30 abr 2025

AS FAMILIAS CONTAN

Agradecemos a todas as familias que compartiron o seu tempo e historias con nós no mes de abril. Cada conto foi unha oportunidade para aprender, imaxinar e conectar.

Iris, nai de Xela de 4º de Educación Infantil, levounos nunha emocionante aventura co conto “Imos cazar un oso”. A través deste relato, creamos un ambiente sonoro e imaxinamos xuntos o percorrido por un campo de herba, un bosque e un río. Foi unha experiencia chea de emocións e imprevistos que nos fixo sentir parte da aventura.

Helga, nai de André e Emma de 1º de Primaria, fixo que nos divertiramos moito con dous contos que resaltaron a importancia da paciencia para acadar os nosos soños. “La oruga impaciente” e “La mariposa insegura” inspiraron á rapazada a ter perseveranza e confianza en si mesmos.

Santi, pai de Roi de 5º de Educación Infantil, compartiu con nós un conto sobre a diversidade familiar titulado “Un puñado de botones”. Aprendemos que non todas as familias son iguais, e que cada unha é única, diferente e especial. Despois da historia, os nenos e nenas participaron nunha actividade creativa onde debuxaron á súa familia usando diferentes materiais como pinturas, formas xeométricas e botóns.

Ana, tía de Nakire de 5º de Primaria, falounos sobre a inspiradora figura de "Rosa Parks". Co seu valor, dignidade e determinación, Rosa Parks axudou a moitas persoas na loita pola igualdade e os dereitos civís. A historia de Rosa foi un exemplo de coraxe e determinación para todos nós.

Olaia e Roberto, pais de Lois de 1º de Primaria, trouxéronnos o conto “Un agasallo diferente”. Este relato mostrounos como a imaxinación pode transformar o obxecto máis insignificante, como un cacho de tea, no máis marabilloso dos xoguetes. Aprendemos que con creatividade, calquera cousa pode converterse nunha fonte de diversión e nun tesouro para descubrir.


No hay comentarios:

Publicar un comentario