O 15 de abril o voluntariado da biblioteca realizou unha visita ao Centro de Día Atendo. Dende hai varios cursos, desenvolvemos un proxecto de colaboración con este centro co obxectivo de establecer lazos interxeracionais e acompañar ás persoas maiores, dentro do Programa Bibliotecas Escolares Solidarias.
A xornada comezou coa lectura do libro “Nuestro circo” da editorial Takatuka. A continuación, varias usuarias do centro sorprenderon ao alumnado con adiviñas, ás que os nenos e nenas responderon con entusiasmo e moita alegría.
Despois compartimos merenda e conversas, un momento cheo de risas, lembranzas e afecto. Máis tarde, houbo tempo para lecturas compartidas, nas que gozamos de contos con temáticas diversas, e tamén para xogos de mesa circenses, que fixeron as delicias de maiores e pequenos.
A actividade rematou coa entrega de agasallos e unhas palabras de agradecemento que puxeron o broche final a unha mañá chea de emocións, aprendizaxes e sentimentos. Porque cada visita é unha semente de afecto que medra entre libros, voces e miradas.
Grazas a todo o equipo do Centro de Día Atendo por
acollernos con tanto cariño e por facer posible esta fermosa experiencia de
encontro entre xeracións!!!




No hay comentarios:
Publicar un comentario