Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas. Mostrar todas las entradas

1 jun 2026

BIBLIOLAB: BEGOÑA CAAMAÑO

Durante o mes de maio, a Bibliolab centrou as súas actividades en dúas temáticas: o pensamento computacional e a celebración das Letras Galegas, dedicado a Begoña Caamaño. A través de xogos e creacións, o alumnado mergullouse no universo literario e tecnolóxico, combinando imaxinación e aprendizaxe.

Coas tarxetas de imaxes relacionadas coa vida e obra de Begoña Caamaño, realizouse un xogo de buscar parellas.

Cada participante decorou marcapáxinas de Begoña Caamaño e tamén se utilizou o lapis 3D para crear outros. 

Empregando unha  lupa vermella descubrimos o texto oculto en diferentes tarxetas. Despois, cubriuse unha ficha de investigación con toda a información atopada.

Inspirándose nas novelas de Begoña Caamaño, o alumnado escolleu un taboleiro temático e, cos dados de historias, inventou contos para narrar oralmente aos compañeiros e compañeiras. 

En Primaria, as historias foron programadas con Scratch online ou Scratch Jr, transformando a narración en animacións interactivas.

Nas obras de Begoña Caamaño mestúranse espazos reais e fantásticos. Para explorar este aspecto, realizouse un xogo de circuitos eléctricos: con cables, uníase cada imaxe co seu nome. Se a luz se acendía, significaba que a resposta era correcta. Ademais, completouse unha sopa de letras con termos e lugares das súa novelas. 

As heroínas das historias de Begoña tamén tiveron o seu espazo nos xogos de taboleiro:

-Xogo tipo parchís: as personaxes movíanse polo taboleiro seguindo as frechas, empregando o dado numérico, ata chegar á meta da súa cor.

-Xogo de pensamento computacional: unha versión avanzada do parchís, na que se traballaron os bucles e condicións, aplicando conceptos básicos de programación.

Na obra “Circe ou o pracer azul”, Begoña inspirouse en personaxes da mitoloxía grega. Nesta historia Penélope, a raíña de Ítaca, e Circe, a deusa e raíña de Eea, intercambian cartas nas que comparten os seus segredos, aventuras e ameazas que sofren os seus territorios. Tiramos o dado, colocamos as pezas e programamos o CODING SET para conseguir coller a todos os personaxes.

Na obra “Morgana en Esmelle”, Begoña inspirouse nas lendas da Idade Media coñecidas como materia de Bretaña ou Ciclo Artúrico. O alumnado escolleu un dos tres xogos propostos nas tarxetas e programou ao Tale-bot, guiando a Morgana e os cabaleiros de Artur polas súas misións. 

31 may 2026

CELEBRANDO AS LETRAS GALEGAS

Celebramos o Mes das Letras Galegas cunha programación chea de música, cor e palabras. As actividades foron organizadas polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, Biblioteca e Música, que uniron esforzos para homenaxear a autora escollida este ano: Begoña Caamaño.

Durante o mes, o alumnado participou en diferentes propostas creativas. Pintouse a bandeira galega, realizáronse investigacións sobre a vida e obra de Begoña Caamaño, elaboráronse debuxos inspirados nos seus libros, programas de radio…

Un dos momentos máis especiais foi a visita da cantante Uxía Senlle, coa que o alumnado tivo a oportunidade de cantar “Begoñísima”, unha peza que encheu o centro de emoción e orgullo pola lingua e pola cultura galega.

Como colofón, todas as aulas participaron na creación dun mural colectivo inspirado no libro "Begoñísima", de Andrea Nunes, da editorial Cuarto de Inverno. Cada grupo elaborou diferentes elementos da obra, que se uniron nun gran traballo común. O resultado foi unha composición chea de simbolismo, creatividade e espírito de comunidade.

O Mes das Letras Galegas foi unha celebración compartida, un espazo para descubrir, cantar e crear en galego, mantendo viva a palabra e o legado de Begoña Caamaño.

28 may 2026

VISÍTANOS UXÍA SENLLE

O martes 26 de maio recibimos no noso centro a Uxía Senlle, que nos presentou temas do seu proxecto "Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño". Este libro-disco é unha homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño, figura das Letras Galegas 2026.

Definido pola propia autora como "unha carta íntima de amizade, memoria e gratitude", o proxecto combina música e literatura para reivindicar a memoria, a amizade e a liberdade das mulleres. 

Durante a actuación, Uxía estivo acompañada pola súa irmá Ana Senlle, e tamén participaron as Cantareiras do Seis, que puxeron voz e emoción a esta celebración tan especial.

O momento máis emocionante chegou cando todo o alumnado e profesorado presentes no ximnasio unimos as nosas voces para cantar "Begoñísima", enchendo o espazo de música, lembranza e alegría compartida. 

Foi unha xornada inesquecible na que celebramos a palabra, a música e a memoria de Begoña Caamaño, unha muller indómita que segue a inspirar ás novas xeracións.

26 may 2026

INFANTIL NA RADIO DO SEIS

Queremos compartir convosco un traballo moi especial que realizou a clase de 3 anos B con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Os nosos pequenos e pequenas prepararon un programa de radio dedicado a homenaxear a Begoña Caamaño.

Ao longo deste programa, descubriremos a vida da escritora e xornalista viguesa, e desfrutaremos da música de Uxía, que acompaña esta fermosa homenaxe.

Agardamos que o desfrutedes!!!

17 may 2026

LETRAS GALEGAS 2026

Este ano o 17 de maio, Día das Letras Galegas, está adicado á escritora e xornalista viguesa BEGOÑA CAAMAÑO. Muller comprometida co feminismo, coa lingua e coa nosa cultura, Begoña destacou pola súa voz valente e pola capacidade de reinterpretar os mitos clásicos desde unha mirada feminina e contemporánea. 

A súa palabra, tanto escrita como falada, foi un acto de resistencia e de esperanza. Nas súas intervencións públicas e nos seus textos, reivindicaba o poder das mulleres para transformar o mundo e reescribir a historia.

Begoña Caamaño deixou unha fonda pegada na literatura galega contemporánea. A súa voz continúa inspirando ás novas xeracións.

O seu traballo na radio, o seu activismo feminista e a súa escrita converxen nun mesmo fío: o desexo de construir unha sociedade máis xusta, libre e consciente da súa identidade.

Para achegarnos á súa vida e obra, organizamos unha exposición bibliográfica que convida a descubrir a súa traxectoria e a celebrar o seu legado como símbolo do compromiso coa lingua, a cultura e a igualdade. 

16 may 2026

LETRAS GALEGAS NA RADIO DO SEIS

A clase de 1ºB de Primaria preparou este podcast co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, adicado este ano á escritora Begoña Caamaño. 

A través dunha entrevista divertida e imaxinativa a Begoña, os nenos e nenas dan vida á autora, descubrindo aspectos da súa vida, obra e compromiso coa lingua galega, o feminismo e a cultura.

 

Agardamos que o desfrutedes!


13 may 2026

XUNTANZA NA BIBLIOTECA DO BÓVEDA

O 7 de maio, o Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis” participou nun encontro literario na biblioteca do IES Alexandre Bóveda arredor da figura de Begoña Caamaño. A actividade foi coordinada por Fani González, profesora do IES e autora do libro "Begoña Caamaño. Xornalista e escritora" da Ed. Ir Indo.

Comezou cunha pequena presentación sobre a vida, o pensamento e a importancia literaria de Begoña Caamaño na que estivo acompañada de alumnas do Bacharelato de Artes, que realizaron unha fermosa escenificación inspirada nas súas novelas. A través da interpretación e  da expresión corporal conseguiron trasladarnos a intensidade emocional e simbólica das obras.

Comentamos as dúas obras escritas por Begoña Caamaño: "Circe ou o pracer do azul" e "Morgana en Esmelle". Ao longo da sesión falamos da maneira na que a autora revisa os personaxes femininos da mitoloxía e da literatura clásica para darlles voz propia e unha mirada máis libre e actual.

Foi unha tarde moi amena, na que puidemos compartir impresións e reflexións entre os dous clubs de lectura, creando un espazo de encontro arredor da literatura e facendo comunidade.

12 may 2026

A RADIO DO SEIS: "BEGOÑA CAAMAÑO"

Leo, Julia, Fidelia e Isaac, voluntarios e voluntarias da biblioteca, prepararon este programa con motivo da nosa participación no VIII Concurso de Podcasts Radio na Biblio. Queremos render homenaxe á escritora e xornalista galega Begoña Caamaño, co gallo da celebración das Letras Galegas 2026.

Neste podcast descubriremos un pouco máis sobre a súa vida, a súa traxectoria profesional no xornalismo e o seu compromiso coa lingua e coa cultura de Galicia. Ademais, faremos un percorrido polas novelas que escribiu, "Circe ou o pracer do azul" e "Morgana en Esmelle".

Con este programa queremos achegar a figura de Begoña Caamaño e compartir a importancia da súa obra e do seu legado.

Agardamos que o desfrutedes!

5 jun 2025

BIBLIOLAB: A FOLIADA DAS LETRAS

Durante o mes de maio, a BiblioLab centrou as súas actividades na celebración de “A Foliada da Letras” co obxectivo de fomentar o coñecemento das homenaxeadas nas Letras Galegas.

BUSCA A PARELLA

Xogo de memoria no que temos que atopar as parellas de instrumentos tradicionais.

A FOLIADA

Coloreamos as marionetas, recortámolas e empregamos as pezas de Korbo para crear unha foliada de grupo.

A LUPA MÁXICA

Descubrimos os datos máis relevantes das homenaxeadas das Letras Galegas a través da lupa máxica que nos permitiu cubrir a ficha de investigación.

ATURUXA

Xogo de mesa estilo “Dobble” con temática de instrumentos e prendas típicas do baile tradicional galego.

ROBÓTICA

Descubrimos algúns intrumentos da música tradicional galega xogando co taboleiro do Tale Bot.

MARIONETA CANTAREIRA

Pintamos, recortamos e creamos a nosa marioneta cantareira seguindo as instrucións de montaxe.

CANTO SABES DAS CANTAREIRAS?

Escaneamos os códigos QR para aprender sobre as protagonistas das Letras Galegas.

A RUTA DAS CANTAREIRAS

Programamos o Coding Set para a nosa ruta coas tarxetas de retos.

27 may 2025

FOLIADA DAS LETRAS

O venres 23 de maio o noso centro co grupo de “Cantareiras do Seis” participamos na Foliada das Letras Galego-Portuguesas en Compostela.

Nesa xornada reivindicamos e celebramos o rico patrimonio oral galego-portugués e os nosos cancioneiros tradicionais. 

A Foliada foi unha auténtica romaría, chea de música, alegría e cultura. Cantar e bailar foron as actividades principais, e fixémolo con moito entusiasmo. Compartimos a nosa paixón polas letras e a música tradicional con outros grupos de escolas de Galicia e Portugal. Foi unha experiencia enriquecedora que nos uniu a todos nun lazo cultural e emocional.

Durante esta fermosa festa, as nosas voces encheron o aire de Compostela, reivindicando a riqueza e a diversidade das letras galego-portuguesas. Cada canción que interpretamos foi un tributo ao noso patrimonio común, e cada baile foi unha celebración da nosa identidade compartida.

No blog de Música podedes ver os vídeos da actuación:

https://opentagramamaxico.wordpress.com/2025/05/26/ponte-nas-ondas-pno/

21 may 2025

CELEBRANDO AS LETRAS GALEGAS 2025

Festexamos a Semana das Letras Galegas con música, tradición oral e innovación.

As actividades foron organizadas polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, Biblioteca e Música.

Empregamos diferentes actividades en liña, pintamos a bandeira galega, escribimos o noso libriño das letras galegas…

O alumnado de 6º de Primaria buscou información sobre as cantareiras e os cancioneiros populares. Presentaron as súas investigacións aos compañeiros e compañeiras do colexio. Os resultados das súas investigacións foron expostos no corredor correspondente.

Un dos momentos máis destacados da semana foi a visita de Xurxo Souto o xoves 15 de maio. Este multifacético artista -cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor-compartiu a súa paixón pola poesía popular oral. Durante a súa charla, destacou que “somos un pobo de artistas”.

Xurxo Souto tamén acompañou ás cantareiras e interpretamos conxuntamente o “Pirimpimpim”. Foi un momento máxico que resaltou a unión e a forza da cultura galega a través da música.

Para conmemorar este día tan especial, agasallamos a todos e todas cun fermoso colgante en forma de pandeireta, elaborado coa impresora 3D.

Nas aulas de 6º de Primaria, os nenos e nenas empregaron os seus coñecementos sobre a técnica do Zentangle, combinando meditación e debuxo de tangles (enredos), para crear unha pequena estampa en homenaxe ás cantareiras.

Entre todas as aulas, construímos un mural que recolle diferentes elementos da arte das cantareiras. Este mural foi un traballo colaborativo que involucrou a toda a escola:

  • Educación Infantil: Decoraron tres pandeiretas co nome das homenaxeadas.
  • Educación Primaria: Decoraron as ferreñas con información sobre as cantareiras Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García Prieto, e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.

O venres 16 de maio, durante o recreo, recibimos a TVE, que gravou ao grupo das “Cantareiras do Seis”. Este momento especial foi despois emitido no telexornal.

Para culminar esta semana das Letras Galegas, despois do recreo, a rapazada reuniuse no patio e cantou o Himno Galego. Foi un momento emocionante que puxo fin a unha semana chea de actividades enriquecedoras e de celebración da nosa lingua e cultura.