27 abr 2026

PEDRO FEIJOO NO CLUB DE LECTURA

O 22 de abril o Club de Lectura “Ás seis no Seis” do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal e o Club de Lectura de Adult@s do IES Alexandre Bóveda compartiron unha xornada inesquecible coa visita do escritor Pedro Feijoo. O autor achegouse para conversar arredor da súa novela “Onde nacen as bestas”, un relato intenso que non deixa indiferente a ninguén.

En “Onde nacen as bestas”, Pedro Feijoo mergúllanos nunha historia chea de tensión, misterio e simbolismo. A través dun contexto rural e de personaxes complexos, o autor convida a reflexionar sobre os límites entre o humano e o salvaxe, entre a razón e os instintos máis primarios. Ispirada na lenda do lobishome de Allariz, Romasanta, a novela combina realidade e mito cunha forza narrativa que atrapa dende as primeiras páxinas.

Para acoller o encontro, o espazo decorouse para a ocasión cunha careta de lobo e elementos de costura, símbolos que evocan o universo da novela e a personalidade dos seus protagonistas. 

Pedro Feijoo, destacou a importancia de investigación e documentación exhaustiva no seu proceso creativo. Contou que viviu durante un tempo en Rebordechao, para coñecer de preto o territorio e as persoas que inspiraron a súa historia.

Durante a conversa, compartiu anécdotas, reflexións e curiosidades abordando diferentes aspectos presentes na novela, como os incendios forestais, a crítica social e o papel da memoria colectiva na construcción das identidades.

A xornada rematou cun toque doce e entrañable: a tradicional bica branca de “A Casa das Bicas” de Soutelo Verde, que puxo sabor a unha tarde chea de emoción e complicidade.

O encontro con Pedro Feijoo foi unha oportunidade para dialogar sobre literatura, identidade e memoria. Moitas grazas, Pedro, por compartir connosco esta viaxe literaria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario