Mostrando entradas con la etiqueta Familias colaboradoras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Familias colaboradoras. Mostrar todas las entradas

8 jun 2026

AS FAMILIAS CONTAN

Durante os meses de abril e maio, as familias do Seis participaron activamente na Hora de Ler, achegándose ás aulas e biblioteca para compartir contos co alumnado. Pais, nais, avós e avoas convertéronse en contadores e contadoras de historias, facendo desa hora unha aventura chea de emcoiósn, palabras e imaxinación compartida. 

Cada visita transformou a aula e a biblioteca nun pequeno escenario onde os libros cobraban vida. Houbo contos clásicos, relatos inventados, historias de risa e de soños. O alumnado escoitou, participou e descubriu que ler tamén é un acto de encontro e afecto.

Esta iniciativa, promovida pola biblioteca escolar, reforzou o vínculo entre escola e familia, e fixo da lectura un espazo común de aprendizaxe e pracer. A Hora de Ler converteuse así nun tempo máxico onde as voces das familias fixeron vibrar as páxinas dos libros. 

Queremos agradecer a todas as familias que nos acompañastes durante estes meses, compartindo connosco esas lecturas que tanto desfrutamos e que nos permitiron pasar momentos  moi agradables e cheos de complicidade. Grazas por participar nesta fermosa experiencia. Agardámosvos no vindeiro curso!

6 abr 2026

AS FAMILIAS CONTAN

Durante os meses de abril e maio, a biblioteca transformarase nun auténtico circo das palabras, un espazo cheo de emocións onde cada historia será unha función especial.


Queremos convidar ás familias a achegarse á escola para contar un conto e compartir un intre cheo de complicidade, ilusión e pracer pola lectura.

A actividade terá lugar na biblioteca, durante a Hora de Ler (de 12,00 a 12,20h).

Se eres membro da nosa comunidade educativa (pai, nai, avoa, avó...) e queres participar nesta aventura circense, só tes que enviarnos un correo a: bibliotecaseisdonadal@gmail.com indicando o teu nome, o nome do teu fillo/filla, o curso e a data proposta para a túa actuación.

"As familias contan" desenvolverase os meses de abril e maio, e cada sesión será unha nova función chea de contos, risas e emocións.

Animádevos a subir ao noso escenario lector e facer soar a maxia das palabras!!!

27 feb 2026

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA

Ao longo da semana do 23 ao 27 de febreiro preparamos diversas actividades pensadas para que o alumnado coñecese a figura de Rosalía de Castro a través de diversas formas de expresión artística e creativa: programa de radio, retratos, lecturas, marcapáxinas…

O 23 de febreiro, a biblioteca abriu as súas portas a unha visita moi especial. Rosalía, coma saída dun libro antigo, apareceu para compartir a súa vida e obra cos nenos e nenas de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria.

Con voz doce, Rosalía contounos esas historias que tanto amaba e que inmortalizou nos seus versos. A súa narración estivo arroupada por melodías e poemas recitados que resaltaron a esencia da nosa identidade e a beleza da nosa lingua.


O venres 27 de febreiro, como peche das actividades, o alumnado de 3º a 6º de Primaria tivo a oportunidade de gozar da interpretación de "Maio longo" de Rosalía de Castro a cargo das "Cantareiras do Seis". Foi un momento emotivo e especial que conectou a música coa poesía.


Ligazón ao vídeo da actuación:


https://drive.google.com/file/d/1sbqSv8Rm1NRXbxXQ0GHM_xql4_I7mRQO/view?usp=drivesdk

14 feb 2026

OBRADOIROS NO ENTROIDO

A semana do 9 ao 13 de febreiro foi unha explosión de alegría e tradición no noso cole, co Entroido como protagonista. Unha semana intensa, chea de actividades que achegaron o noso alumnado á riqueza cultural do Entroido galego.

O alumnado de 1º de Primaria tivo a sorte de contar coa presenza de Sonia, nai de dous alumnos e membro da ANPA, que impartiu unha interesante charla sobre o Entroido vigués e a figura do Merdeiro. Sonia amosou elementos típicos como a carouta e a roupa tradicional, explicando a súa orixe e significado.

A rapazada de 4º de Primaria participou nun obradoiro de instrumentos de percusión tradicional, a cargo da Asociación Veciñal do Casco Vello. Este obradoiro serviu como preparación para a Reconquistiña, unha celebración moi importante na nosa cidade.

Un ano máis, celebramos o tradicional obradoiro de cociña onde preparamos as deliciosas roscas de Entroido que estaban riquísimas e que compartimos coa comunidade educativa.

Durante toda a semana, cumprimos os Mandadiños do Meco e desfrutamos desta festa!!! 

1 nov 2025

EXPOSICIÓN DE CABAZAS CIRCENSES

Este ano, a nosa exposición de cabazas de Samaín transformouse nun incrible circo, grazas á imaxinación e creatividade das nosas familias! As cabazas cobraron vida, converténdose en personaxes e elementos circenses que nos transportaron a un mundo de maxia e diversión.

Carpas feitas de cabazas, pallasos sorrintes e algo sinistros, magos misteriosos, homes bala acrobáticos, forzudos impresionantes, trapecistas audaces… encheron o noso espazo de Samaín cun ambiente festivo e emocionante. Cada cabaza era unha obra de arte única, creada co agarimo e a colaboración das familias.

Esperamos que todos disfrutaran da exposición tanto como nós! Ata o ano que vén, e que a maxia do Samaín siga inspirándovos!

30 may 2025

FAMILIAS LECTORAS

Queremos agradecer a todas as familias que nos acompañastes durante estes meses, compartindo connosco esas lecturas que tanto desfrutamos e que nos permitiron pasar momentos moi agradables e cheos de complicidade. Grazas por participar nesta fermosa experiencia. Agardámosvos no próximo curso!

No mes de maio, estas foron as últimas familias que nos visitaron para contar contos como parte da actividade "Familias Lectoras":

Diego, pai de Dario e Mateo, 4º Ed. Infantil, contounos "Esto no es una selva". Un conto para comprender a importancia de colaborar para unha boa convivencia na casa.

Helia, nai de Brais, 5º Ed. Infantil, relatounos "Barbavoa". Que sucedería se unha doce avoíña se embarcase nun navío pirata? Quizais se dedique a facer adornos de ganchillo para os canóns ou a encher o barco de plantas. Pero a doce avoíña garda un segredo que terás que ler o libro para coñecer...

Sonia, nai de Diego, 3º de Primaria, compartiu "Yo voy contigo". Unha historia sinxela que reflexa a importancia de non renunciar a ser nós mesmos para encaixar ou gustarlle a outros.

Raquel, nai de Carmen, 5º Ed. Infantil, levounos á aventura con "Daniela e as mozas piratas". Hai un novo barco pirata navegando polos mares, ¡o Barco das Pirañas Intrépidas! Están a facerse famosas, salvan a xente en perigo e conseguen fabulosos tesouros.

Loreto, nai de Teo, 2º de Primaria, relatounos "O meu piollo máis eu". O título desta obra pica e incomoda igual que os piollos cando se aloxan nas nosas cabezas. Pero adoita suceder que o incómodo tamén resulta atractivo.

Antonio, pai de Roque, 5º Ed. Infantil, falounos de "Vilapaspán", unha aldea asombrosa, curiosa e misteriosa.

Ana e Paula, nais de Simón e Guillermo, 5º de Ed. Infantil, emocionáronnos con "La ovejita que vino a cenar". Un conto cheo de valores como a amizade, a xenerosidade e a aceptación das diferenzas.

Daniel, pai de Arabia, 2º de Primaria, contounos a historia de “Superheroes da escola”, mostra aos nenos e nenas todos os segredos que deben coñecer para se converteren en auténticos superheroes no colexio. Aprenderán as principais normas que deben cumprir: traballar sempre en equipo, axudar aos demais, loitar contra as inxustizas ou dicir sempre a verdade, entre moitas outras…

Zoa, nai de Deva e Xela, 5º de Edº. Infantil, presentounos "A ovella que chocou un ovo". Un conto divertido e tenro que demostra que os grandes amigos son moito máis importantes que as grandes melenas.

Grazas a todas as familias por facer desta actividade un verdadeiro éxito! Agardamos seguir contando coa vosa participación no futuro.

30 abr 2025

AS FAMILIAS CONTAN

Agradecemos a todas as familias que compartiron o seu tempo e historias con nós no mes de abril. Cada conto foi unha oportunidade para aprender, imaxinar e conectar.

Iris, nai de Xela de 4º de Educación Infantil, levounos nunha emocionante aventura co conto “Imos cazar un oso”. A través deste relato, creamos un ambiente sonoro e imaxinamos xuntos o percorrido por un campo de herba, un bosque e un río. Foi unha experiencia chea de emocións e imprevistos que nos fixo sentir parte da aventura.

Helga, nai de André e Emma de 1º de Primaria, fixo que nos divertiramos moito con dous contos que resaltaron a importancia da paciencia para acadar os nosos soños. “La oruga impaciente” e “La mariposa insegura” inspiraron á rapazada a ter perseveranza e confianza en si mesmos.

Santi, pai de Roi de 5º de Educación Infantil, compartiu con nós un conto sobre a diversidade familiar titulado “Un puñado de botones”. Aprendemos que non todas as familias son iguais, e que cada unha é única, diferente e especial. Despois da historia, os nenos e nenas participaron nunha actividade creativa onde debuxaron á súa familia usando diferentes materiais como pinturas, formas xeométricas e botóns.

Ana, tía de Nakire de 5º de Primaria, falounos sobre a inspiradora figura de "Rosa Parks". Co seu valor, dignidade e determinación, Rosa Parks axudou a moitas persoas na loita pola igualdade e os dereitos civís. A historia de Rosa foi un exemplo de coraxe e determinación para todos nós.

Olaia e Roberto, pais de Lois de 1º de Primaria, trouxéronnos o conto “Un agasallo diferente”. Este relato mostrounos como a imaxinación pode transformar o obxecto máis insignificante, como un cacho de tea, no máis marabilloso dos xoguetes. Aprendemos que con creatividade, calquera cousa pode converterse nunha fonte de diversión e nun tesouro para descubrir.


26 mar 2025

FAMILIAS LECTORAS

Familias que nos acompañaron neste mes de marzo e contaron un conto:

Juan Carlos, pai de Nora, 4º de Edº Infantil, “Los tres osos”, un conto popular inglés no que os osos reciben unha visita que altera a tranquilidade do seu fogar.

Elina, nai de Lucas, 5º de Edº Primaria, contounos “As pescadoras”, unha adaptación dun conto tradicional da India, que destaca polo seu poder evocador dos sentidos a través da decrición de lugares, sons, aromas… así como unha minuciosa escenografía con pequenas figuras, personaxes, obxectos e adornos alaborados con madeira, cartón, aramios ou elementos textiles.

Carlos, avó de Antón, 5º de Edº Infantil, contounos a historia de “A máscara do león”.

Cintia, nai de Erea, 5º de Edº Infantil, falounos de Tuco e Tico, dous monos que teñen en común a árbore na que viven e os seus veciños. Tuco é tranquilo e Tico é inquieto. Poderá a amizade superar as súas diferencias?. “Déixame en paz”.

Jose, pai de Luis, 1º Edº Primaria, unha fermosa historia para darse conta de todo o que pode perderse se deixas que os teus medos te deteñan,“E se me come unha balea?”.

Na clase da súa filla Noa de 2º Primaria, contoulles “Daniela pirata e a bruxa Sofronisa”. Á bruxa non lle gusta que a xente sexa feliz e quere que Daniela e os piratas do Caimán  deixen de sorrir.

Nati, nai de Alicia, 5º Edº Infantil, un fermoso álbum sobre o nacemento do arco da vella, “Sete dentes de león”. Esta historia sucedeu cando o mundo era gris. A vella tivo sete soños durante sete noites e naceron sete dentes de león que acenderon o mundo.

Sonia, nai de Xoel, 5º de Edº Infantil. Unha divertida historia contada en verso, “Conejo y sombrero”, na que acompañado do seu outro fillo Diego fixo varios trucos de maxia.

Ana Paula, nai de Eneko, 6º de Edº Infantil, ”A canción do cambio”, un himno ilustrado que a autora adica aos nenos e nenas que desexan alzar a súa voz para conseguir un mundo mellor.

Alejandro, pai de Nora, 4º de Edº Infantil, “Lola busca el arcoíris”. A lola gústanlle os arcos da vella máis que nada no mundo. Busca as cores por todas partes e comenza a súa aventura. Lola non se rinde, quere un arco da vella para ela soa.

Grazas por compartir con nós o voso tempo!!!

23 mar 2025

FAMILIAS COLABORADORAS

Continuamos co noso proxecto documental e contando coa colaboración das familias. Nesta ocasión, foi o pai de Vera, de 4º de primaria, o que nos explicou o proceso para deseñar cabaliños de madeira.

Lixamos as diferentes pezas e ata fixemos buracos co taladro. Agora toca empregar a nosa imaxinación e creatividade para decoralos e pintalos e posteriormente expoñelos no corredor de carpintería.

28 feb 2025

FAMILIAS LECTORAS

Rematamos este mes de febreiro coas familias que viñeron contar contos á biblioteca.

Grazas por compartir as lecturas e o voso tempo con nós!!!

Marina, nai de Paulo, 5º Edº Infantil, contounos “Monstr3s”, un álbum ilustrado para abrazar os medos.

Carolina, nai de Natalia, 2º de Primaria, escolleu “Hola, tranquilidad!, que trata a xestión das emocións negativas que poden crear os problemas nos nenos e nenas. Na clase do seu fillo, Maxi, 5º de Primaria, aproveitando que ese día, 11 de febreiro, celebrábase o Día da Muller e a Nena na ciencia, faloulles de “Marie Curie”, a científica que gañou dous Premios Nobel.

Diego, pai de Erea, 5º Edº Infantil, contou unha nova aventura de Daniela pirata e a tripulación do Caimán Negro que terán que enfrontarse a terribles perigos para librarse da malvada cíclope que está aterrorizando os mares.

María Teresa, avoa de Adrián, 4º Edº Infantil, contounos ¿A qué sabe la luna?. Os animais da selva amosarán que as cousas compartidas sempre saben moito mellor.

Ingrid, nai de Xiana, 2º de Primaria, a historia de “El hechicero chapucero” que non sabía facer encantamentos, nin maxia, nin feitizos.

Eva, nai de Leo, 5º Edº Infantil, a historia dun pitiño “Cocorico”, que vive feliz coa súa nai e como deciden facer un biscoito e un convidado sorpresa que aparece para comer a metada dese biscoito.

Aurora, nai de Marta, 2º de Primaria, “A colleita de ratiño”, un álbum con fermosas imaxes nas que podemos observar os cambios de estación e a súa influencia nos seres vivos. Na clase do seu fillo Andrés, 4º de Primaria, relatounos a historia do touro “Ferdinando”, referente do pacifismo e a prol do naturalismo.