A biblioteca é un espazo para imaxinar, aprender cousas novas e compartir historias, ideas e momentos.
20 sept 2026
BUSCAMOS COLABORADOR@S
18 jun 2026
DESPEDIMOS AO VOLUNTARIADO DE 6º
Baixo a carpa do Seis, o curso chega a súa última función. As luces acéndense e os 18 colaboradores e colaboradoras de 6º de Primaria despídense tras un ano cheo de ilusión e compromiso na biblioteca.
12 may 2026
A RADIO DO SEIS: "BEGOÑA CAAMAÑO"
Leo, Julia, Fidelia e Isaac, voluntarios e voluntarias da biblioteca, prepararon este programa con motivo da nosa participación no VIII Concurso de Podcasts Radio na Biblio. Queremos render homenaxe á escritora e xornalista galega Begoña Caamaño, co gallo da celebración das Letras Galegas 2026.
Neste
podcast descubriremos un pouco máis sobre a súa vida, a súa traxectoria
profesional no xornalismo e o seu compromiso coa lingua e coa cultura de
Galicia. Ademais, faremos un percorrido polas novelas que escribiu, "Circe
ou o pracer do azul" e "Morgana en Esmelle".
Con
este programa queremos achegar a figura de Begoña Caamaño e compartir a importancia da súa obra e do seu legado.
Agardamos que o desfrutedes!
21 abr 2026
IX MERCADO SOLIDARIO DE LIBROS USADOS
A biblioteca organiza durante este mes de abril o IX Mercado Solidario de Libros usados, unha actividade que forma parte do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.
O obxectivo principal deste mercado é dar unha segunda vida aos libros procedentes do expurgo da biblioteca, promovendo ao mesmo tempo valores de responsabilidade e solidariedade entre o alumnado. Trátase dunha excelente oportunidade para compartir, axudar e contribuír a un mundo máis xusto.
-Datas: Do 21 de abril ao 8 de maio
-Lugar: Vestíbulo do centro
O alumnado poderá levar un libro a cambio de achegar alimentos non perecedoiros (fariña, azucre, pastas, conservas...). Deste xeito, cada intercambio convértese nun xesto solidario.
A actividade está organizada polo voluntariado da
biblioteca durante os recreos, de 11,30h a 12,00h.
Todos os alimentos recadados serán doados
ao Banco de Alimentos de Vigo, contribuíndo así a apoiar ás persoas que máis o necesitan.
Grazas pola vosa colaboración nesta iniciativa
solidaria!!
16 abr 2026
O VOLUNTARIADO NO CENTRO DE DÍA ATENDO
O 15 de abril o voluntariado da biblioteca realizou unha visita ao Centro de Día Atendo. Dende hai varios cursos, desenvolvemos un proxecto de colaboración con este centro co obxectivo de establecer lazos interxeracionais e acompañar ás persoas maiores, dentro do Programa Bibliotecas Escolares Solidarias.
A xornada comezou coa lectura do libro “Nuestro circo” da editorial Takatuka. A continuación, varias usuarias do centro sorprenderon ao alumnado con adiviñas, ás que os nenos e nenas responderon con entusiasmo e moita alegría.
Despois compartimos merenda e conversas, un momento cheo de risas, lembranzas e afecto. Máis tarde, houbo tempo para lecturas compartidas, nas que gozamos de contos con temáticas diversas, e tamén para xogos de mesa circenses, que fixeron as delicias de maiores e pequenos.
A actividade rematou coa entrega de agasallos e unhas palabras de agradecemento que puxeron o broche final a unha mañá chea de emocións, aprendizaxes e sentimentos. Porque cada visita é unha semente de afecto que medra entre libros, voces e miradas.
Grazas a todo o equipo do Centro de Día Atendo por
acollernos con tanto cariño e por facer posible esta fermosa experiencia de
encontro entre xeracións!!!
16 mar 2026
O VOLUNTARIADO CONTA
O voluntariado preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de Infantil e 1º de Primaria na semana do 8M.
Mateo
e Leo transportaron ao alumnado a un mundo de aventuras co conto popular "Once damas atrevidas". A través dunha viaxe imaxinaria por diferentes países, os nenos e nenas descubriron fitos culturais e paisaxísticos, participando activamente na narración e explorando a riqueza do noso planeta. Aprenderon sobre a importancia de perseguir os seus soños e non renderse ante as dificultades.
Antía e Eva emocionaron aos nenos e nenas coa historia de "Salvaje", unha nena que vive en harmonía coa natureza. Esta inspiradora narración transmitiu valores como a liberdade, a valentía e a importancia de aprender do mundo que nos rodea. Unha oda á conexión coa natureza e ao poder da individualidade.
A través de contos buscamos inspirar ao noso
alumnado a construír un futuro máis xusto e igualitario, onde todas as persoas
teñan as mesmas oportunidades para crecer e desenvolverse plenamente.
Grazas ao voluntariado polo seu traballo e por compartir
a súa paixón pola lectura!!!
13 feb 2026
DÍA MUNDIAL DA RADIO 2026
O 13 de febreiro conmemoramos o Día Mundial da Radio, proclamado pola UNESCO. Desde 1995, a Asociación Cultural e Educativa PONTE...NAS ONDAS! vén promovendo a radio escolar como unha ferramenta educativa esencial para potenciar as habilidades comunicativas do alumnado.
Este ano, o lema é "A Radio e a Intelixencia Artificial", un tema de grande actualidade e relevancia para o futuro da comunicación.
Carla, Pedro, Mateo e Antía, alumnado de 6º de Primaria e voluntariado da biblioteca, reflexionan sobre o papel da IA na radio. Cando se utiliza de maneira ética e responsable, a IA pode ser unha ferramenta valiosa: axuda na edición de audio, na transcrición de entrevistas e mesmo na creación de contido. Porén, lembran algo fundamental: A tecnoloxía por si soa non xera confianza.
A IA é unha ferramenta, non unha voz!
Neste Día Mundial da Radio, reafirmamos o valor da radio escolar como espazo de aprendizaxe, creatividade e expresión. A IA pode ser unha aliada, pero o corazón da radio continúa sendo a voz das persoas e a súa capacidade de conectar, informar e emocionar.
31 ene 2026
VOLUNTARIADO: CONTO POLA PAZ
Na nosa biblioteca, a colaboración do voluntariado é fundamental. Grazas ao seu compromiso, preparan e comparten lecturas adaptadas ás diferentes idades, achegando os libros ao alumnado máis pequeno dun xeito próximo, afectivo e motivador.
Para celebrar a Semana da Paz, o voluntariado preparou unha lectura moi especial para o alumnado de 1º de Educación Primaria: "Wangari y los árboles de la Paz", escrito por Jeanette Winter e publicado por Ed. Ekaré.
Este fermoso conto narra a vida de Wangari Maathai, unha muller africana de kenia que gañou o premio Nobel da Paz en 2004. A través dunha linguaxe sinxela e ilustracións evocadoras, o libro conta a súa inspiradora loita a través do Movemento Verde, demostrando como unha soa persoa pode motivar a miles a tomar acción en defensa do medio ambiente e da paz.
O voluntariado, coa súa dedicación e entusiasmo, logrou transmitir a esencia da historia de Wangari, inspirando aos nenos e nenas a reflexionar sobre a importancia da paz, o respecto, a solidariedade e o coidado polo medio ambiente.
1 dic 2025
RETO KAPLA DECEMBRO
Este decembro, a biblioteca transfórmase nun circo máxico onde as pezas de Kapla son as verdadeiras estrelas. No gran circo do Nadal, as pezas fan piruetas e equilibrios imposibles, ata converterse nunha espectacular árbore de Nadal!
Únete á diversión durante os recreos de decembro. Achega a túa creatividade e habilidade para construír a árbore de Nadal máis orixinal. Traballa en equipo, comparte as túas ideas e... que comece o espectáculo!!!
Recolle a túa folla de retos na biblioteca. É o teu pasaporte á aventura! Se superas o reto do mes, recibirás unha fantástica pegatina para a túa folla. Se consigues as sete pegatinas ao longo do curso, recibirás unha pequena recompensa como premio ao teu esforzo e dedicación.
Non perdas esta oportunidade de ser parte do circo máis creativo da biblioteca!
7 nov 2025
RETOS CREATIVOS MENSUAIS
Preparádevos para un novembro cheo de emoción, sorpresa e moita creatividade. Presentamos...
OS RETOS MENSUAIS
Cada mes, un novo desafío, unha nova aventura, un novo material para descubrir e dar renda solta á túa imaxinación. Este novembro, imos... Construir!
O material estrela: KAPLA!
Acepta o reto e demostra a túa habilidade! Con Kapla, imos erguer a maior carpa de circo xamais vista! Unha carpa chea de maxia, cor e fantasía creada polas vosas mans.
Como participar?
É sinxelo! Só tes que achegarte á biblioteca durante os recreos de novembro e unirte á diversión. Traballa en equipo, comparte ideas e... Que comece o espectáculo!!!
26 oct 2025
SEMANA DE SAMAÍN
Durante a semana do 27 ao 30 de outubro celebraremos o SAMAÍN cunha programación chea de actividades pensadas para desfrutar, aprender e compartir tradicións.
Ao longo destes días haberá lecturas de contos de medo, exposicións de cabazas decoradas, sesións de contacontos, proxeccións de cine...
18 sept 2025
BUSCAMOS AXUDANTES
A biblioteca é un espazo para soñar, para aprender, para compartir, onde cada man pode axudar, cada ollada pode descubrir e cada voz pode contar. Cada persoa que participa fai que medre e se encha de vida.
Se estás en 6º de Primaria e queres formar parte deste equipo agardámoste no recreo do luns 22 de
setembro no que explicaremos o seu funcionamento.
Animádevos!!!
19 jun 2025
O VOLUNTARIADO DE 6º DESPÍDESE
Estamos chegando ao final deste curso, e para o voluntariado de 6º de Primaria tamén remata unha etapa importante. Ao longo do ano, 18 colaboradores e colaboradoras dedicaron o seu tempo e esforzo en actividades de xestión e dinamización na biblioteca durante os recreos.
Os nosos voluntarios e voluntarias tiveron un papel fundamental ao realizar tarefas esenciais que axudaron ao bo funcionamento da biblioteca.
Entre as súas funcións destacan:
-Realizar os empréstitos e devolucións de libros.
-Colocar
os diferentes materiais nos andeis correspondentes.
-Organizar o espazo para diversas actividades como exposicións,
encontros con autores/as e cine.
-Axudar no día a día aos usuarios e usuarias da biblioteca durante
o recreo.
-Preparar contos para ler aos compañeiros/as máis pequenos/as.
-Visitar
o Centro de Día Atendo e así conectar coas persoas maiores e compartir
momentos de aprendizaxe e diversión.
Queremos expresar o noso agradecemento polo traballo e dedicación que amosastes ao longo deste ano.
Desexámosvos moita sorte na nova etapa que comezades. Que esta experiencia de voluntariado vos inspire e motive para seguir participando en iniciativas que contribúan ao benestar da comunidade.
15 jun 2025
"FEIRA ARTESANAL" NA RADIO DO SEIS
Benvidos/as ao último programa deste curso na Radio do Seis!. Carmen, Mateo e Eire, alumnado de 6º e voluntariado da biblioteca prepararon un programa especial. Eles preséntannos un resumo do PDI “Feira Artesanal do Seis do Nadal”, que se desenvolveu ao longo do curso.
21 abr 2025
MERCADO SOLIDARIO DE LIBROS USADOS
A biblioteca organiza neste mes de abril o VIII Mercado Solidario de Libros usados, unha actividade que forma parte do
programa Bibliotecas Escolares Solidarias.
O
obxectivo principal deste mercado é proporcionar unha segunda oportunidade aos
libros procedentes do expurgo da biblioteca. Esta iniciativa busca fomentar
actitudes de responsabilidade e solidariedade entre os estudantes,
especialmente cara aos máis necesitados.
- Datas: Do 23 de
abril ao 9 de maio
- Lugar: Vestíbulo do centro
O
alumnado pode levar un libro a cambio de traer alimentos non perecedoiros
(fariña, azucre, pastas...).
A
actividade será organizada polo voluntariado durante os recreos, de 11,30h a
12,00h.
Todos
os alimentos recadados serán doados ao Banco de Alimentos de Vigo, contribuíndo así a apoiar ás persoas que máis o necesitan.
Grazas pola vosa colaboración e apoio
constante nesta iniciativa solidaria!!!
5 abr 2025
VISITA AO CENTRO DE DÍA ATENDO
O xoves 3 de abril, o voluntariado da biblioteca visitou o Centro de Día Atendo.
Dende hai varios cursos desenvolvemos un proxecto de colaboración con este centro co obxectivo de establecer lazos interxeracionais e acompañar aos nosos maiores. Unha actividade que está enmarcada no Programa Bibliotecas Escolares Solidarias.
Escomenzamos contando “Arte” de Patrick McDonnell. Arte é o nome do
protagonista que da vía libre a súa creatividade a través dos trazos e das
cores e que nos permitiu realizar unha actividade de robótica.
A rapazada,
xunto aos usuarios e usuarias do centro crearon un cuadro abstracto manipulando
o robot VinciBot.
Compartimos conversas,
merenda e sorrisos!!!
Tamén houbo momentos para as lecturas compartidas que nos permitiron
desfrutar de contos con temática diversa.
Teresa, Tusa e
outras usuarias foron lendo as adiviñas que tiñan preparadas e ás que o noso alumnado
foi respostando.
Rematamos coa
entrega de agasallos e palabras de agradecemento.
Grazas ao todo o Equipo do Centro do Día Atendo por esta fermosa xornada
chea de emocións e sentimentos!!!
24 feb 2025
CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA
Para a celebración do Día de Rosalía realizamos diversas actividades que nos permitiron coñecer a nosa grande escritora: lecturas, minilibros, retratos, marcapáxinas, programa de Radio...
A obra de Rosalía conforma a exposición bibliográfica que podemos atopar no vestíbulo e coa que
poidemos achegarnos a súa figura.
No Recital do venres 21 de febreiro, na Hora de Ler, Rosalía estivo moi presente nos versos do voluntariado da biblioteca, que recitaron unha selección de poemas rosalianos acompañados da zanfona e da guitarra e, a música, na voz dos nenos e nenas de 2º e 6º de Primaria que deleitaron aos presentes co ritmo de: “No bico un cantar", "Alborada" e "Maio Longo”. Todo o alumnado do centro desfrutou desta fermosa actividade.
.png)





















.jpg)






.png)



