25 oct 2026

"A BIBLIOTECA GALÁCTICA" DE TANXARINA

O xoves 22 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas co espectáculo “A biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica” de Tanxarina Compañía de Títeres e o dramaturgo Carlos Labraña.

Esta adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é unha defensa á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía.


A obra convídanos a descubrir o valor das historias e a coñecer algúns dos referentes máis importantes da literatura galega. Entre os seus personaxes atopamos o Lobo Namorado, da escritora Fina Casalderrey; Toribio, do escritor de Carlos Casares; e O Espantallo Amigo, personaxe creado por Xosé Neira Vilas.

A historia sitúanos na Biblioteca Galáctica, onde Ataulfo, o rato bibliotecario, descobre que os personaxes dos libros infantís están en perigo. Xunto con Ramón Lamote e Sara, deberá enfrontarse ao malvado profesor Smith e á súa IA Fantástica para liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado da súa influencia.

Este espectáculo, nacido do traballo conxunto de Tanxarina e Carlos Labraña por encargo da Editorial Galaxia para celebrar o seu 75 aniversario no ano 2025, recibiu o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo de Títeres, Obxectos e Formas Animadas.

Moitísimas grazas a Tanxarina por este espectáculo marabilloso que nos encantou e por lembrarnos que os libros son auténticas portas a outros mundos, que nos permiten soñar, aprender, imaxinar e vivir mil aventuras sen saír do mesmo lugar. Porque cada libro agocha un universo por descubrir!

No hay comentarios:

Publicar un comentario