrutádeo!

6 mar 2026

8M NA RADIO DO SEIS

Coa maxia do Circo e a forza da Radio, os nosos artistas de 6ºB e 6º Infantil B uniron forzas para crear un programa moi especial. 

No marco da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, estas dúas clases suben á pista para visibilizar o papel fundamental das mulleres no mundo do circo, en liña co noso PDI deste curso.

Desfrutade desta nova entrega!!!

26 feb 2026

ROSALÍA NA RADIO DO SEIS

Cada 23 de febreiro, a alma de Galicia florece en cada verso, en cada lembranza da nosa Rosalía de Castro. 

A clase de 4ºA, preparou un programa para honrar a Rosalía. Unha viaxe a través da súa vida e obra, descubrindo a súa paixón, o seu compromiso e a súa inmensa sensibilidade.

Desfrutádeo!

15 feb 2026

O ENTROIDO NA RADIO DO SEIS

A Radio do Seis volve cunha nova entrega chea de cor, música e alegría. Nesta ocasión, o protagonista é o Entroido, unha das festas máis esperadas do ano.

A clase de 1ºA foi a encargada de preparar un programa para contar como se viviu a semana de Entroido no colexio. A voz dos nenos e nenas encheu o aire de entusiasmo, demostrando que o Entroido é moito máis ca unha festa: é unha oportunidade para compartir, rir e celebrar xuntos.


Agardamos que o desfrutedes!


13 feb 2026

DÍA MUNDIAL DA RADIO 2026

O 13 de febreiro conmemoramos o Día Mundial da Radio, proclamado pola UNESCO. Desde 1995, a Asociación Cultural e Educativa PONTE...NAS ONDAS! vén promovendo a radio escolar como unha ferramenta educativa esencial para potenciar as habilidades comunicativas do alumnado.

Este ano, o lema é "A Radio e a Intelixencia Artificial", un tema de grande actualidade e relevancia para o futuro da comunicación.

                            

Carla, Pedro, Mateo e Antía, alumnado de 6º de Primaria e voluntariado da biblioteca, reflexionan sobre o papel da IA na radio. Cando se utiliza de maneira ética e responsable, a IA pode ser unha ferramenta valiosa: axuda na edición de audio, na transcrición de entrevistas e mesmo na creación de contido. Porén, lembran algo fundamental: A tecnoloxía por si soa non xera confianza.


A IA é unha ferramenta, non unha voz!


Neste Día Mundial da Radio, reafirmamos o valor da radio escolar como espazo de aprendizaxe, creatividade e expresión. A IA pode ser unha aliada, pero o corazón da radio continúa sendo a voz das persoas e a súa capacidade de conectar, informar e emocionar.

6 feb 2026

A RADIO DO SEIS: DÍA DA PAZ

A Radio do Seis regresa cun novo programa, preparado con moito agarimo polas clases de 2ºB e 5º de Edº infantil B.

Este programa está dedicado á conmemoración do Día da Paz. Exploraremos a importancia desta data e reflexionaremos sobre como podemos contribuír a un  mundo máis xusto e pacífico. Os nosos pequen@s artistas tamén recitan dous fermosos poemas sobre a Paz.

Desfrutade desta nova entrega!!!

28 ene 2026

VISITA DO ARTESÁN SANÍN

O martes 27 recibimos a visita do artesán de percusión tradicional Xosé Manuel SANÍN.

O grupo de “As Cantareiras do Seis” xa traballara a unidade didáctica “Eu son artesán de percusión tradicional” e poideron coñecer a historia e o proceso de fabricación da pandeireta, un dos instrumentos máis característicos da música tradicional galega: como están feitas as ferreñas, a forma circular coa madeira, tratar a pel para despois cosela no aro da pendeireta….

Non podiamos rematar esta visita sen cantarlle unhas pezas do noso repertorio tradicional.

Grazas a Sanín e ao programa “Artesanía na escola” por facer posible esta visita xa que ten como obxectivo achegar aos escolares os oficios tradicionais e os valores da artesanía.

10 dic 2025

A RADIO DO SEIS: DISCAPACIDADE E NADAL

A Radio do Seis volve aos vosos oídos cun novo e emocionante programa preparado pola clase de 5ºB.

Neste programa, viaxaremos a través da música e da información para conmemorar dúas datas moi importantes: 


-O Día Internacional das Persoas con DisCAPACIDADE, unha xornada para reflexionar e promover a inclusión e o respecto. 


- O Nadal, un tempo máxico cheo de ilusión, con propostas para desfrutalo en Vigo.

Desfrutade desta nova entrega!!!

27 nov 2025

A RADIO DO SEIS: CIENCIA E 25N

Xa está aquí o terceiro programa da Radio do Seis!

Nesta nova entrega, a clase de 3ºB preparou un programa moi especial, cheo de ciencia e reflexión.

Novembro é o mes da ciencia, un momento perfecto para explorar, descubrir e aprender sobre o mundo que nos rodea. Ademais, achegámonos ao 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha data clave para concienciar e promover a igualdade.


16 nov 2025

MAGOSTO NA RADIO DO SEIS

O alumnado de 6º A de Primaria e 6º C de Educación Infantil embarcáronse nun emocionante proxecto de investigación sobre o Magosto. O obxectivo principal era que coñecesen de primeira man como se vive esta celebración na súa contorna máis próxima, aprendendo sobre as súas orixes, costumes e significado.

Saíron ás rúas de Coia para entrevistar aos veciños/veciñas. Durante as entrevistas realizaron preguntas para obter información sobre o Magosto. A experiencia permitiu ao alumnado conectar coa súa comunidade e valorar o patrimonio cultural do seu barrio.

No podcast, relatan as súas vivencias nas rúas de Coia, comparten as entrevistas que realizaron e explican o que aprenderon sobre o Magosto. Foi unha ferramenta para compartir o coñecemento adquirido e desenvolver habilidades de comunicación, traballo en equipo e creatividade.


Agardamos que o desfrutedes!!!


14 nov 2025

PREMIADOS NO CERTAME "AS IMAXES DO PATRIMONIO"

Hoxe 14 de novembro, as clases de 4º de Primaria asistiron a un evento moi especial: a entrega de premios do  8º Certame de fotografía "As imaxes do patrimonio" Inmaterial Galego-Portugués, convocado pola Asociación cultural e pedagóxica  Ponte...nas ondas!. 

A gala tivo lugar no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo.

O noso centro participou neste certame con varias imaxes, proporcionadas polas familias da nosa comunidade educativa.

Na categoría de Ensino Primario, recibimos un accésit coa imaxe “Día da labranza”, de Diego Mingotes.

Lingua, danza e música uniron a escolas galegas e portuguesas na gran festa do Día Internacional do Patrimonio.

Esta iniciativa é unha fermosa maneira de preservar a riqueza do noso patrimonio, transmitindo historias, coñecementos e tradicións ás novas xeracións. As familias xogan un papel fundamental para manter viva a nosa identidade e cultura. Queremos agradecer a colaboración das familias!!!

Tedes máis información de como foi a xornada (vídeos e fotos) na seguinte ligazón

https://pontenasondas.org/lingua-danza-e-musica-unen-a-escolas-galegas-e-portuguesas-na-gran-festa-do-dia-internacional-do-patrimonio/