4 may 2026

BIBLIOLAB: A MAXIA DOS LIBROS

Durante o mes de abril, a Bibliolab encheuse de maxia para celebrar o mes do libro. As historias convertéronse en portas abertas á imaxinación, e cada actividade foi un pequeno truco cheo de ilusión, humor e creatividade. A través dos libros, descubrimos que a maxia pode estar en calquera lugar: nas palabras, nos números, na natureza e mesmo nos xogos.

Con “Era unha vez un dominó” e os dados, inventáronse contos cheos de fantasía e aventuras.

Inspirados en “El ilusionista amarillo”, de Bruno Munari, transformámonos en auténticos ilusionistas: lemos, xogamos coas cartas e descubrimos xogos diferentes a través de códigos QR. A maxia estaba nas nosas mans e tamén nas nosas ideas.

A historia de “O mago Goma”, fixo aparecer sorrisos e soños gardados nunha caixa de cristal. Inspirámonos nel para xogar con “Rimando ando”, creando versos divertidos, e co xogo “Quen é quen”, describindo personaxes máxicos con moito enxeño.

En “Tito fai de mago”, a variña máxica foi a protagonista desta sección. Con ela, fixemos aparecer o coello da chistera pronunciando a frase máxica que Tito nos ensinou. Decoramos un floreiro con flores primaverais, tirando os dados e seguindo as instrucións que guiaban cada paso do noso feitizo creativo.

O libro “Dez coelliños”, de Maurice Sendak, inspirou xogos de lóxica e cálculo. Xogamos con taboleiros, Ranitas, Suma 15 e Math Blox, demostrando que os números tamén poden facer trucos sorprendentes cando se xoga con eles.

Con “Os magos das formas”, de Anxo Fariña, observamos o mundo doutro xeito, descubrindo as formas agochadas nos obxectos do día a día. As actividades con bloques lóxicos e o xogo “Eduludo Formas” axudaron a ver que todo pode transformarse se se mira con ollos de mago.

O libro “Abececirco”, levounos a un circo cheo de letras e personaxes máxicos. Buscamos páxinas con artistas e criaturas fantásticas, xogamos a facer familias co xogo de cartas “Mini Family” e creamos acrósticos cos nomes dos personaxes do circo. As palabras convertéronse en auténticos trucos de maxia.

Para rematar, viaxamos “O meu país máxico”, un xogo de mesa: dominó, xogos de equilibrio e de observación. Cada partida foi unha nova oportunidade para rir, aprender e seguir soñando.

Na Bibliolab, a maxia dos libros segue viva en cada historia, en cada xogo e en cada sorriso que nace ao abrir un libro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario