18 may 2025

OBRADOIRO DE ROBÓTICA: LETRAS E ROBÓTICA

Durante este mes de maio, os obradoiros de robótica tiveron un enfoque moi especial: renderlle homenaxe ás protagonistas das Letras Galegas 2025, as cantareiras. A través da tecnoloxía, o alumnado de 6º de Primaria mergullouse nunha experiencia educativa onde tradición e innovación foron da man.

O obradoiro estivo organizado en tres estacións rotativas, que permitiron ao alumnado experimentar con distintas ferramentas: Scratch, VinciBot e Coding Set. 

Na primeira estación o alumnado tivo que programar con Scratch unha pequena animación na que debían facer que as cantareiras se presentasen e tocasen a pandeireta.

Na segunda actividade era o momento de facer que VinciBot botase un baile e tocase a pandeireta grazas a linguaxe de programación coa app de Matatalab.

E finalmente na última estación, a rapazada tivo que superar os retos que lle propuxo Coding Set para coñecer as cantareiras e compor o poema que as presentaba.

Foi unha actividade na que a creatividade, a cultura galega e a programación se entrelazaron, demostrando que as novas tecnoloxías tamén poden ser un vehículo para manter vivas as nosas tradicións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario