Durante o mes de outubro, o alumnado de 5º de Educación Primaria participou nunha nova actividade do Polo Creativo: un obradoiro
de programación, enmarcado nas actividades que se desenvolveron no centro con
motivo da celebración do Samaín.
Nesta
ocasión, achegámonos á programación con Scratch para crear un holograma moi especial: un morcego! Seguindo unhas sinxelas
instrucións paso a paso, cada alumno e alumna foi programando desde cero o seu
propio morcego, descubrindo algunhas das posibilidades que nos ofrece este
programa.
Unha vez
rematada a programación, chegou o momento máis sorprendente: empregamos as
pirámides holográficas que xa construíramos o curso pasado para transformar as
nosas creacións nunha imaxe que parecía flotar no aire.
Pero... como
se consegue este efecto? Aproveitamos a actividade para descubrir que a imaxe
se divide en catro partes, que se reflicten nas caras da pirámide, creando así
a ilusión óptica dun holograma.

Ademais,
descubrimos que non precisamos materiais complicados para experimentar con esta
tecnoloxía: podemos construír a nosa propia pirámide holográfica na casa
utilizando materiais reciclados.
Foi un obradoiro no que mesturamos programación, ciencia e creatividade, demostrando que a tecnoloxía tamén pode ser unha
fantástica aliada para celebrar o Samaín e aprender dun xeito divertido e
sorprendente.