Mostrando entradas con la etiqueta Día da muller. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día da muller. Mostrar todas las entradas

30 mar 2026

BIBLIOLAB: QUE FAN AS MULLERES NO CIRCO?

Na Bibliolab de marzo, mergullámonos no fascinante mundo do circo, explorando a contribución das mulleres e descubrindo a súa historia, curiosidades e a diversidade de talentos que o fan tan especial. Investigamos, creamos e xogamos, aprendendo sobre arte, ciencia e tecnoloxía. Celebramos a maxia do circo en todas as súas formas!

Destacamos a labor de mulleres empresarias no mundo do circo, como as do Circo Raluy Legacy, unha familia dedicada ao circo durante xeracións. Un exemplo de tradición, innovación e liderado feminino. Damos renda solta á nosa creatividade creando a carpa do circo con papiroflexia, utilizando materiais como folios, xornais ou revistas.

Con Katie Brumbach, a famosa muller forzuda de 1900 de familia circense e que rematou traballando como levantadora de pesas. Traballamos as unidades de peso con materiais dunha cesta. Formulamos hipóteses, ordenamos de maior a menor peso e comprobamos co peso na balanza dixital. Unha forma práctica de aprender sobre magnitudes e medidas.

Atilina Segura, unha mestra na arte do funambulismo, realizaba un salto mortal cara atrás en arame. Lemos poesía e creamos un poema sobre o circo que transmiten a beleza e a emoción da corda floxa. Unha actividade que fomenta a expresión artística e a creatividade literaria.

Con Pepa Plana, traballamos a arte do clown en feminino. Xogamos coa expresión: completamos un modelo con materiais, mirámonos no espello e debuxámonos co nariz de pallaso. Unha maneira divertida de explorar as nosas emocións e a nosa imaxinación.

Rosa Mathilda Ritcher (Zazel), a primeira muller bala humana. Construímos un canón con cartón e globo e unha catapulta con Lego. Experimentamos coa física e a enxeñería dun xeito lúdico.

Coa incrible contorsionista, Julia Gunthel reproducimos posturas nun boneco e en nós mesmos, creando retos imposibles. Exploramos os límites do noso corpo e a nosa flexibilidade. Descubrimos a importancia do coidado do corpo para os artistas circenses.

Elaboramos o noso xornal do circo do Seis con curiosidades e noticias.

En robótica, escollemos unha imaxe ou palabra relacionada co circo e programamos o tale-bot para desprazarse ata ela.

24 mar 2026

CINEMA: MULLERES ARTISTAS DO CIRCO

A actividade "Cinema na Biblio" do mes de marzo estivo dedicada ás mulleres artistas do circo. Exploramos a evolución do papel da muller no mundo circense, dende ser consideradas obxectos de admiración ata ser recoñecidas e admiradas polas súas habilidades excepcionais e a súa contribución artística. 

Proxectamos unha escolma do espectáculo "Amaluna", do prestixioso Circo do Sol (Cirque du Soleil), unha produción estreada en 2012 que rende un sentido homenaxe á forza e á feminidade das mulleres. Esta proxección foi pensada para un público de todas as idades, dende os máis pequenos ata os maiores. 


Dirixido por Diane Paulus, "Amaluna" narra unha cativadora historia de amor e equilibrio que se desenvolve nunha misteriosa illa gobernada por deusas. Un elemento distintivo é que o elenco está composto nun 70% por mulleres, subliñando o talento feminino no mundo do circo.

A trama de Amaluna inspírase libremente en "A tempestade" de Skhakespeare e nos mitos da Grecia Antiga, creando unha atmósfera máxica e evocadora. A música, interpretada por unha banda sonora composta exclusivamente por mulleres, engade unha capa adicional de beleza e poder á experiencia circense.

16 mar 2026

O VOLUNTARIADO CONTA

O voluntariado preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de Infantil e 1º de Primaria na semana do 8M.

Mateo e Leo transportaron ao alumnado a un mundo de aventuras co conto popular "Once damas atrevidas". A través dunha viaxe imaxinaria por diferentes países, os nenos e nenas descubriron fitos culturais e paisaxísticos, participando activamente na narración e explorando a riqueza do noso planeta. Aprenderon sobre a importancia de perseguir os seus soños e non renderse ante as dificultades. 

Antía e Eva emocionaron aos nenos e nenas coa historia de "Salvaje", unha nena que vive en harmonía coa natureza. Esta inspiradora narración transmitiu valores como a liberdade, a valentía e a importancia de aprender do mundo que nos rodea. Unha oda á conexión coa natureza e ao poder da individualidade.

A través de contos buscamos inspirar ao noso alumnado a construír un futuro máis xusto e igualitario, onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades para crecer e desenvolverse plenamente.

Grazas ao voluntariado polo seu traballo e por compartir a súa paixón pola lectura!!!

14 mar 2026

AS MULLERES NO CIRCO

Durante a Semana da Muller, cada aula mergullouse nunha investigación fascinante sobre as Mulleres no circo ao longo da historia. Este proxecto enmárcase dentro do PDI do curso, que busca explorar diversos aspectos do Circo.

O noso obxectivo foi dar visibilidade ao papel fundamental que as mulleres desempeñan no mundo do circo. Descubrimos historias inspiradoras de valentía, talento e innovación, que merecen ser contadas e recoñecidas.

Algunhas das mulleres extraordinarias que investigamos, cada unha pioneira no seu campo:

-Madame Saqui: a raiña da corda frouxa.

-Mabel Stark: a dama dos tigres.

-Rosa Matilda Richter, «Zazel»: a primeira muller bala.

-May Wirth: a raiña da acrobacia ecuestre.

-Pinito del Oro, Miss Mara, Paulina Schumann...


8 mar 2026

8M: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Día Internacional da Muller 2026, baixo o lemaDereitos. Xustiza. Acción. Para TODAS as mulleres e nenas, fai un chamamento á acción para derribar todas as barreiras que obstaculizan a igualdade na xustiza: leis discriminatorias, proteccións xurídicas débiles e prácticas e normas sociais nocivas que erosionan os dereitos das mulleres e as nenas.

A campaña suliña que, sin xustiza, os dereitos son só palabras, esixindo leis que protexan contra a violencia e a discriminación.

Acceso á educación, liberdade de expresión, seguridade en espazos públicos/dixitais e participación plena na vida cultural e científica.

Actualmente as mulleres teñen só o 64% dos dereitos xurídicos dos que gozan os homes a nivel mundial, o que fai urxente a acción no 2026.

Axenda 2030 marca como Obxectivo Nº 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas escolares de Galicia traballan todo o curso, en prol dunha igualdade efectiva na nosa sociedade, formando cidadanía crítica.

7 mar 2026

LECTURAS PARA O 8M

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a biblioteca propón unha selección de libros que nos axudan a reflexionar sobre a igualdade. A través destas historias coñecemos nenas e mulleres valentes que loitan polos seus soños e rompen estereotipos.

Estas lecturas transmiten valores como o respecto, a igualdade de oportunidades, a liberdade e a importancia de recoñecer o papel das mulleres na sociedade. 

Porque os libros non só contan historias tamén nos axudan a aprender, a pensar e a construír un mundo máis xusto e igualitario.

Lecturas para o 8M de Biblioteca Seis do Nadal

6 mar 2026

8M NA RADIO DO SEIS

Coa maxia do Circo e a forza da Radio, os nosos artistas de 6ºB e 6º Infantil B uniron forzas para crear un programa moi especial. 

No marco da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, estas dúas clases suben á pista para visibilizar o papel fundamental das mulleres no mundo do circo, en liña co noso PDI deste curso.

Desfrutade desta nova entrega!!!

7 abr 2025

OBRADOIRO DE CÓDIGO MORSE

No mes de marzo, o alumnado de 5º e 6º de Primaria tivo a oportunidade de coñecer o fascinante mundo da comunicación a través do código Morse.

O primeiro reto foi a construción dun telégrafo empregando materiais sinxelos: un cartón, un clip e dous encadernadores. Unha vez listo, conectámolo á plaquiña Makey Makey, que permitiu transformar os impulsos mecánicos en sinais eléctricos.

A continuación, utilizamos Scratch e un dos seus proxectos da biblioteca para decodificar as mensaxes en Morse. Con todo preparado, os alumnos de 5º de Primaria lanzáronse a escribir os seus nomes, o do colexio e outras palabras de xeito cifrado.

En 6º de Primaria, despois de montar o dispositivo e practicar un pouco, deron un paso máis e empregaron o código Morse para descubrir os nomes de varias artesás galegas e coñecer así o papel da muller nos oficios tradicionais.

Seredes quen de descifrar de quen se trata?

24 mar 2025

CINE NA BIBLIO EN MARZO

Polo mes de marzo no Cine da Biblio proxectamos un ciclo de curtametraxes protagonizadas por nenas e mulleres, historias extraordinarias, cheas de imaxinación.

Así o alumnado de 2º e 3º ciclo de Primaria puideron desfrutar de “Soar”, a historia de Mara, unha nena de 13 anos que soña con deseñar avións. Coñeceron a Anya, unha nena orfa que vive nun orfanato en Rusia. E que trata de superarse cada día para conseguir ter a súa propia familia. E puideron facer voar a imaxinación con 3 mulleres fantásticas capaces de dominar unha onda do mar cos seus cantes e bailes ou emocionarse coa filla do queixeiro que axuda e anima ao seu pai para que non se rinda.

O alumnado de Infantil e 1º ciclo de Primaria pola súa banda descubriron a Alice con un don para debuxar e facer sorrir a quen a rodea. E a nenas cunha gran empatía dispostas a salvar animais ou revoltosas con facilidade para facer amizades sen importar a idade.

18 mar 2025

8M E DÍA DA ARTESANÍA NA RADIO DO SEIS

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

A clase de 3ºB preparou un programa adicado ao 8M, Día Internacional da Muller, no que explicarán a importancia desta data e o Día da Artesanía para reivindicar o traballo dos artesáns e das artesás.

Desfrutade desta nova entrega!!!

9 mar 2025

AS PALILLEIRAS DO SEIS

Para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, contamos coa presenza de tres mulleres, “As palilleiras do Seis” que nos amosaron as súas creacións: pulseiras, colares, pendentes, broches, e tamén un vestido con fermosos encaixes...

Poidemos observar como facían o seu traballo e tamén explicaron o proceso de realización dos encaixes, empregar patróns e facer un punto para palillar.

As ferramentas fundamentais que empregan son a almofada e os palillos. Grazas pola vosa visita!!!

5 abr 2024

CINE NA BIBLIO

No mes de marzo o Ciclo de Cine na Biblio centrouse na temática do Día da Muller.

O luns 18 de Marzo o alumnado de Edº Infantil e 1º Ciclo de Primaria puideron desfrutar de tres curtas:

-   “Un pequeno paso” de Bobby Pontillas sobre unha nena que soña con ser astronauta.

-  “Por sempre xamais” de Jordi García inspirada en Michéle Mouton, a primeira muller en gañar unha carreira do Campionato do Mundo de Rally.

-  Por último, proxectamos o vídeoconto de Gema Otero Gutiérrez e Juan Antonio Muñoz “Lalo, o príncipe rosa”.

O mércores 20 de marzo o alumnado de 2º e 3º Ciclo de Primaria, visionaron o documental de National Geographic “Mulleres”, sobre grandes profesionais que rompen os estereotipos tradicionais de xénero. Puideron escoitar e ver imaxes reais dos traballos de mulleres como a oceanógrafa gañadora do Príncipe de Asturias á Concordia, Sylvia Alice Earle ou a primatóloga e mensaxeira da Paz, Jane Goodall.

11 mar 2024

MULLERES IMPORTANTES NA NOSA VIDA

Continuando co proxecto anual de fotografía Edº Infantil, para conmemorar o 8M, coñeceron á fotógrafa e pintora Mary Quintero, especialista en retratos.


Solicitaron á colaboración das familias pedindo fotografías de mulleres importantes na vida dos nenos e nenas. Con elas fixeron a súa versión deses retratos coloreando a man, como ela facía, fotos en blanco e negro.

Organizaron diferentes actividades:

-Colorearon fotos e as caixas para formar a figura de Mary Quintero entre todo Infantil.

-Falaron das mulleres importantes das súas vidas e seleccionaron unha delas para facer o seu retrato.

-Para os retratos empregaron diferentes formatos como soporte: cd reciclados, tarxetas... e diferentes tecnicas e materiais.

-Montaxe da exposición no vestíbulo do centro.