15 may 2026

IRIA MISA E " A EXCURSIÓN A CANS"

O 13 de maio, o alumnado de 5º de Primaria recibiu a visita da escritora Iria Misa, autora do libro A excursión a Cans. Unha veciña de película.

Tras unha pequena presentación de benvida,  Iria foi convidada a visionar os vídeos que o alumnado gravara inspirándose na súa obra. Como recordo, entregáronlle un díptico con códigos QR que permiten acceder a eses vídeos, elaborados con moita creatividade e entusiamo.

Durante o encontro, Iria contou que este libro naceu como un encargo do Festival de Cans, co obxectivo de achegar este evento rural e cinematográfico aos lectores e lectoras máis novos. 

 

A protagonista, Alice, leva ese nome en homenaxe á pioneira cineasta Alice Guy, e xa aparecía no anterior libro da autora "Unha veciña de película". Nesta nova aventura, Alice e os  xemelgos Elsie e Simón viaxan literalmente polo interior das curtametraxes que se proxectan en Cans, vivindo experiencias cheas de imaxinación e aprendizaxe.

A autora explicou tamén como aproveitou este recurso narrativo para introducir obras reais premiadas ou proxectadas no festival, para amosar o proceso de creación detrás das cámaras, destacando o valor das producións independentes. Non faltaron tampouco os elementos icónicos do festival, como os chimpíns, os jalpóns  ou o Torreiro das Estrelas, que dan identidade a esta celebración tan especial. 

O alumnado participou activamente, facendo preguntas sobre o proceso creativo, os personaxes e as ideas que inspiran á autora, e descubrindo moitos segredos sobre o mundo do cinema e da escrita. A temática do libro permitiu reflexionar sobre a amizade, a comprensión mútua e a irmandade, ademais de coñecer máis de preto o Festival de Cans. 

A xornada rematou cun momento moi especial: Iria Misa asinou os exemplares do seu libro, deixando unha lembranza inesquecible desta visita inspiradora. 

Grazas, Iria, pola túa visita e por compartir connosco a maxia das túas historias!

No hay comentarios:

Publicar un comentario