13 may 2026

XUNTANZA NA BIBLIOTECA DO BÓVEDA

O 7 de maio, o Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis” participou nun encontro literario na biblioteca do IES Alexandre Bóveda arredor da figura de Begoña Caamaño. A actividade foi coordinada por Fani González, profesora do IES e autora do libro "Begoña Caamaño. Xornalista e escritora" da Ed. Ir Indo.

Comezou cunha pequena presentación sobre a vida, o pensamento e a importancia literaria de Begoña Caamaño na que estivo acompañada de alumnas do Bacharelato de Artes, que realizaron unha fermosa escenificación inspirada nas súas novelas. A través da interpretación e  da expresión corporal conseguiron trasladarnos a intensidade emocional e simbólica das obras.

Comentamos as dúas obras escritas por Begoña Caamaño: "Circe ou o pracer do azul" e "Morgana en Esmelle". Ao longo da sesión falamos da maneira na que a autora revisa os personaxes femininos da mitoloxía e da literatura clásica para darlles voz propia e unha mirada máis libre e actual.

Foi unha tarde moi amena, na que puidemos compartir impresións e reflexións entre os dous clubs de lectura, creando un espazo de encontro arredor da literatura e facendo comunidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario