Coa chegada do Samaín, a Biblioteca volveu encherse de misterio, emoción e historias arrepiantes coa súa xa tradicional sesión de cine de medo.
Este curso, os
máis pequenos/pequenas do cole recibiron a benvida da man das personaxes do Xabarín
Club, que lles amosaron distintas formas de celebrar o Samaín. Entre música,
tradicións e moita imaxinación, a sesión converteuse nunha primeira
aproximación divertida a esta festa tan chea de símbolos e historias.
Despois, Masha
tomou a palabra para contar un par de historias arrepiantes. Cada relato trouxo
consigo emoción, sustos suaves e unha aprendizaxe final, demostrando que mesmo
nas historias de medo pode agocharse unha boa lección.
O alumnado de máis idade desfrutou dun novo episodio de Que hai de novo, Scooby-Doo?, unha serie que xa tivera unha gran acollida o curso pasado. Nesta ocasión, a cuadrilla visita a familia de Velma durante un festival de Halloween, no que a banda KISS é a gran atracción principal. Porén, a celebración vese interrompida pola aparición do fantasma do fundador da localidade e por unha morea de espantallos viventes que sementan o medo entre os asistentes.
Entre tradición,
humor, misterio e algunha que outra sorpresa, a Biblioteca celebrou un Samaín
de película.



No hay comentarios:
Publicar un comentario