Mostrando entradas con la etiqueta Bibliotecas Escolar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Bibliotecas Escolar. Mostrar todas las entradas

20 oct 2018

POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR

POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional  propón ás bibliotecas escolares para o curso 2018/2019, como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiádonos nos recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar. Nuria Díaz foi a ilustradora convidada a interpretar este lema e a compoñer este fermoso cartel .


Poéticas diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades, a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e son.  

A biblioteca escolar é un lugar privilexiado para estimular esa mirada que xogue a descubrir a poesía que se agocha nas paisaxes, na música, no cine, nunha noite estrelada, no baile do vento na herba, nos seres minúsculos que só podemos ver a través do microscopio, nesa música que engaiola, na palabra dos poetas, na tradición oral, nun texto que nos traspasa e nos obriga a mirarnos, nesa persoa que nos axuda a abrir os ollos para ver o que nos rodea, no último descubrimento científico, nesa voz que nos fala, nese abrazo que nos agarima...