Mostrando entradas con la etiqueta Mes da Ciencia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Mes da Ciencia. Mostrar todas las entradas

30 nov 2025

BIBLIOLAB: CIENCIA

Durante o mes de novembro, a BiblioLab centrou as súa programación na ciencia. As actividades e experimentos  tiñan por obxectivo espertar a curiosidade e aprender de forma divertida.

UN MUNDO AGOCHADO AOS TEUS OLLOS

O mundo que nos rodea é moito máis complexo e fascinante do que podemos ver a simple vista. Cunha ferramenta tan poderosa como o microscopio, ábrense as portas a un universo agochado, cheo de formas, cores e estruturas inimaxinables.

EXPERIMENTO: AUGA QUE CAMIÑA

Engadimos unhas gotas de colorantes ós vasos con auga, colocamos tiras de papel absorbente entre os vasos valeiros e cheos. Observamos como ao cabo de varios minutos mestúranse as cores formando outras novas!

EXPERIMENTO:LÍQUIDO NON NEWTONIANO

Mesturamos maicena e auga ata conseguir a textura máxica. Este tipo de mestura chámase fluído non newtoniano, porque non se comporta como un líquido normal. Cambia segundo como a toques: con forza faise sólida, e con suavidade volve ser líquida. É como maxia da ciencia!

ROBÓTICA

Vocabulario e pensamento computacional co escornabot.

MULLERES NA CIENCIA

Memory para xogar e aprender en equipo!

EXPERIMENTANDO COA SAL E A PEMENTA

Neste sinxelo experimento, exploraremos dous fascinantes conceptos científicos: A tensión superficial da auga e a electricidade estática. Usaremos ingredientes que temos na casa: sal e pementa!

BURBULLAS QUE NON ESTOUPAN E LIBROS SOBRE CIENCIA

Sopramos, facemos pompas e tentamos que rebote empregando luvas.

O HOME BALA VOADOR: CIENCIA E CIRCO EN ACCIÓN

Aprendemos sobre a forza do aire e a reacción: O aire sae cara atrás e empurra o globo (co home bala) cara adiante. Isto é acción e reacción, o mesmo principio que usan os foguetes reais.

28 nov 2025

OBRADOIRO DE PROGRAMACIÓN: HOLOGRAMAS DE ANIMAIS DE CIRCO

Ao longo do mes de novembro, o alumnado de 5º e 6º de Primaria participou nun obradoiro de programación moi especial, enmarcado tanto na celebración do Mes da Ciencia como no PDI O Gran Circo do Seis.

Nesta ocasión achegámonos á robótica e á programación a través de Scratch, creando pequenas animacións que logo se converteron en auténticos hologramas grazas ao uso dunha pirámide holográfica. O efecto foi sorprendente: os animais “aparecían” no aire, flotando sobre a pantalla, como se formasen parte dun espectáculo máxico.

Aproveitamos a actividade para reflexionar sobre a situación dos animais nos circos tradicionais. Falamos de que hoxe en día non está permitido o uso de animais, e coñecemos alternativas creativas e responsables: circos que empregan persoas caracterizadas, animais animatrónicos ou mesmo hologramas, como fixemos nós.

Foi unha experiencia chea de creatividade, aprendizaxe e ilusión, na que mesturamos ciencia, tecnoloxía e arte para descubrir novas formas de facer circo… sen necesidade de animais reais.

27 nov 2025

A RADIO DO SEIS: CIENCIA E 25N

Xa está aquí o terceiro programa da Radio do Seis!

Nesta nova entrega, a clase de 3ºB preparou un programa moi especial, cheo de ciencia e reflexión.

Novembro é o mes da ciencia, un momento perfecto para explorar, descubrir e aprender sobre o mundo que nos rodea. Ademais, achegámonos ao 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha data clave para concienciar e promover a igualdade.


18 nov 2025

"CIENCIA E CIRCO" CON ARENARIA

Os días 13 e 14 de novembro, o alumnado participou nunha experiencia moi enriquecedora coa charla “Ciencia e Circo”, impartida por María e David de Arenaria Coordinación. A través de varias sesións diámicas e interactivas, descubriron a ciencia agochada detrás do mundo do circo.

A través da experimentación práctica, o alumnado explorou os principios científicos que sustentan as habilidades dos artistas circenses. Algunhas das áreas que investigaron inclúen:

-A física do equilibrio: Como os equilibristas desafían a gravidade.

-A enerxía e o trapecio: A forza necesaria e a física do movemento.

-A elasticidade e os saltos: A ciencia detrás das acrobacias.

-A luz e a maxia: Os trucos de maxia e a ciencia da percepción.

Descubriron que conceptos como forza, enerxía, equilibrio e ritmo non son só elementos artísticos, senón tamén principios científicos fundamentais. Detrás de cada malabarista, equilibrista, acróbata ou mago, hai leis da natureza en acción. 

Estas dúas xornadas foron unha combinación perfecta de aprendizaxe e diversión. O alumnado non só ampliou os seus coñecementos científicos, senón que tamén experimentou o asombro e a emoción do mundo do circo. A experiencia axudoulles a conectar a teoría coa práctica e a ver a ciencia dunha forma máis accesible e atractiva. Grazas María e David!

17 nov 2025

EXPOSICIÓN TEMÁTICA: CIENCIA

Co gallo do Mes da Ciencia, queremos compartir unha selección de lecturas de textos de carácter científico, divulgativo así como literarios que tratan temas relacionados coa ciencia.

A ciencia é fundamental para comprender o mundo que nos rodea e fomentar a curiosidade e o pensamento crítico.

Animámosvos a explorar o fascinante mundo da ciencia a través da lectura. Estas lecturas son soamente o comezo; hai un universo de coñecemento esperando a ser descuberto. Leamos, aprendamos e celebremos a ciencia en galego!

Guía de Lecturas Ciencia de Biblioteca Seis do Nadal

7 nov 2025

RETOS CREATIVOS MENSUAIS

Preparádevos para un novembro cheo de emoción, sorpresa e moita creatividade. Presentamos...

OS RETOS MENSUAIS

Cada mes, un novo desafío, unha nova aventura, un novo material para descubrir e dar renda solta á túa imaxinación. Este novembro, imos... Construir!

O material estrela: KAPLA!

Acepta o reto e demostra a túa habilidade! Con Kapla, imos erguer a maior carpa de circo xamais vista! Unha carpa chea de maxia, cor e fantasía creada polas vosas mans.


Como participar?


É sinxelo! Só tes que achegarte á biblioteca durante os recreos de novembro e unirte á diversión. Traballa en equipo, comparte ideas e... Que comece o espectáculo!!!

6 nov 2025

ACTIVIDADES NO MES DA CIENCIA

No Mes da Ciencia a Biblioteca e á BiblioLab transfórmanse nun incrible circo de descubrimentos. Organizamos unha función moi especial, con actividades para todos e todas! Preparádevos para experimentar, aprender e descubrir conceptos científicos fascinantes.

Comezamos a nosa aventura circense construíndo a carpa máis espectacular...con Kapla! Un desafío para a vosa creatividade e enxeño, onde poñeremos a proba a física e a arquitectura para crear unha estrutura fermosa.

Os días 13 e 14 de novembro, contaremos coa presenza de Arenaria e a súa charla Ciencia e Circo. Unha experiencia na que explicarán principios científicos presentes nas actuacións dos artistas circenses: a física do equilibrio, enerxía e trapecio, elasticidade e saltos, luz e maxia.


Na BiblioLab, a maxia continúa con actividades e experimentos científicos pensados para espertar a vosa curiosidade. Ademais, teremos obradoiros de
Polos Creativos dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de Primaria.

Tamén preparamos unha exposición bibliográfica con libros de divulgación científica cheos de historias fascinantes e ideas para inspirar aos científicos e científicas do futuro.

5 nov 2025

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o  MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. 

 

Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Concepción Paz Penín, enxeneira industrial, catedrática e doutora pola universidade de Vigo. Actualmente dirixe o Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos nesa universidade. No ano 2023 recibiu o premio María Wonenburger, que recoñece o labor das mulleres científicas galegas.

O manifesto para este ano 2025, abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder sementar e degustar a ciencia nas nosas bibliotecas escolares.

"Para que a transformación requirida avance con solidez, o coñecemento debe chegar a todos os niveis da sociedade. É esencial fortalecer a súa transferencia ao tecido produtivo para que se traduza en valor engadido para Galicia. Pero non só: cómpre reforzar a transferencia social do coñecemento a través da divulgación, da cultura científica e da ciencia cidadá, conectando a investigación coas necesidades reais da ciudadanía e fomentando unha sociedade máis informada, crítica e participativa.

As bibliotecas son parte esencial deste ecosistema: non só como espazos físicos, senón como nodos de encontro, conexión social e aprendizaxe permanente.A súa transformación dixital e social facilita que o coñecemento circule, que a ciencia se comparta e que máis persoas participen activamente, proporcionando as ferramentas para seguir aprendendo, cuestionando e creando". 

 Concepción Paz Penín

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais, relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

FOLLETO INFORMATIVOMES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

MATERIAIS: MES DA CIENCIA EN GALEGO

30 nov 2024

OBRADOIRO DE PROGRAMACIÓN: SIMULACIÓN DOS MOVEMENTOS DA TERRA E DA LÚA

Con motivo do mes da ciencia en galego adicado este ano a astronomía e a figuras como Galileo e Enrique Vidal Abascal, o alumnado de 4º e 6º de Primaria participaron nun obradoiro de programación con Scratch.


Tras coñecer o motivo de por que se celebra esta conmemoración e coñecer o soño de Galileo a través do seguinte vídeo: A historia de Galileo Galilei, o alumnado programou unha pequena animación na que simulou o movemento de translación da Terra e da Lúa, repasando así a súa vez aspectos astronómicos traballados con anterioridade e outros conceptos matemáticos (direccionalidade, xiros, coordenadas...).


Tamén traballaron a biografía de Galileo.

25 nov 2024

COUSTEAU. DESCUBRIDOR DOS MARES

Na clase de 6º de Edº Infantil B, continúan coa investigación sobre os mares. Facendo preguntas como: Quen os descubriu? Como sabemos que existe vida neles?

Dende a biblioteca proporcionaron  o libro “Genios de la ciencia. Cousteau. El descubridor de los mares”, Ed. Vegueta, que permitiu dar resposta a estas preguntas.

Leron o conto, falaron sobre os seus inventos e a súa repercusión. Visitaron algunhas páxinas como o National Geographic para completar os seus coñecementos e para rexistralos completaron unha infografía cos datos máis representativos deste científico.

21 nov 2024

OBRADOIRO: ALFABETIZACIÓN OCEÁNICA

O mércores 20 de novembro o alumnado de terceiro e cuarto de Primaria participou no obradoiro de "Alfabetización oceánica. Coñecer para conservar", organizado polo Centro de Investigación Mariña e o Campus do Mar da Universidade de Vigo.

A través de diferentes estacións de traballo manipulativo, puideron coñecer as características principais dos nosos océanos, investigar sobre os ecosistemas mariños e os animais que neles habitan, traballar con lupas electrónicas, afondar no coñecemento dos seres mariños grazas a microscopia e tamén recoñecer a importancia de manter as praias limpas (peneirando e clasificando os residuos que podemos atopar nelas).

Pasárono xenial e aprenderon unha chea de cousas. Moitas grazas Yolanda por este obradoiro!!!

19 nov 2024

O PRESTIGE

Un 13 de novembro de 2002, vertéronse nas costas galegas 77 mil toneladas de petróleo. Unha catástrofe natural coma esta ten que recordarse para que non volva suceder, por iso, o alumnado de 6º de Edº Infantil B traballaron na aula sobre o tema: falaron e lembraron o que aconteceu co Prestige, para despois, nunha especie de “Libriño acordeón”, crear a súa versión do acontecido, a través do debuxo e da narrativa.

Ademais exploraron a viscosidade do chapapote, e aproveitando que estamos no mes da ciencia, recordamos que necesitamos para “crear” este fluido non newtoniano: maicena, auga e cor negra para asemellar ao chapapote.

Tamén leron o conto “¡Nunca máis! A ollada da infancia". Ed. Kalandraka.

5 nov 2024

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

“Toda sociedade precisa coñecer e interpretar o mundo para desenvolverse nel de forma satisfactoria. A ciencia é un xeito especial de coñecemento do mundo que se desenvolveu en Occidente desde o Renacemento e eclosiona coa Modernidade nos séculos XIX e XX. É responsable do noso progreso tecnolóxico e industrial, pero tamén foi da man do complexo tecno-militar desde o século XVI, da consolidación do capitalismo e da expansión colonial europea. Toda esta historia está reflectida nas bibliotecas e fan que debamos volver a elas continuamente. Tamén está reflectida na tradición oral, nos hábitos e na cultura material”.

     Felipe Criado-Boado

Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o  MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. 

Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Felipe Criado-Boado, arqueólogo e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. Foi premio nacional de investigación 2023.

O manifesto para este ano 2024, abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder sementar e degustar a ciencia nas nosas bibliotecas escolares.

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais, relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

FOLLETO INFORMATIVOMES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

MATERIAIS: MES DA CIENCIA EN GALEGO

2 dic 2023

MES DA CIENCIA NA BIBLIOLAB

Co gallo do Mes da Ciencia desenvolvéronse na BiblioLab diversas actividades de ámbito científico así como unha selección de lecturas en galego que estiveron en exposición para traballar e levar ás aulas.

INVESTIGACIÓN co microscopio

DISCO DE NEWTON

Coloreamos o disco de Newton poñendo as cores na mesma orde que no exemplo. Pegamos un contra outro e facemos un buraco para poñer a palliña. O facemos xirar para ver como, por “arte de maxia”, as cores desaparecen. 

LIBROS DE ILUSIÓNS ÓPTICAS

Mirando a través das lupas de cores verás cousas que non se ven a simple vista. Descubrirás cousas sobre o noso corpo, a natureza, os dinosaurios ou o fondo do mar.

LÁMPADA DE SOMBRAS

Cos tubos facemos lámpadas de aumento de sombras ou dos nosos debuxos.

VOCABULARIO científico co escornabot

Xogo de parellas de imaxes relacionadas coa ciencia e os seus nomes.

ALEXANDER FLEMING

Información e actividades para coñecer a este científico a quen se lle adica o mes da ciencia este ano.

Busqueda nas tabletas da información para completar as fichas de investigación.

GLOBOS ALTOFALANTES

Enchemos o globo de aire, despois mantémolo preto da orella e dámoslle pequenos golpes co dedo para comprobar se escoitamos os sons e as vibracións. 

PINTURA LUMINISCENTE

Despois de facer debuxo libre coa pintura luminiscente apagamos as luces para ver como se iluminan na escuridade.

LIBROS informativos sobre ciencia e experimentos